O BOE publica a valoración detallada dos diversos criterios que tivo en conta o Goberno de España para elixir a candidatura galega fronte ás de Alacante e Granada
Tras facer público este luns o Consello de Ministros a elección da Coruña como sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), por diante doutras cidades que partían como favoritas como Alacante ou Granada, este martes o Boletín Oficial del Estado (BOE) publica a valoración detallada dos diversos criterios tidos en conta polo Goberno de España para puntuar as candidaturas recibidas, dun total de 16 cidades de todo o Estado.
Cuestións como o reequilibrio territorial, as facilidades da cidade para instalar a axencia, os medios de transporte, a presenza de empresas do sector ou mesmo a convivencia no territorio de linguas oficiais foron algunhas das cuestións mellor valoradas da candidatura galega.
O documento publicado este martes no BOE recolle unicamente a valoración das tres cidades finalistas, A Coruña, Alacante e Granada. Nel, A Coruña destaca por recibir a valoración de “excelente” ou “óptimo” en máis apartados que as outras dúas cidades, nas que é máis habitual a expresión “moi positivo”.
Segundo a valoración oficial, o emprazamento da axencia na Coruña "contribuirá a mitigar" os "efectos derivados do contexto demográfico de Galicia", un dos motivos polos que o Goberno de España decidiu descentralizar axencias fóra de Madrid
O primeiro criterio avaliado foi o da cohesión social e territorial, o que levou ao Goberno de España a propoñer descentralizar fóra de Madrid diversas axencias estatais como esta de Intelixencia Artificial ou a axencia espacial que irá a Sevilla. Segundo a valoración final, a candidatura da Coruña é “excelente” na loita contra a despoboación xa que Galicia é “a rexión máis rural de España e a terceira comunidade autónoma con menor poboación en núcleos grandes”, de máis de 20.000 habitantes.
Segundo a valoración do Goberno, o emprazamento da axencia na Coruña “contribuiría a mitigar estes efectos derivados do contexto demográfico de Galicia” xa que “por un lado, contribuiría a loitar contra o fenómeno da despoboación, á xeración de emprego directo e indirecto na rexión, así como fomentaría a presenza do sector público estatal en Galicia”.
Tamén foi valorada como “excelente” a “ampla rede de acceso a medios de transporte público”, cos tres aeroportos galegos e mesmo co do Porto con enlaces ás principais cidades españolas e europeas, coas liñas de alta velocidade do Eixo Atlántico e de conexión coa Meseta e cunha “tupida rede de comunicacións por estrada”.
Outro dos apartados cualificados como “excelente” da candidatura da Coruña é o que valora “o número de empresas dedicadas a este sector con sede na Coruña: Telefónica, PWC, KPMG, NTT DATA, Navantia, Minsait como parte de Indra, ou Ednon” así como outras “empresas tractoras que incorporan a Intelixencia Artificial” como Inditex, Abanca, Hijos de Rivera e Gadisa.
A proposta de inmoble para acoller a axencia, o edificio da Terraza nos Xardíns de Méndez Núñez, recibiu a "máxima valoración", complementada polas axudas que o Concello impulsará para o persoal a través dunha "oficina municipal de benvida"
Igualmente “excelente” foi a valoración recibida no apartado das “iniciativas das principais institucións públicas da localidade para impulsar o desenvolvemento dun ecosistema baseado en intelixencia artificial”, eido no que se citan a existencia a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a estratexia galega de intelixencia artificial ou diversas estruturas de cooperación da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e as tres universidades. A iso hai que engadir, di o documento, que “A Coruña conta cun tecido investigador de excelencia”. Pola contra, o documento non cita de xeito concreto o proxecto da Cidade das TIC.
No apartado das facilidades de instalación da axencia na cidade, o Goberno de España deu a “máxima valoración” ao apartado do inmoble -o coñecido como edificio da Terraza, nos xardíns de Méndez Núñez- e os equipamentos adecuados que se facilitarán, ademais de valorar tamén a creación por parte do Concello dunha “oficina municipal de benvida” con axudas para o persoal nos eidos sanitario, educativo ou de acceso á vivenda.
A valoración da candidatura da Coruña tamén tivo en conta que a instalación da axencia nesta cidade será un “activo esencial para materializar a convivencia de linguas oficiais no territorio” e facilitará que Galicia poida actuar “como rexión na que despregar algúns dos proxectos previstos no PERTE Nova economía da lingua co que se prevé potenciar o español e as linguas cooficiais como factores de crecemento e competitividade a través dun ecosistema de innovación e intelixencia artificial”.
Entre os apartados menos valorados figura que a candidatura non fixo unha "análise proxectiva detallada" dos impactos e beneficios da axencia na cidade en eidos como os postos de traballo
Fronte a estas valoracións tan positivas, o documento sitúa no eido da cuantificación dos postos de traballo que facilitará a instalación da axencia un dos apartados menos valorados, coa cualificación de “óptima”, fronte ao “excelente” dos puntos anteriores. Segundo o Goberno de España, a candidatura non fixo unha “análise proxectiva detallada” dos impactos e beneficios que a axencia pode reportar en diversos ámbitos senón só estimacións, como a xeración de 1.300 postos de traballo.
Por outra banda, todas as candidaturas foron valoradas do mesmo xeito no apartado de “mellora no funcionamento dos servizos públicos”.