Cando o Constitucional avalou cunha soa frase que Feijóo emendase leis sen que a oposición puidese participar

Feijóo co grupo parlamentario do PPdeG nunha imaxe de arquivo, entre eles co presidente da Cámara, Miguel Santalices, e o voceiro, Pedro Puy CC-BY-SA PPdeG

O debate sobre introducir con emendas cuestións non contempladas no texto emendado, que leva o Constitucional a bloquear as Cortes a petición do PP, foi resolto en sentido contrario hai tres anos tras un recurso do PSdeG contra o Parlamento de Galicia

Este luns o Tribunal Constitucional paralizou cautelarmente a votación nas Cortes Xerais de emendas que PSOE e Unidas Podemos querían introducir nunha proposición de lei xa en trámite para, entre outras cuestións, desbloquear a renovación do propio Constitucional. O PP de Alberto Núñez Feijóo considera que o procedemento de introducir con emendas cuestións non contempladas no texto orixinal emendado suporía unha vulneración dos dereitos constitucionais dos seus deputados, que xa non podían tentar emendar novamente o texto. 

Hai catro anos un procedemento similar foi o empregado polo PPdeG do mesmo Feijóo para introducir na lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta para 2019 varias emendas a cuestións non contempladas no texto orixinal, o que levou ao PSdeG a presentar un recurso de amparo ante o Constitucional similar ao agora admitido a trámite aos populares. Os casos son semellantes na súa orixe, pero hai tres anos o Constitucional nin sequera admitiu a trámite a petición socialista. E non é posible afondar nas posibles diferenzas entre os dous casos porque o recurso dos socialistas foi inadmitido cunha simple providencia cunha única frase na que o tribunal amparábase para a súa decisión na “manifesta inexistencia de violación dun dereito fundamental” tutelable polo Constitucional, sen xustificar dita afirmación.

Resposta cunha soa frase que deu o Constitucional en 2020 a un recurso do PSdeG contra a introdución por parte do PPdeG de Feijóo de emendas sen relación co texto emendado CC-BY-SA Praza Pública

Ao contrario do que viña ocorrendo durante anteriores presidencias da Xunta, os gobernos de Feijóo recorreron todos os anos a leis de acompañamento dos orzamentos coas que mudaron todo tipo de normas aínda que non tivesen relación directa coas contas públicas. Pero coa lei de acompañamento dos orzamentos para 2019 foi un paso máis alá. Tras incluír o proxecto de lei enviado pola Xunta ao Parlamento reformas en máis dunha vintena de leis previas de todo tipo, as emendas que o PPdeG presentou a ese texto introduciron novas mudanzas a normas sobre caza, menores ou a composición do Consello Económico e Social que non se citaban no texto emendado.

O PSdeG argumentou no seu recurso a falta de "homoxeneidade" entre as emendas do PPdeG e o texto orixinal, pero o Constitucional non o admitiu a trámite cunha única frase sen argumentar

O grupo parlamentario do PSdeG, daquela encabezado por Xoaquín Fernández Leiceaga, presentou un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional alegando a vulneración de dereitos dos seus deputados, que con ese procedemento xa non podían tentar emendar as emendas introducidas a última hora polo PPdeG. Segundo reflectiron os socialistas no seu recurso, a súa protesta inicial ante a Mesa do Parlamento, controlada polo PPdeG e responsable de admitir a tramitación das emendas dese partido, foi respondida cunha negativa amparada nun informe dos servizos xurídicos da Cámara elaborado no mesmo día en que lles foi solicitado. Ese informe xurídico do Parlamento aceptou tramitar as emendas do PPdeG alegando a existencia dunha “homoxeneidade relativa” entre estas e a lei de acompañamento en tramitación, pero sen argumentar esa suposta conexión entre ambos textos.

Tras aprobarse a lei de acompañamento dos orzamentos coas emendas introducidas polo PPdeG de Feijóo o 26 de decembro de 2018, o PSdeG presentou en marzo de 2019 o seu recurso de amparo ante o Constitucional cuestionando fundamentalmente a “homoxeneidade” que debe haber entre as emendas e o texto orixinal e a falta de argumentación ao respecto por parte dos servizos xurídicos do Parlamento de Galicia. Case un ano máis tarde, en febreiro de 2020, o Tribunal Constitucional decidiu non admitir a trámite o recurso “dada a manifesta inexistencia de violación dun dereito fundamental tutelable en amparo”, sen máis consideracións. 

Xoaquín Fernández Leiceaga cando era portavoz parlamentario do PSdeG e se presentou o recurso de amparo inadmitido a trámite polo Constitucional © Parlamento de Galicia

O Constitucional puido facelo así grazas a unha reforma legal introducida en 2007 na lei orgánica que regula o seu funcionamento. Naquel ano, ante o atasco de recursos de amparo que sufría o tribunal, mudouse a lei para que puidese decidir sobre a admisión a trámite ou non dese tipo de recursos cunha simple providencia e non cun auto máis argumentado. Para iso fixáronse condicións como a “especial transcendencia constitucional” do asunto en cuestión, e estableceuse sobre as providencias de inadmisión simplemente que “especificarán o requisito incumprido”, sen máis argumentación. Ademais, esas providencias de inadmisión tan simples non poden ser recorridas por quen presentou o recurso de amparo senón xa só polo Ministerio Fiscal no prazo de tres días.

Así que a providencia coa que o Constitucional inadmitiu en 2020 o recurso do PSdeG non di máis que os tres maxistrados que analizaron o asunto -entre eles Cándido Conde-Pumpido, ex-fiscal xeral do Estado e considerado un dos vogais máis proclives ao PSOE- consideraron que non había nada sobre o que pronunciarse a respecto da “homoxeneidade” entre emendas e texto orixinal que botaban en falta os socialistas galegos.

Fronte a esa actuación en 2020, agora o Tribunal Constitucional vén de admitir a trámite o recurso do PP e aceptado a súa petición de medidas cautelares porque a súa maioría conservadora considera, á espera da análise de fondo que faga, que a simple vista o argumento popular non carece de verosimilitude. Segundo destaca o propio tribunal nun comunicado, os deputados populares alegaron “a vulneración do seu dereito ao exercicio do cargo representativo [...] como consecuencia da introdución de emendas por parte da maioría parlamentaria [...] que non gardan conexión de homoxeneidade co texto emendado”. 

Sede do Tribunal Constitucional CC-BY K3T0

Agora o Constitucional admite o recurso do PP porque "non carece de verosimilitude atendendo á doutrina constitucional sobre o exercicio do dereito de emenda e a relación de homoxeneidade que ha de existir entre as emendas e a iniciativa lexislativa que se pretende modificar"

Ante ese recurso, o Constitucional di apreciar que “a vulneración de dereitos fundamentais alegada non carece prima facie de verosimilitude, atendendo á doutrina constitucional sobre o exercicio do dereito de emenda e a relación de homoxeneidade que ha de existir entre as emendas e a iniciativa lexislativa que se pretende modificar”. Tamén di que “a cuestión formulada neste recurso de amparo ten especial transcendencia constitucional ao estimar que o asunto suscitado transcende do caso concreto porque formula unha cuestión xurídica ‘relevante e xeral de repercusión social’, que, ademais, ten ‘unhas consecuencias políticas xerais’”.

Nada se sabe, pola contra, máis alá dunha simple frase xenérica, sobre o que valorou o Constitucional a respecto da “homoxeneidade” e a “repercusión social” das emendas introducidas polo PPdeG no Parlamento de Galicia en 2018. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.