Galicia queda fóra da xestora do PSOE logo da caída de Pedro Sánchez

Javier Fernández, presidente de Asturias e da xestora do PSOE, nunha reunión con Alfonso Rueda Dominio Público Xunta de Galicia

Ningún galego forma parte da xestora que dirixe o PSOE desde a dimisión na noite deste sábado do seu xa ex-secretario xeral, Pedro Sánchez. E iso malia que a inmensa maioría da ducia de delegados galegos no Comité Federal contribuíran horas antes á súa caída fronte ao único apoio da presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela.

Pilar Cancela, presidenta da xestora do PSdeG, foi a única da ducia de membros galegos do Comité Federal que apoiou ao xa ex-secretario

Logo de doce horas de discusións procedimentais, o Comité Federal do PSOE rexeitou a proposta de Sánchez de convocar un congreso con voto directo da militancia para renovar o seu cargo e ratificar así a súa negativa a apoiar a Mariano Rajoy como presidente do Goberno. Os contrarios a esa postura gañaron a votación por 132 a 107, Sánchez dimitiu e a continuación os baróns rexionais conformaron unha xestora que dirixirá o partido durante os próximos meses ata un aínda incerto novo congreso que renove todos os seus cargos.

A xestora está presidida polo presidente de Asturias, Javier Fernández, acompañado por nove persoas de confianza dos líderes do partido en Andalucía (dous membros), Extremadura (dous membros), Valencia, Canarias, Cantabria, Baleares e La Rioja. Cataluña decidirá se engade un representante cando remate a súa propia renovación interna.

A situación na que queda agora o PSOE agrava aínda máis a división do PSdeG e a debilidade da súa xestora

Da delegación galega, só Pilar Cancela, presidenta da xestora do PSdeG nomeada pola dirección de Sánchez, apoiou as teses do xa ex-secretario xeral, mentres que o resto de galegos votaron en contra. Do Comité Federal, ademais de Cancela forman parte José Blanco, Abel Caballero, Carmela Silva, Mar Barcón, Marisol Soneira, Pablo García, María Quintas, Ricardo Varela, Antón Louro, Patricia Rodríguez e Beatriz Sestayo, malia que esta última non participou na reunión de onte en Madrid por atoparse en Canarias por cuestións familiares.

A situación na que queda agora o PSOE agrava aínda máis a división do PSdeG e a debilidade da súa xestora.  Nas horas previas á reunión do Comité Federal numerosas agrupacións locais, especialmente na Coruña e Lugo, e as xuventudes do partido amosaran de xeito público o seu apoio a Sánchez. Pola contra, as cidades atlánticas, con Vigo e Abel Caballero á cabeza, amosaran a súa oposición.

Lista de membros da xestora do PSOE Dominio Público eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.