O número de edís das corporacións municipais varía cando se superan ou se perden uns determinados niveis de poboación (250, 1.000, 2.000, 5.000, 10.000, 20.000, 50.000 ou 100.000 habitantes). Estes límites son observados -con preocupación ou desexo- polas distintas localidades, pois estar un chisco por riba ou por debaixo determina non só a cantidade de concelleiros que se escollen nas eleccións locais, senón tamén a parte que os concellos reciben dos tributos recadados polo Estado e tamén a posibilidade de acceder a máis competencias.
O INE publicou esta semana os datos definitivos do padrón municipal. Esta estatística será a que determine o número de concelleiros que se elexiran en cada localidade, aínda que pode haber pequenas modificacións se os concellos son quen de probar cambios substanciais nas súas cifras de residentes
Amplas zonas de Galicia están a sufrir dende hai décadas un intenso proceso de envellecemento e despoboación e son maioría os concellos que perden habitantes. Esta tendencia negativa fará que nas eleccións municipais do vindeiro mes de maio varias localidades escollan menos edís que no ano 2019. Con todo, tamén haberá algún concello que verá incrementadas as súas corporacións municipais.
O INE publicou esta semana os datos definitivos do padrón municipal, correspondente ao 1 de xaneiro de 2022. Esta estatística será a que determine o número de concelleiros que se elexiran en cada localidade, aínda que pode haber pequenas modificacións se os concellos son quen de probar cambios substanciais nos seus padróns. É dicir, a distribución resultante destes datos non é aínda a oficial, xa que esta será publicada pola Xunta Electoral poucas semanas antes das eleccións.
88 concellos gañan poboación con respecto ao ano 2018 e 224 pérdena. Porén, poucos destes cambios terán implicacións directas no número de edís escollidos en maio. En principio, á espera dos últimos cambios, tres concellos incrementan a súa representación e outros doce poderían perder parte dela
Con respecto ás cifras de catro anos atrás, hai 88 concellos que gañan poboación, 224 que a perden e un que se mantén. Porén, poucos destes cambios terán implicacións directas no número de edís escollidos en maio. En principio, á espera dos últimos cambios, tres concellos incrementan a súa representación e outros doce poderían perder parte dela. En total, Galicia escollería 16 concelleiros menos.
Non hai cambios no rango superior, o dos concellos que superan os 100.000 habitantes (Vigo, A Coruña e Ourense) e que polo tanto escollen 27 concelleiros, aínda que os case dous mil habitantes perdidos por Ourense nos últimos catro anos deixan esta cidade moi preto de perder o nivel dos 100.000 (103.756).
Tampouco hai cambios nas outras catro cidades entre 50.000 e 100.000 habitantes, que escoller 25 edís. Lugo e Compostela levan anos tentando superar a barreira dos 100.000, pero a cidade lucense perdeu 814 habitantes dende o 2018 e está un pouco máis lonxe (97.211). Santiago, en cambio, é o concello que máis poboación gaña (+1.774) e achégase a ese nivel (98.179). Pontevedra e Ferrol mantéñense tamén neste rango, aínda que a cidade naval é o concello que máis poboación perdeu dende as últimas municipais (-2.641).
Os concellos entre 20.000 e 50.000 habitantes escollen 21 concelleiros. Hai catro anos foron 15 e nestas eleccións serán 16, coa incorporación do Porriño, que leva tempo gañando poboación. A vila pontevedresa medrou en 668 residentes e sitúase con 20.408 habitantes, aumentando os seus edís de 17 a 21.
O Porriño supera os 20.000 habitantes e, polo tanto, pasa de 17 a 21 concelleiros. Mentres, Salvaterra do Miño supera os 10.000 habitantes, nivel que perde As Pontes
Pola súa banda, as localidades entre 10.000 e 20.000 habitantes optan a 17 concelleiros. No 2019 foron 34 e nesta ocasión serán 33. Ademais do ascenso do Porriño á seguinte categoría, hai dous cambios no límite inferior, xa que Salvaterra do Miño supera os 10.000 habitantes (10.079), o que lle permite pasar de 13 a 17 concelleiros. Pola contra, As Pontes baixa deses 10.000, ficando en 9.974 e perdendo eses catro edís.
Os concellos entre 5.000 e 10.000 habitantes escollen 13 edís. Nese caso o seu número pasa de 57 a 56, cos cambios xa comentados de Salvaterra e As Pontes e, ademais, o descenso de Neda (4.972) ao nivel inferior, que lle leva a elixir dous concelleiros menos, de 13 a 11.
Neda perde dous concelleiros, ao ficar con menos de 5.000 habitantes. Tamén perden edís Crecente, Boimorto, O Valadouro e Antas de Ulla (caen por debaixo dos 2.000 habitantes). E, igualmente, Ourol, Navia de Suarna, As Nogais, Folgoso do Courel, Castrelo do Val e Pedrafita do Cebreiro, con menos de mil habitantes no Padrón
As localidades entre 2.000 e 5.000 habitantes elixen 11 concelleiros. O seu número pasa de 86 a 83, despois da incorporación de Neda e a caída ao segunte nivel de Crecente (1.937), Boimorto (1.890), O Valadouro (1.938) e Antas de Ulla (1.918), que perden dous edís (pasan de 11 a 9).
Os concellos entre 1.000 e 2.000 habitantes escollen 9 edís. O seu número pasa de 82 a 81, pois a pesar de sumar a Crecente, Boimorto, O Valadouro e Antas de Ulla e tamén a A Arnoia (que supera os mil habitantes ao chegar aos 1.015 e polo tanto gaña dous concelleiros) este nivel perde a Ourol, Navia de Suarna, As Nogais, Folgoso do Courel, Castrelo do Val e Pedrafita do Cebreiro, que baixan dos mil habitantes e perden dous edìs. Ourol fica con 999 e Navia de Suarna con 997, polo que unha modificación de última hora podería mudar esta distribución.
A Arnoia é o único dos pequenos concellos que pasa ao nivel inmediatamente superior, gañando dous edís ao acadar unha cifra de máis de mil habitantes
As localidades entre 250 e 1.000 habitantes escollen 7 concelleiros, unha situación na que hai catro anos estaban 31 concellos e agora hai 36, con Ourol, Navia de Suarna, As Nogais, Folgoso do Courel, Castrelo do Val e Pedrafita do Cebreiro como novidades.
Finalmente, en Galicia só hai un concello por debaixo dos 250 habitantes. Trátase de Negueira de Muñiz, que a pesar de gañar poboación neste mandato (pasa de 218 a 228 residentes), segue por debaixo dese nivel e polo tanto escolle cinco concelleiros.