O PSdeG podería conservar as alcaldías de Vigo, A Coruña, Compostela e Lugo e o BNG a de Pontevedra, segundo a enquisa municipal de Sondaxe publicada este domingo por La Voz de Galicia. O PP podería acadar unha axustada maioría absoluta en Ferrol, mentres que en Ourense preséntase un escenario moi igualado entre PP, PSdeG e unha DO que mantería unha importante forza. A enquisa prevé a desaparición de Ciudadanos nas urbes galegas e un ascenso xeral do Bloque.
