O alcalde de Quiroga, que leva 35 anos no cargo, confirma que non será candidato do PP ás eleccións municipais de 2023 tras a escisión do partido no histórico feudo da dereita na montaña de Lugo. Julio Álvarez xa suxerira esta posibilidade nos últimos días mentres o que fora o seu concelleiro de Cultura durante dúas décadas, José Luis Rivera, anunciaba que competirá pola alcaldía á fronte dun novo partido independente. A través dun comunicado, Álvarez -na imaxe, durante unha reunión na sede da Xunta en 2019- afirma que "motivos persoais" como a súa xubilación e "unha actividade no mundo empresarial axudaron tomar esta decisión" e mantén que "deixa Quiroga convertida nunha pequena cidade con todos os servizos". A vila quiroguesa ten actualmente uns 3.000 habitantes, 2.000 menos que cando Álvarez asumiu o bastón de mando en 1987.
