Hai un ano que Alberto Núñez Feijóo emprendeu o camiño que o levou a ser o primeiro presidente que renunciou ao cargo en toda a historia da Xunta. "A Galicia non lle é indiferente España", argumentara ante os cargos directivos do PPdeG para xustificar o seu lanzamento como candidato único a remudar o defenestrado Pablo Casado apenas un ano e medio despois de conseguir a súa cuarta maioría absoluta, menos tempo do que transcorrera dende as anteriores eleccións (2016) cando en 2018 non competira para ser substituto de Mariano Rajoy.
O acontecido na dirección estatal do PP nestes doce meses é, a grandes trazos, sabido. O ex-presidente desmontou o núcleo duro de asesores da Xunta e do partido en Galicia -en esencia, as mesmas persoas - para levalo consigo e constituír con el a cerna da nova cúpula da madrileña rúa de Génova.
Dende alí, o equipo que ten como cabezas visibles no organigrama a cargos como Mar Sánchez Sierra, Luis de la Matta ou Marta Varela están a reeditar, en boa medida, a estratexia de oposición que despregaran contra o Goberno de coalición de PSdeG e BNG en Galicia. Ao tempo, promocionan o seu líder como presidenciable con elementos practicamente idénticos aos utilizados en Galicia, "contrato" incluído.
Hai un ano, cando o ex-titular da Xunta marchou remudar a Pablo Casado, a Xunta era Feijóo e o PPdeG, tamén. Agora sucede o mesmo na dirección estatal ante a que os populares galegos non amosaron aínda o estilo propio atribuído a Rueda en estratexias, discursos e mesmo estética
En Galicia, a remuda foi cuberta cun substantivo e un adxectivo: "Normalidade extraordinaria". Iso foi, dixeran, o que sucedera para colocar a Alfonso Rueda onde antes estaba Feijóo, tanto no Goberno como no partido. No Goberno houbo só unha novidade, a inclusión como vicepresidente segundo de Diego Calvo, o último barón provincial en explicitar o seu apoio a unha sucesión que en boa medida xa decantara o ourensán José Manuel Baltar.
Finalizaba así unha etapa na que o presidencialismo de Feijóo relegara a un segundo plano á práctica totalidade de dirixentes que o acompañaban. A Xunta era Feijóo e o PPdeG, tamén, de aí que fose frecuente que, como en tempos de Fraga aínda que por motivos diferentes, os discursos, iniciativas políticas e mesmo a imaxe do partido en Galicia diferisen das ditadas dende Madrid polas direccións de Mariano Rajoy e -máis aínda- de Pablo Casado.
Se ata a primavera de 2022 o PPdeG era sinónimo de Feijóo, isto é o que sucede agora coa dirección estatal do partido. Pero o que agora non hai, cando menos en Galicia, é un contrapeso ou estratexia diferenciada. O estilo propio atribuído a Rueda aínda está por definir e así o está a amosar a formación a escasos tres meses da cita coas urnas municipais do 28M, eleccións que a pasada semana o propio presidente elevou -ou reduciu- a "antesala" da campaña do seu antecesor para os comicios xerais, que previsiblemente se celebrarán en decembro.
Esta semana o PPdeG desbotou de vez o seu 'Somos maioría' para o 28M, asumindo como propio o 'Entre todos' ditado dende Madrid
O PP en Galicia segue sendo de Feijóo, estando á súa sombra, e o seu aparello dilúese nas directrices que chegan de Madrid. Mostra disto foi esta semana, por exemplo, a ratificación de que a dirección galega asume como propio o lema Entre todos cara ao 28M, ditado pola dirección estatal para unha cita que tamén é autonómica en doce territorios, prescindindo definitivamente do Somos maioría que utilizaran na precampaña. Segundo a xefa dese aparello, a secretaria xeral, Paula Prado, fano porque "Galicia entre todos" son "tres palabras fundamentais para chegar a onde non chegan unha soa persoa ou un partido".
Baixo ese lema, asegura Prado, buscarán gobernar nos concellos fronte ao que denominan "pactos de perdedores", razoamento que os levara a escoller o agora desbotado Somos maioría. Ao tempo, e outra volta na clave estatal fixada dende a madrileña rúa de Génova, a número dous de Rueda inseriu no argumentario de precampaña a esixencia de explicacións ao PSdeG polo caso Mediador, a trama corrupta destapada en Canarias coa implicación dun ex-deputado do PSOE no Congreso, xa expulsado do partido. Faltan doce semanas para as eleccións municipais e, a priori, uns nove meses para unhas xerais nas que o PP será menos "deG" ca nunca, toda vez que o seu destino na Xunta semella cada vez máis ligado ao de Feijóo en Madrid.