Fin do corpo de letrados do Consello Consultivo. O pleno do Parlamento aprobou este martes cos votos do PP a lei de acompañamento dos orzamentos de 2017, o cuestionado método para mudar nunha soa operación múltiples textos legais -unha vintena, desta volta-, entre eles a norma que regula o Consello Consultivo, aprobada hai apenas dous anos. Como advertiran nos últimos días En Marea e PSdeG esta modificación implica que os letrados do organismo encargado de ditaminar sobre o encaixe xurídico das decisións da Xunta perden a súa autonomía. De agora en diante quedan integrados na escala xeral de letrados da Xunta, entre os cales o presidente do organismo os elixirá pola vía da libre designación e tendo en conta criterios como o da confianza.
Despois de que a asociación profesional que respecta os propios letrados alertase de que a reforma outorga "omnímodas facultades" ao cuestionado presidente, José Luis Costa Pillado, e subliñan ademais que a Xunta pode estar a cometer unha "ilegalidade", toda a oposición galega reiterou no pleno as mesmas alertas. En pleno "enfrontamento" de Costa Pillado co funcionariado do Consultivo, di dende En Marea o vicevoceiro Antón Sánchez, o Goberno aposta por "rebaixar a independencia" do Consultivo cando a decisión que debera tomar, afirma, é promover a marcha do presidente por "estar imputado na operación Cóndor", o caso "do que dixo non saber nada" no Parlamento "e ao día seguinte foi testificar ante a xuíza", o que implica que "mentiu" na Cámara
Para a voceira do PSdeG no debate, Begoña Rodríguez, a intención dos conservadores con esta reforma é simple. "Non é mais que quitar do medio aquilo que é molesto", neste caso os letrados que poden elaborar informes críticos, "agás que vostedes entendan que cunha libre designación non se reduce a independencia" dun organismo que está a sufrir "un dano irreparable" por parte do seu presidente, responsable "dunha condena por alterar de forma irregular por alterar as condicións do funcionariado". Nesta liña advirte tamén dende o BNG a súa vicevoceira, Olalla Rodil, quen instou sen éxito os populares a ter en conta que "os propios letrados advirten de que poderían estar a incorrer nunha patente ilegalidade; alá vostedes co botón que premen".
O PP defende que a mudanza é simplemnte unha "reorganización" que non afecta á independencia do Consultivo
O criterio dos grupos da esquerda foi rebatido dende o PP na voz da deputada Paula Prado. Tras acusar a En Marea de ter "o seu propio corralito de corrupción no Concello de Santiago" e reiterar que o electorado "vota maioritariamente ao PP" a deputada conservadora limita a reforma ao feito de que agora o Consultivo vai "poder contar con calquera letrado da Asesoría Xurídica" e non dubida da legalidade da mudanza, xa que "confío moito nos letrados do Parlamento". O xeito en que se designen os letrados non é o relevante, afirma Prado, xa que "o que ten que ser autónomo é o órgano" e a oposición " non pode poñer en cuestión a independencia dos letrados da Xunta", porque é "un absoluto erro e unha absoluta barbaridade". Trátase, simplemente, dunha "reorganización dos recursos humanos".
"Barra libre" no monte
En Marea e BNG censuran que a Xunta introduza "pola porta de atrás" a extensión dos cultivos enerxéticos no monte
Alén do Consultivo a voceira do PP defende como "eficaz" o modelo de reformas da lei de acompañamento que, afirma, a esquerda non debera criticar porque é un instrumento "absolutamente válido" que tamén empregan outras comunidades autónomas. No entanto, dende a oposición censúrase que o gabinete de Feijóo bote man desta "porta de atrás" do procedemento lexislativo para, por exemplo, establecer a "barra libre aos cultivos enerxéticos, principalmente o eucalipto nitens", subliña Olalla Rodil, quen lamenta que a Xunta perda a oportunidade de "ollar cara a Portugal" e imitar a "conxelación da forestación con eucaliptais ata 2030". "Iso significa ter un plan, pero lonxe dos intereses de ENCE", afirma.
A mesma lei permite ás televisións autonómicas privadas seguir incumprindo as licenzas outorgadas por Fraga en funcións
Con ENCE relaciona tamén a reforma Antón Sánchez, quen se amosa convencido de que "non hai ningún técnico que non traballe" para a pasteira que "diga que o problema é a superficie forestal" en Galicia. No entanto, censura, tras "mentir" prometendo o traslado da factoría fóra da ría de Pontevedra para despois facilitar a súa prórroga agora "meten isto, máis superficie e máis barra libre" para os cultivos enerxéticos. É unha peza máis, di o parlamentario de En Marea, dun "atraco democrático".
É neste escenario no que os populares culminan a aprobación do proxecto orzamentario para 2017 e das súas leis asociadas. Entre os cambios aprobados con esta lei figuran, entre outros, unha reforma na relación entre os concellos e o Consorcio de Benestar, reformas tributarias ou unha prórroga para evitar ter que rescatar as concesións das televisións autonómicas privadas que están a incumprir os termos das licenzas que lles concedeu o Goberno de Manuel Fraga cando xa estaba en funcións.