Dous axentes certifican a veracidade da caixa negra do Alvia e despachan nuns poucos minutos a sesión deste xoves do xuízo de Angrois. O rexistrador automático do tren limitouse a deixar constancia de todas as accións do maquinista xa desveladas ao longo dos nove anos de instrución do caso.
Fálase
O Tribunal Constitucional celebra hoxe un inédito pleno a instancias do PP para decidir se paraliza a votación no Congreso para desbloquear o propio TC e mais introducir diversos cambios no Código Penal. O Goberno de España conta con votos dabondo para sacar adiante ambas reformas por maioría absoluta. Explícao infoLibre
O Congreso aproba a iniciativa do PP para "conxelar" as peaxes das autoestradas AP-9 e AP-53 para 2023, o ano no que remataría a concesión a Audasa na vía de conexión atlántica se Aznar non a tivera prolongado. A Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana acolleu a proposición non de lei presentada polos populares galegos, que será trasladada ao Goberno do Estado.
"É posible limitar as subidas das peaxes tanto chegando a acordos coas concesionarias, como asumindo as arcas públicas este incremento das tarifas, ou actuando desde o campo impositivo reducindo a carga fiscal das concesionarias e incluso rebaixando o IVE das peaxes", apunta o vicevoceiro de Infraestruturas do PP no Congreso, o deputado galego Celso Delgado [na imaxe], quen calcula que esta medida suporá "entre 13 e 15 millóns de euros".
O PP de Granada esixe ao Concello da cidade "chegar ata o final cos recursos administrativos e xudiciais que procedan" para impugnar a elección da Coruña como sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial, á que a cidade andaluza tamén optaba. Os populares granadinos reclamaranllo ao alcalde do PSO, a través dunha moción na que defenden que a decisión foi "política e discrecional", xa que "estamos seguros de que a candidatura de Granada supera con creces o resto no cumprimento dos criterios técnicos", afirman.
IPC | A inflación moderouse en apenas tres décimas en Galicia en novembro e quedou no 7,5% interanual mentres que o dato estatal fica no 6,8% fronte ao 7,3% de outubro, cinco décimas menos. O incremento do prezo dos alimentos frea unha décima a nivel estatal (do 15,8% ao 15,7s%) mentres en Galicia segue a escalar e ascende ao 15,4%, dúas décimas máis.
A imaxe das Festas da Ascensión 2022, distinguida co Premio Internacional de Deseño Iberoamericano na categoría de mellor anuncio ou campaña na vía pública. É un traballo de Coma Comunicación Creativa para o Concello de Santiago realizado por Carlos el Rojo
A Mesa pola Normalización Lingüística conmemora o trixésimo quinto aniversario da "primeira gran manifestación pola lingua", impulsada por esta organización tal día coma hoxe de 1987 e secundada por todas as principais forzas políticas e sindicais, así como por multitude de organizacións sociais. "Como acontecera coa Lei de Normalización Lingüística, o Goberno español pretendía impedir que o uso do galego se estendese no ensino recorrendo o decreto que o regula e estuda facer o mesmo coa lingua nos concellos ou na xustiza", lembran. Naqueles días o Goberno tripartito (PSdeG, Coalición Galega e PNG) levaba apenas tres meses na Xunta.
“Autoestima”, “candorca”, “comadre”, “ecocidio”, “inflación” e “resiliencia”, candidatas a seren Palabra do Ano 2022 no certame organizado polo Portal das Palabras da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Tras a primeira fase de suxestións, a votación final está aberta dende hoxe, 13 de decembro, e ata as 23:50 do día 25 . En anteriores edicións foran elixidas tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016), refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).
Feijóo ábrese a que o PP apoie a moción de censura de Vox se o candidato non é Abascal, que xa anunciou que non o será. O ex-presidente e actual líder do PP sinalouno nunha entrevista en EsRadio con Federico Jiménez Losantos, na que lamentou que a formación de extrema dereita non se aveña a unha "mínima coordinación" para facer oposición ao Goberno do PSOE e Unidas Podemos.
Galicia vive unha xornada de intensas chuvias e diversas localidades das provincias de Ourense e Pontevedra superaron xa os 70 litros por metro cadrado acumulados no que vai de día, segundo Meteogalicia. A predición indica que continuará chovendo, aínda que con menor intensidade, durante boa parte da semana.