O BNG acusa a Xunta de "perdoar" compensacións millonarias a promotoras de parques eólicos e esixe unha investigación

Ana Pontón e outros membros do grupo parlamentario do BNG, este 1 de febreiro de 2023 ante o complexo administrativo de San Caetano, sede central da Xunta CC-BY-NC-SA BNG

Nos últimos días, o PP afeou en varias ocasións á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que tirase unha foto na escalinata principal do Pazo do Hórreo con alcaldes, alcaldesas e outros líderes municipais da formación soberanistas cos que compartira unha xornada sobre defensa da sanidade pública celebrada en instalacións do Bloque na propia sede do Parlamento. Segundo os conservadores, tratouse dun uso partidario do recinto parlamentario.

Tras as críticas do PP por fotografárense na escalinata do Parlamento, Pontón e outros membros do grupo do Bloque levan a súa crítica a xestión eólica do Goberno galego ás portas da Presidencia da Xunta

A formación respondeu a esas críticas advertindo de que non ten intención de "calar" e este mércores deu lugar a outra imaxe significativa. A propia Pontón e unha decena de membros do grupo parlamentario do Bloque acudiron ás portas da sede central da Xunta, no complexo administrativo de San Caetano. Alí, concretamente ante as instalacións da Presidencia do Goberno galego, acusaron o Executivo agora presidido por Alfonso Rueda de perdoar compensacións millonarias a promotoras de parques eólicos e esixiron unha investigación ao respecto.

Un parque eólico en Vimianzo © Greenalia

Sinalan que esta reclamación e a súa propia posta en escena chega despois de que a Xunta "negase información ao Parlamento, malia ás reiteradas peticións do BNG, sobre os centos de millóns de euros que as eléctricas deberon abonar por non executar os plans industriais vinculados ás adxudicacións de parques eólicos" ao abeiro do plan de 2010. Trátase do plan co que o Goberno do PP de Alberto Núñez Feijóo substituíu o reparto eólico do Executivo de coalición PSdeG-BNG (segundo o Tribunal Superior de Xustiza e o Tribunal Supremo, anulado irregularmente).

Pontón remítese a un caso sinalado a finais de 2022 pola asociación ecoloxista Adega, segundo a cal a Xunta "eximiu de pagar 11,7 millóns de euros á empresa Greenalia, na que se recolocou a ex-conselleira do PP Beatriz Mato", para afirmar que esa é "só a punta do iceberg". "O Goberno do PP traballa para as eléctricas e, por se fose pouco, perdoa ás empresas adxudicatarias de parques eólicos o desenvolvemento dos proxectos industriais vinculados a esas adxudicacións ou, no seu defecto, a súa monetarización", afirma. Segundo os seus cálculos, aseguran, as "compensacións económicas" pendentes superarían os 1.000 millóns de euros.

Presentación da resolución do plan eólico de 2010 polos daquela conselleiro de Industria, Javier Guerra, e director xeral de Enerxía, Ángel Bernardo Tahoces CC-BY-SA Ana Varela

Apunta Pontón que, ante a "total opacidade do PP e a súa contumaz negativa a todas as solicitudes de información formuladas polo BNG" por vías regulamentarias no Parlamento, dan en activar a esixencia dunha comisión de investigación. "É gravísimo que se lle estea regalando diñeiro a mans cheas a empresas eléctricas e, por riba, se tome polo pito do sereno ao Parlamento agochando documentación que teñen a obriga de achegar", censura. 

"É evidente -coida a líder nacionalista- que o PP ten moito que ocultar e que está traballando a prol das eléctricas e contra o interese de Galiza". Neste sentido, acrecenta que os populares "traballan para as eléctricas cunha lexislación ad hoc, cando paraliza a Rede Natura para facilitar a instalación de parques eólicos, cando vemos que se aproban proxectos que son anulados ou paralizados pola xustiza e cando vemos como dun xeito acelerado e con opacidade se dá barra libre ao espolio eólico aprobando un aluvión de parques".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.