O ex-presidente da Xunta e o actual titular coinciden en felicitarse pola elección do Goberno de Pedro Sánchez pero o primeiro sementa dúbidas sobre a transparencia do proceso e o segundo di que “os criterios acreditan que a da Coruña foi unha elección correcta"
Dous días tardou o ex-presidente Feijóo en pronunciarse sobre a elección da Coruña por parte do Goberno de Pedro Sánchez como sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), e fíxoo este mércores sementando dúbidas sobre a transparencia do proceso. Segundo Feijóo, el está “encantado” con esa elección, á que “modestamente” di que contribuíu co seu traballo desde a Xunta, pero dixo entender as críticas doutros lugares non seleccionados xa que “se os criterios se publicasen e se puidesen medir obxectivamente, pois estariamos todos moito máis tranquilos”.
Un par de horas despois desas declaracións de Feijóo, o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, respondeu a críticas similares formuladas xa este martes por dirixentes doutras cidades e comunidades non seleccionadas lembrando que “onte mesmo coñecíanse, publicáronse os criterios, eu creo que acreditan que a elección da Coruña foi unha elección correcta".
Nos dous días que pasaron desde que o luns o Consello de Ministros anunciou a elección da Coruña para a AESIA e de Sevilla para a Axencia Espacial ata que este mércores Feijóo falou desas decisións o dirixente popular participou en diversos actos públicos e emitiu diversos comentarios nas súas redes sociais sobre outras cuestións sen realizar ningunha valoración sobre esa decisión. Foron outros dirixentes populares, en especial desde o PP da Comunidad de Madrid que dirixe Isabel Díaz Ayuso, quen cargaron contra a elección da Coruña e Sevilla por un suposto ataque contra a capital do Estado e introduciron o argumentario de que fora unha decisión “política” na que non quedaban claros os criterios.
Este martes o Boletín Oficial del Estado (BOE) publicou un documento de 36 páxinas cos “criterios” e a “valoración” empregados polo Goberno de España para tomar a súa decisión política. Pero este mércores, nunha entrevista en Onda Cero, Feijóo insistiu na mesma estratexia de poñer en dúbida a transparencia do proceso.
“É un acerto que o Goberno elixise A Coruña?”, foi a pregunta que se lle formulou a Feijóo, ao que este respondeu que está “encantado de que a Galicia lle tocase unha axencia e a Sevilla outra”, pero engadiu a continuación que “o que si me gustaría é coñecer os parámetros e os requisitos en base aos cales se toman esas decisións, que están inéditos”. Ao líder do PP estatal repreguntáronlle nese punto polas críticas á decisión do alcalde popular de Alacante, unha das tres finalistas xunto con A Coruña e Granada, e Feijóo xustificounas alegando que o rexedor “descoñece cales son os criterios” seguidos e que “se os criterios se publicasen e se puidesen medir obxectivamente estariamos todos moito máis tranquilos”.
Rueda dixo entender o malestar das cidades ou comunidades non elixidas, pero defendeu a descentralización das axencias e que "os criterios" publicados nun documento de 36 páxinas no BOE "acreditan" a elección da Coruña
Un par de horas despois desas declaracións de Feijóo o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi preguntado, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, polas críticas doutros dirixentes populares á elección da Coruña. Por varias ocasións o titular do Goberno galego xustificou e dixo comprender o malestar das cidades ou comunidades que non foran seleccionadas, limitándose a amosar a súa satisfacción por ser A Coruña a elixida e salientar a contribución da Xunta a un traballo conxunto de varias administracións. Pero na última das repreguntas sobre a mesma cuestión Rueda acabou defendendo a descentralización de axencias estatais e salientando que “onte mesmo coñecíanse, publicáronse os criterios, eu creo que acreditan que a elección da Coruña foi unha elección correcta e que tiñamos argumentos moi potentes para poder ser elixidos e celebro moitísimo que o foramos e agardo que sexa unha decisión firme porque agora hai que poñela en marcha e hai que poñerse a traballar".