Morre aos 50 anos Manoel Vello Salvado (Manolo de Mesía), militante galeguista que levou a cabo un intenso labor activista a prol da lingua (por exemplo, promovendo a etiquetaxe en galego ou a aprobación da ILP da Lei Paz Andrade), da cultura galega en xeral, tanto no ámbito editorial como a través da música, e colaborando en movementos coma a Plataforma Nunca Máis, o sindicalismo no sector da banca ou a denuncia dos enterramentos ilegais de vacas tolas no seu concello. Cristián de base, foi sancristán na súa parroquia de Xanceda e participou no movemento Irimia por unha igrexa galega e progresista. O seu funeral celebrarase esta tarde na igrexa de San Xulián de Lardeiros, procedendo despois ao seu enterro.
