A aposta de Feijóo pola imaxe do PP fronte á loita contra a corrupción impúlsao cara á presidencia do partido

Feijóo e Díaz Ayuso, nunha imaxe de arquivo durante un acto de partido © PP

Quen nas sucesivas eleccións galegas dicía non presentarse polo PP senón por Galicia pode acabar liderando a súa formación por protexer as siglas por riba doutras consideracións

O irmán da presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, cobrou cando menos unha comisión por un contrato público desa administración. Porén, apenas doce horas despois de que Ayuso fixese estourar a crise no PP declarándose acosada por ser investigada por ese feito pola dirección de Pablo Casado, o presidente Feijóo xa tiña claro o seu bando. “Non teño especial preocupación con iso”, dicía o xoves 17 en referencia ás sospeitas de corrupción de Ayuso. “Si teño unha certa preocupación coa situación orgánica que está vivindo o partido en Madrid”, engadía xusto a continuación. Menos dunha semana despois o nome de Feijóo xa era aclamado polos principais cadros do PP como o único posible salvador do partido.

No aire quedará a dúbida de se foi precisamente o rápido posicionamento inicial de Feijóo e a súa posterior insistencia na situación do partido o que fixo que progresivamente máis cargos populares se sumasen ás críticas contra Casado ou se eses movementos chegarían de seu. A estas alturas o certo e verdade, segundo a expresión que adoita empregar o presidente, é que o debilitamento de Casado ao que contribuíron as súas verbas vén de impulsalo máis que nunca a esa viaxe só de ida a Madrid que no pasado nunca acabou de concretarse.

Presentación do lema electoral do PP en 2012 © PPdeG

A reivindicación que nas primeiras horas da crise fixo Feijóo da unidade interna e a imaxe externa do partido fronte á investigación de posibles comportamentos indebidos contrasta con algunhas actitudes mantidas durante os seus anos á fronte da Xunta. As siglas dese PP que agora Feijóo quere salvar desapareceron ou minimizáronse nos carteis electorais das súas sucesivas candidaturas a revalidar a presidencia do Goberno galego. El, chegou a dicir nas últimas eleccións galegas, as de 2020, non era un candidato “refén de ningún partido” senón que era “libre”. Un “militante de Galicia”, como dixera xa catro anos antes.

En 2018 Feijóo negou que o PP fose condenado por corrupción pola Audiencia Nacional no caso Gürtel, como así sucedeu, e recoñeceu en público o traballo dun alto cargo do seu Goberno condenado no caso Campeón despois de que a Xunta decidise non acusalo

Ese partido que cando chegan as eleccións non é o máis importante, segundo di neses momentos Feijóo, xa pasou por máis crises antes da actual. E na última e máis relevante a postura do presidente galego foi similar á actual: unha defensa das siglas por riba dos feitos. 

Cando a condena en 2018 do PP por corrupción no caso Gürtel, que acabaría derivando na caída de Mariano Rajoy, a postura de Feijóo foi negar a maior mesmo fronte a unha sentenza da Audiencia Nacional. É evidente que no PP se produciron graves erros de control, e por iso hai un ex-tesoureiro condenado e varios alcaldes condenados”, dicía daquela, pero aseguraba que “non hai ningunha condena ao PP por corrupción”. Iso si, tamén admitía que non pensaba demandar a quen mantivese o contrario.

Comité executivo do PP no que en xuño de 2018 Mariano Rajoy presentou a súa dimisión tras ser apartado do Goberno por unha moción de censura tras a condena do caso Gürtel © PP

Tampouco tivo en conta Feijóo a principal sentenza por corrupción na Xunta durante os seus gobernos, a do caso Campeón que rematou coa condena dun director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dun subordinado e dun deputado autonómico do PP, cando xusto un ano despois recoñeceu e agradeceu expresamente o traballo do primeiro. Un alto cargo do seu goberno ao que, como aos outros cargos populares encausados, a Xunta decidiu non acusar no proceso penal que remataría coa súa condena.

Feijóo mesmo gabou a figura de Barreiro Rivas, o ex-vicepresidente da Xunta condenado por prevaricación polo Supremo e que ao tempo foi o principal responsable de que o popular Fernández Albor perdese a Xunta en 1987

O eloxio por parte de Feijóo de persoas sentenciadas por corrupción tamén se produciu en varias ocasións coa figura do ex-vicepresidente da Xunta José Luis Barreiro Rivas, condenado polo Tribunal Supremo, co engadido ademais de que foi o principal responsable de que o popular Gerardo Fernández Albor perdese a Xunta en 1987. Nese caso nin o dano ao interese xeral nin o dano ao partido fixeron que Feijóo exteriorizase nin “especial” nin “certa” preocupación, segundo as expresións que agora vén de empregar para a actual crise do PP que el mesmo pode ter que solucionar.

Feijóo na presentación dun libro de Barreiro Rivas, condenado por prevaricación polo Supremo e un dos responsables da caída do popular Fernández Albor en 1987 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.