O PSdeG afea ao Constitucional que admita a Feijóo un recurso similar ao que lles rexeitou a eles hai tres anos

O portavoz socialista, Luis Álvarez, e o ex-presidente Feijóo na última sesión do segundo no Parlamento de Galicia o pasado abril CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os socialistas galegos fan ao líder popular “responsable da crise institucional” e lembran que empregaba en Galicia “os mesmos procedementos” lexislativos que agora critica a Sánchez no Estado

O PSdeG criticou este mércores, na sesión de control á Xunta no Parlamento de Galicia, que o ex-presidente Feijóo empregase na Cámara galega similares procedementos lexislativos aos que agora censura ao Goberno de Pedro Sánchez para introducir emendas en leis que non teñen que ver con elas. Un procedemento que agora o Tribunal Constitucional vén de paralizar cautelarmente mentres toma unha decisión sobre o fondo da cuestión, pero que hai tres anos nin sequera quixo avaliar cando o PSdeG denunciou o seu uso por parte do PPdeG de Feijóo.

O Parlamento durante o Pleno deste mércores © Parlamento de Galicia

Este mércores Praza.gal revelou como o Constitucional decidiu nin sequera admitir a trámite un recurso formulado polo PSdeG contra a inclusión por parte do PPdeG na lei de acompañamento dos orzamentos para 2019 de emendas que non tiñan relación co texto orixinal. Fíxoo cunha providencia cunha única frase sen argumentar, o que impide coñecer as posibles diferenzas a respecto da actual suspensión cautelar do mesmo procedemento nas Cortes Xerais a petición do PP.

O Constitucional, lamentou Luis Álvarez, “despachou un recurso idéntico" do PSdeG contra Feijóo "cunha única frase dicindo que non procedía, e agora parece que si procede”

Tras esa publicación deste diario, o portavoz socialista no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez, empregou parte da súa intervención deste mércores en facer a Feijóo “responsable da crise institucional” estatal por recorrer ante o Constitucional a actuación de PSOE e Unidas Podemos cando el “empregaba os mesmos procedementos”. E nesa liña afeou tamén a resposta do Constitucional lembrando, a respecto da petición de suspensión similar que lle fixo o PSdeG hai catro anos, que “despachou un recurso idéntico cunha única frase dicindo que non procedía, e agora parece que si procede”.

Luis Álvarez, portavoz parlamentario do PSdeG, no Pleno deste mércores © Parlamento de Galicia

Ante esa disparidade de xeitos de proceder cando era presidente da Xunta e agora que é líder do PP estatal, Álvarez cualificou a Feijóo de “mutante, cambiante”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.