Feijóo volve un ano despois ao lugar onde dixo adeus a Galicia para lanzar o PPdeG a unhas municipais con "ton" estatal

Feijóo, no acto no que anunciou a súa candidatura á presidencia do PP, este 2 de marzo de 2022 en Santiago CC-BY-SA PP

Igual que hai un ano argumentou a súa marcha como un sacrificio de Galicia por España, agora tamén presenta as as eleccións locais como un chanzo máis do seu obxectivo final, a presidencia do Goberno de España

O 2 de marzo do pasado ano o pavillón multiusos Fontes do Sar, en Santiago, foi o lugar escollido por Alberto Núñez Feijóo para desvelar a súa intención de presidir o PP estatal tras a crise aberta entre o anterior presidente, Pablo Casado, e a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso. 360 días despois, o próximo sábado 25 de febreiro, Feijóo volverá ao mesmo pavillón para presentar os 313 candidatos e candidatas da súa formación ás eleccións municipais do 28 de maio, uns comicios que o PPdeG xa prevé cun “ton” máis estatal, o que atribúe á “confrontación” do resto de partidos ante as súas “propostas”.

O acto de hai un ano no pavillón santiagués celebrouse apenas dúas semanas despois de que o 16 de febreiro estourase a crise entre Casado e Ayuso, un conflito no que Feijóo se situou a carón da segunda ata que os baróns rexionais do partido decidiron ofrecerlle a presidencia do mesmo nun congreso extraordinario que foi anunciado o día 24. Feijóo fíxose de rogar e aínda esperaría unha semana máis, ata o 2 de marzo, para anunciar que concorrería a ese congreso. 

Feijóo, nunha imaxe de arquivo cando era presidente da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

Quen ata ese momento obtivera catro maiorías absolutas en Galicia asegurando que a Xunta era a súa única aspiración e os intereses do país a súa prioridade -o famoso “Galicia, Galicia, Galicia”-, mudou aquel 2 de marzo do pasado ano de argumentario para xustificar a súa marcha “porque a Galicia non lle é indiferente España”. Unha España, ven incidindo neste último ano o propio Feijóo, que estaría a pasar pola “maior crise institucional da democracia”, situación que el sería o único cualificado para resolver.

Non é a primeira vez que Feijóo é presentado en Galicia como o 'candidato' do PP nas municipais, cuxo sistema electoral quere mudar para beneficiar máis os populares

Pero antes de que cheguen as eleccións xerais que poden dar a Feijóo o seu obxectivo final, a presidencia do Goberno de España, o 28 de maio celebraranse as eleccións municipais e tamén as autonómicas nalgunhas comunidades. Uns comicios que os populares queren presentar como unha sorte de primeira volta na que se deixe ver o apoio cidadán ás súas teses e nomeadamente á figura de Feijóo. Ese é o enfoque tamén en Galicia, onde non é a primeira vez que, por riba dos nomes locais, Feijóo é presentado como o candidato do PP. Iso si, coa salvagarda, agora como en anteriores municipais, de que se os populares non gobernan en máis sitios é porque o sistema electoral non é o adecuado.

Feijóo, nun acto no Monte do Gozo cos seus candidatos ás cidades nas eleccións de 2011 CC-BY-SA PPdeG

No acto do próximo sábado no pavillón Fontes do Sar os 313 candidatos e candidatas municipais do PPdeG serán o decorado que permitirá a Feijóo volver presentarse como a salvación da suposta grave crise institucional que vive España -non Galicia-. Unha clave estatal das municipais que o PPdeG xa publicita abertamente. 

"Cando hai un partido como o PP que tenta chegar a acordos e presentar propostas e papeis pois inmediatamente o debate é derivado cara a descualificacións persoais", di Pedro Puy, portavoz parlamentario do PPdeG

Este luns o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, foi preguntado polo acto do sábado e por como prevé que será a campaña, como coordinador do programa marco dos populares en Galicia. “Estamos nun momento político que en xeral pola súa proximidade coas eleccións xerais vai facer que sexa unha campaña posiblemente cun ton máis nacional do habitual”, admitiu Puy.

O popular admitiu que o que se vai escoller nas urnas é o poder local, pero atribuíu os seus efectos estatais a “esta dinámica política nacional que estamos a ver todos os días na que a confrontación segue, na que cando hai un partido como o PP que tenta chegar a acordos e presentar propostas e papeis pois inmediatamente o debate é derivado cara a descualificacións persoais e non cara a ideas ou cara aos proxectos que se presentan”. Unhas declaracións de Puy que chegaron na mesma xornada en que a número 2 de Feijóo, Cuca Gamarra, insistiu en criticar o “cinismo” de Pedro Sánchez, desta volta a conta da denominada Lei do ‘só si é si’.

Pedrou Puy, portavoz parlamentario e coordinador do progama electoral marco para as municipais do PPdeG © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.