Rueda presenta as municipais como "antesala" da campaña de Feijóo, que se atribúe a caída de Pedro Sánchez en 2016

Rueda e Feijóo, na presentación das candidaturas do PP ás municipais, este 25 de febreiro en Santiago CC-BY-SA PPdeG

O PP de Galicia recuperou este sábado a escenografía das súas grandes ocasións para, na presentación das súas cabezas de lista ás eleccións municipais nos 313 concellos galegos, facer ver que conserva intacta a capacidade de organizar mitins de gran asistencia. Foron unhas catro mil persoas, segundo o partido, as que xuntou no compostelán Multiusos Fontes do Sar nun acto con alcaldables, membros das listas e outros cargos no que o agora presidente dos populares en Galicia e da Xunta, Alfonso Rueda, volveu quedar en segundo plano fronte ao seu xefe de filas, o ex-presidente e líder do PP estatal, Alberto Núñez Feijóo.

O PP recupera a escenografía das súas grandes ocasións para presentar as cabezas de lista ás municipais en Galicia facendo ver que conserva a capacidade de organizar mitins de gran asistencia

O mitin comezou coa intervención do candidato compostelán, Borja Verea, das aspirantes conservadoras ás alcaldías de Cambados e Pol, Sabela Fole e Nicole Grueira, e mais do alcalde de Xunqueira de Ambía e candidato á reelección, o veterano José Luis Gavilanes -un por provincia-. Seguiu, en orde crecente de xerarquía, coa intervención de Rueda, que deu en presentar as municipais do 28M como unha "antesala" da campaña das xerais para un Feijóo que se presentou a si mesmo como responsable da caída de Pedro Sánchez en 2016, cando o agora presidente do Goberno de España perdeu o liderado do PSOE como froito dunha conxura interna dos favorables á abstención na investidura de Mariano Rajoy.

Rueda e Feijóo, con aspirantes do PP ás alcaldías, outros cargos e asistentes ao mitin do PP deste sábado en Santiago CC-BY-SA PPdeG

"É certo que son eleccións municipais", evidenciou Rueda, pero para o PP son "antesala de moitas cousas, de cambiar" o Goberno de España porque "así non podemos seguir, xa está ben, xa estamos fartos", enfatizou despois de censurar que ministros do PSOE critiquen a Feijóo pola súa xestión na Xunta. "Veñen dicirnos, manda carallo, que non vales porque es galego e xestionaches Galicia", afirmou. "A todos eses do PSOE e do Bloque", retou, que "se vaian preparando, porque o PP de Galicia coa súa vitoria nas municipais será parte fundamental de axudar a Feijóo a ser presidente" de España, augurou.

O ex-presidente asegura que vai facer "no conxunto da nación" o que "fixemos en Galicia durante tanto tempo". "A suma de minorías radicais non poderá impoñerse ás maiorías democráticas", apelou

Segundo Rueda, a disxuntiva que se abre neste ciclo electoral é entre "gobernos que decepcionan" ou gobernos "como o da Xunta" e a esa diferenza apelou tamén Feijóo. Entre lembranzas á súa marcha de hai un ano -iniciada precisamente cun acto no mesmo Fontes do Sar-, o ex-presidente asegurou que vai facer "no conxunto da nación" o que "fixemos en Galicia durante tanto tempo", para o que precisa "gañar cunha gran maioría" como as que o levaron á presidencia da Xunta. 

Unha desas maiorías, evocou, foi a que conseguiu nas eleccións de setembro de 2016. E o PSOE, mofouse, "botou a Sánchez á semana seguinte". Polo tanto, veu razoar, "xa sabemos o que lle espera", toda vez que "volverei ser candidato e volveremos gañar". "Non sei o que lle pasará a Sánchez, pero empeza o cambio en España", proclamou entre fortes aplausos. Oito meses despois da súa caída interna en 2016, Pedro Sánchez recuperou o liderado do PSOE cunha ampla vitoria nas primarias de maio de 2017 e un ano despois xa era presidente do Goberno de España tras o triunfo da moción de censura contra Rajoy.

Feijóo, no mitin do PP deste 25 de febreiro en Santiago © David Mudarra / PP

Os discursos de Rueda e Feijóo estiveron salferidos tamén de apelacións aos Gobernos de coalicións sen participación do PP. Se el goberna no Estado, dixo o ex-presidente, "a suma de minorías radicais non poderá impoñerse ás maiorías democráticas". 

E se o PP goberna nos concellos, advertiu o seu sucesor en Galicia, nos gobernos locais non haberá "división", "contradicións", "imposicións ideolóxicas" nin "fallos de xestión". Porque "xa sabemos de que van os bipartitos", advirte ante uns comicios nos que, admite, un dos seus retos é obter poder nas cidades tras un mandato no que o PP só gobernou temporalmente en Ourense, como socio minoritario do bipartito encabezado por Gonzalo Pérez Jácome.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.