A Mesa pola Normalización Lingüística conmemora o trixésimo quinto aniversario da "primeira gran manifestación pola lingua", impulsada por esta organización tal día coma hoxe de 1987 e secundada por todas as principais forzas políticas e sindicais, así como por multitude de organizacións sociais. "Como acontecera coa Lei de Normalización Lingüística, o Goberno español pretendía impedir que o uso do galego se estendese no ensino recorrendo o decreto que o regula e estuda facer o mesmo coa lingua nos concellos ou na xustiza", lembran. Naqueles días o Goberno tripartito (PSdeG, Coalición Galega e PNG) levaba apenas tres meses na Xunta.
Fálase
“Autoestima”, “candorca”, “comadre”, “ecocidio”, “inflación” e “resiliencia”, candidatas a seren Palabra do Ano 2022 no certame organizado polo Portal das Palabras da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Tras a primeira fase de suxestións, a votación final está aberta dende hoxe, 13 de decembro, e ata as 23:50 do día 25 . En anteriores edicións foran elixidas tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016), refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).
Feijóo ábrese a que o PP apoie a moción de censura de Vox se o candidato non é Abascal, que xa anunciou que non o será. O ex-presidente e actual líder do PP sinalouno nunha entrevista en EsRadio con Federico Jiménez Losantos, na que lamentou que a formación de extrema dereita non se aveña a unha "mínima coordinación" para facer oposición ao Goberno do PSOE e Unidas Podemos.
Galicia vive unha xornada de intensas chuvias e diversas localidades das provincias de Ourense e Pontevedra superaron xa os 70 litros por metro cadrado acumulados no que vai de día, segundo Meteogalicia. A predición indica que continuará chovendo, aínda que con menor intensidade, durante boa parte da semana.
A final do concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña celébrase este domingo cunha gala aberta ao público no Teatro Colón da Coruña a partir das 19.00 horas, que tamén se pode seguir en directo a través do canal de Youtube de Cultura da Deputación da Coruña. No acto conducido polo xornalista Luís Pardo participarán as bandas finalistas deste ano: Noar, Mallou e Malena Gamalho.
Mobilizacións en 19 localidades arredor do país "a prol das montañas e do rural galego e en contra da actual invasión eólica que ameaza o noso territorio". A coordinadora 'Eólica Así Non' convocou este domingo a "máis de 3.000 persoas" con motivo do Día mundial das montañas e "co gallo de reivindicar diante das administracións públicas a preservación destes ecosistemas fundamentais para a vida fronte ao actual espolio eólico, baixo o lema 'Na defensa das montañas. Eólica Así Non. Temos alternativa". [Na imaxe, a acción que tivo lugar en Becerreá]
Feijóo pide eleccións anticipadas no Estado. O presidente do Partido Popular afirma nunha entrevista publicada polo xornal El Mundo este domingo que "chegou o momento" de que se convoquen uns comicios porque "o plan de Sánchez non ten lexitimidade". Para Alberto Núñez Feijóo, senador a proposta do Parlamento de Galicia, as eleccións deberan celebrarse "inmediatamente". [Na imaxe, Feijóo e Rueda o pasado venres na presentación en Santiago do libro de Xosé Luís Barreiro Rivas sobre o ex-presidente da Xunta]
- CRÓNICA POLÍTICA | Escóitano? É o silencio
- CRÓNICA POLÍTICA | Todo é gravísimo (agás algunha cousa)
- HEMEROTECA | Feijóo formulou catro iniciativas en medio ano como senador polo Parlamento, ningunha sobre Galicia
A matemática María Elena Vázquez Cendón, premio María Josefa Wonenburguer. A Unidade Muller e Ciencia da Xunta outorga o galardón deste ano á ourensá, doutora en Ciencias Matemáticas, profesora de Matemática Aplicada e decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago desde 2017.
O Goberno galego destaca da carreira investigadora de Vázquez Cendón "as súas contribucións ao estudo das leis de balance hiperbólicas coa metodoloxía de volumes finitos que teñen como ámbitos de aplicación a análise do movemento da auga en ríos, escalas de peixes ou zonas costeiras e tamén do fluxo do gas, do sangue e o deseño industrial".
A presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, informa de que a Eurocámara ten "cooperado plenamente" coas autoridades na investigación a unha das vicepresidentas da institución, Eva Kaili, por posibles subornos por parte de Qatar. "A Eurocámara mantense firme diante da corrupción", afirma Metsola na súa conta de Twitter despois dos rexistros na vivenda da vicepresidenta por orde da Fiscalía belga.
"O Parlamento de Galicia acorda como resolución apoiar as demandas dos colectivos sociais e dos organismos internacionais para que se axilice e impulse a tramitación e aprobación polo Congreso dos Deputados da Proposición de lei de bebés roubados no Estado español". Unanimidade na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior da Cámara galega para trasladar ao Congreso este texto a partir dunha iniciativa do BNG apoiada por PP e PSdeG.