Nas eleccións municipais de 2019 o PP perdeu en Galicia 2,3 puntos de apoio cidadán e 120 edís. Conservou a posición de forza máis votada no país por apenas cinco décimas de marxe sobre o PSdeG, que medrara en seis puntos e medio e lograra 142 edís máis que en 2015. Tras aqueles comicios, a principal alcaldía dos populares foi Arteixo, mentres que máis da metade da poboación galega tivo alcalde ou alcaldesa do PSdeG, formación que tamén mantivo o goberno en tres das catro deputacións en coalición co BNG.
Tras entregar a alcaldía de Ourense a Jácome para salvar a Baltar en 2019, os populares tiveran que deixar de lado as críticas habituais aos gobernos de coalición sen a forza máis votada
Naquelas eleccións o PP non logrou ningunha o bastón de mando das sete principais cidades, pero si entrou a formar parte dun dos seus gobernos, o de Ourense. Fíxoo tras entregar a alcaldía ourensá a Gonzalo Pérez Jácome, cuxo partido Democracia Ourensana fora o terceiro máis apoiado nas urnas (21,53%) por tras do propio PP (22,55%) -ambos conseguiran cadanseus 7 edís- e do PSdeG (26,36% dos votos 9 edís) a cambio de que a formación localista permitise a José Manuel Baltar reter a presidencia da Deputación. O bipartito do PP con foi convulso dende o inicio e rompeu dúas veces.
Naquelas semanas de inicio do verán de 2019, o partido que en Galicia aínda dirixía Alberto Núñez Feijóo deu en deixar de lado un dos eixos habituais dos seus argumentarios, a crítica ao que durante anos viñeran denominando como "pactos de perdedores" ou "coalicións de perdedores" para desdeñar os gobernos de coalición das esquerdas alí onde o PP fora a forza máis votada. Porque, segundo defendera Feijóo en 2015, esta fórmula para gobernar "non ten tanto de democrático e nada de ético" e "é igual gañar que perder", agregara en 2018.
Neste 2022, cando o país xa arrecende á longa precampaña cara ás eleccións municipais do vindeiro maio, o agora presidente do PPdeG e da Xunta, Alfonso Rueda, vén de desenterrar o argumentario contra as "coalicións de perdedores". Coa vista posta no que será o seu primeiro proceso electoral como líder orgánico dos populares en Galicia, Rueda vén desenvolvendo nas últimas semanas unha intensa axenda de actos de partido con cabezas de cartel ás alcaldías de múltiples concellos. Así, por exemplo, o pasado sábado xuntou alcaldesas da formación en Mos e acudiu ao congreso local do PP de Lalín, que reelixiu como líder municipal a José Crespo, alcalde da vila e aspirante á reelección.
En ambas citas, alertou da posibilidade de perderen ou non alcanzaren gobernos locais por mor dos que volven descualificar como pactos "de perdedores". Os comicios de maio serán, asegurou, a "elección de gobernos unidos ou de gobernos de coalicións de perdedores" e por iso "a única alternativa para gañar nas municipais é unha maioría absoluta do PP". Trátase, acrecentou, de optar entre "estabilidade e normalidade" ou "parálise e liortas", entre "defender os veciños ou defender as siglas, entre ser un partido forte e unido ou ser satélites de partidos que están noutro sitio e a outras cousas".
As enquisas apuntan a que os medres do PP chegarían sobre todo pola desaparición de C's nos concellos onde logrou representación en 2019. Crecen, pero volven quedar sen ninguén con quen pactar
Estas consideracións prodúcense nun contexto no que os datos que manexan os partidos políticos -e tamén enquisas xa divulgadas, como as realizadas por Sondaxe e publicadas por La Voz de Galicia a pasada fin de semana- apuntan, por exemplo, a que nos principais concellos os posibles ascensos do PP virían -agás en Ferrol-, en boa medida pola desaparición de Ciudadanos alí onde tivo representación en 2019, isto é, nos concellos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.
Trátase dunha potencial boa nova para os conservadores, pero con matices. Medran con votos que volven á casa, pero tamén volverían quedar sós no espectro da dereita, isto é, sen ninguén con quen pactar e aspirar a sumar maiorías. Polo tanto, regresarían á dicotomía de maioría absoluta ou oposición agás posiblemente en Ourense, onde todo apunta a que outra volta Jácome será clave con lóxicas moito máis difíciles de predicir.