O líder popular emprega o Parlamento de Galicia para propoñer a José Luis Costa Pillado, presidente do Consello Consultivo, no que o PP recortou a independencia dos seus letrados
A operación está condicionada a que PP e PSOE desbloqueen as súas negociacións para a renovación do Tribunal Constitucional, que os socialistas vinculan coa renovación global do Consello Xeral do Poder Xudicial. Pero Feijóo xa ten o seu home para o Constitucional: José Luis Costa Pillado, presidente do Consello Consultivo, o órgano que supervisa resolucións e normas das administracións galegas.
As propostas de nomes para formar parte do Constitucional poden saír dos parlamentos das comunidades autónomas, e ao Parlamento de Galicia vén de recorrer agora Feijóo, que desembarcou en Madrid como senador por designación desta mesma Cámara, para propoñer a Costa Pillado.
O Consello Consultivo emite ditames xeralmente non vinculantes sobre a legalidade e corrección xurídica de proxectos de lei que a Xunta somete á súa consideración así como sobre resolucións de diverso tipo de calquera administración galega ou das tres universidades. O presidente da Xunta tamén lle pode pedir ditames xurídicos sobre calquera cuestión que considere, o que vén sendo empregado polo Goberno galego como arma política para cuestionar decisións do Goberno de España.
O Consultivo está conformado por cinco conselleiros electivos, xuristas de recoñecida competencia, elixidos por un período de seis anos. Dous conselleiros son designados directamente polo presidente da Xunta e os outros tres polo Parlamento de forma proporcional á representación dos grupos parlamentarios, o que fai que a actual composición do órgano sexa dunha maioría de conselleiros elixidos directamente polo PP. É o caso de Costa Pillado, xuíz de carreira, elixido membro do Consultivo en 2008 a proposta do PP e que en 2014 accedeu á súa presidencia.
Pero as decisións dos conselleiros do Consultivo baséanse no traballo xurídico previo que fan os letrados desa institución. Ata 2017 eses letrados eran elixidos a través dun proceso público de selección, pero nese ano, malia a oposición dos afectados e a través dunha lei de acompañamento ou ómnibus como as que agora critica Feijóo, o PP mudou o procedemento e pasaron a ser nomeados a dedo como parte da escala de letrados da propia Xunta.
Hai uns meses Costa Pillado emitiu un ditame a petición da Xunta que xustifica que poida xestionar as concesións do litoral porque así o estableceu o Constitucional na súa sentenza sobre o Estatut de Catalunya de 2010
Entre os ditames do Consultivo que o Goberno galego vén empregando para enfrontarse ao Goberno de España destaca nos últimos tempos un elaborado polo propio Costa Pillado como relator que recorre á sentenza do Tribunal Constitucional de 2010 sobre o Estatut de Catalunya para xustificar que a Xunta poida xestionar o litoral galego, fronte ao argumento do Estado de que antes debe reformar o Estatuto de Autonomía de Galicia. Segundo o ditame de Costa Pillado, a sentenza do Constitucional sobre o Estatut catalán admite que comunidades como Galicia poidan xestionar as concesións costeiras sen mudar o estatuto.
Antes da reforma do sistema de elección dos seus letrados o Consultivo emitiu ditames significativos contrarios ás pretensións da Xunta, como os que viron ilegalidades no Decreto do Plurilingüismo, alertaron da "inseguridade xurídica" do decreto que permitía que os colexios peneirasen o alumnado antes de admitilo, sinalaron irregularidades no concurso de licenzas de FM ou estableceron que o decreto que regulou as áreas de xestión clínica era "contrario ao ordenamento xurídico".