No 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o roubo de bebés durante o Franquismo vai ser un dos focos dos actos organizados en Lugo pola Deputación
As violencias contra as mulleres son múltiples. Hai violencias de todo tipo exercidas por parellas e exparellas, agresións sexuais realizadas por familiares e por descoñecidos e tamén vulneracións dos dereitos máis básicos no momento do parto e na crianza. No 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o roubo de bebés durante o Franquismo vai ser un dos focos dos actos organizados en Lugo pola Deputación. Será a través da estrea do documental 'No se oye', realizado por alumnado do Centro de Formación Audiovisual da institución provincial.
O filme, que afonda nas denuncias de roubos de bebés que se produciron durante a ditadura no Hospital Provincial San Xosé e na Casa Cuna, estrearase este xoves 24 ás 19:30 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. O documental, de media hora de duración, foi premiado recentemente no Festival Internacional de Cine de Ponferrada.
"A idea base era contar a historia deste edificio, pero cando o alumnado comezou a investigar, a documentarse e a falar con xente que estivera relacionada coa Casa Cuna, saíron as historias de bebés roubados, tanto aquí coma sobre todo no Hospital de San Xosé, que está en fronte"
En realidade, a película, que forma parte dos traballos obrigatorios que cada curso debe desenvolver o alumnado deste centro de ensino da Deputación de Lugo, comezou sendo un proxecto ben diferente. En principio, a idea era levar a cabo un vídeo sobre a historia do edificio que hoxe acolle o Servizo de Audiovisuais, que foi Casa Cuna e despois funcionou como conservatorio.
"A idea base era contar a historia deste edificio, pero cando o alumnado comezou a investigar, a documentarse e a falar con xente que estivera relacionada coa Casa Cuna, saíron as historias de bebés roubados, tanto aquí coma sobre todo no Hospital de San Xosé, que está en fronte", explica María Taboada, profesora do segundo curso do ciclo de produción e coordinadora do proxecto xunto con David Pardo. "Esa historia era, dende logo, máis interesante", engade.
No documental saen á luz as denuncias de nenos e nenas que desapareceron "de forma estraña", nais que xusto despois do nacemento eran informadas de que o seu bebé morrera no parto e que nin sequera podían ver o seu cadáver. Supostamente, estes nenos e nenas eran entregados posteriormente a familias (case sempre de alto poder adquisitivo ou próximas ao réxime franquista e á Igrexa), nun proceso do que non constaban rexistros, o que posteriormente dificultou as investigacións e denuncias xudiciais sobre o sucedido.
No documental saen á luz as denuncias de nenos e nenas que desapareceron "de forma estraña", nais que xusto despois do nacemento eran informadas de que o seu bebé morrera no parto e que nin sequera podían ver o seu cadáver
O que supostamente sucedía en Lugo non era un feito illado. Denúnciase que durante a ditadura franquista, especialmente nos anos 40, 50 e 60 do pasado século, pero mesmo con posterioridade, milleiros de nenos e nenas foron separados das súas nais con estes enganos e entregados a outras familias. En Galicia hai máis de 300 denuncias formuladas pola asociación SOS Bebés Roubados. As vítimas eran nos máis dos casos mulleres con poucos recursos, ou moi novas, ou que ficaran embarazadas estando solteiras. Eran as máis indefensas ante un mecanismo de roubo de bebés no que a Igrexa Católica, a través de monxas e curas, xogaba un papel central. "Houbo casos de nais solteiras machacadas polas monxas, que lles dicían que ían ser rexeitadas por todos", como salientaba nesta entrevista Estrella Vázquez, presidenta da asociación SOS Bebés Robados.
No documental aparece Élida Ares, que denuncia que lle foi roubada unha nena no Hospital de San Xosé. Do seu caso parte tamén o título do documental, 'No se oye', pois esta foi a anotación que aparecía no documento de rexistro da bebé, no apartado relativo ao latexo do corazón
No documental aparece, cun papel protagonista, Élida Ares, que denuncia en primeira persoa que lle foi roubada unha nena no Hospital de San Xosé. A Élida dixéronlle poucos minutos do parto, que a bebé morrera, pero non lla quixeron ensinar. Alí comezaron as súas sospeitas, que durante toda a súa vida alimentaron a súa procura da súa filla desaparecida. Do seu caso parte tamén o título do documental, 'No se oye', pois esta foi a anotación que aparecía no documento de rexistro da bebé, no apartado relativo ao latexo do corazón. Porén, esta inscrición foi escrita por riba doutra que indicaba "140", en referencia ás pulsacións da nena, un latexo normal para un neonato.
Outra das protagonistas é Amelia Rozas, que leva décadas buscando á súa irmá, desaparecida neste caso na Casa Cuna (hoxe sede do Servizo de Audiovisuais da Deputación) e que se atopaba fronte ao Hospital. A nai de Amelia, explica María Taboada, "era moi pobre e analfabeta e tiña que ir traballar a Alemaña". Por este motivo deixou na Casa Cuna unha nena, irmá de Amelia. Pero unha semana despois dixéronlle que morrera e que “xa se encargaban eles”, sen achegar máis probas nin explicacións.
Outra das protagonistas é Amelia Rozas. A súa nai "era moi pobre e analfabeta e tiña que ir traballar a Alemaña". Por este motivo deixou na Casa Cuna unha nena, irmá de Amelia. Pero unha semana despois dixéronlle que morrera e que “xa se encargaban eles”
Así mesmo, no documental son entrevistados o xornalista Xosé Edrosa, que levou a cabo importantes investigacións sobre estes casos, a arquitecta Marta Rodríguez, Sabela Gayoso (do Arquivo da Deputación) e Marisa Teijeiro, matrona no Hospital de San Xosé no anos 60, aínda que comezou a traballar en 1968, un momento no que supostamente os roubos de bebés xa non se levaban a cabo ao haber máis controis.
María Taboada destaca o gran traballo de investigación realizado polo alumnado, malia a limitación de tempo e recursos coa que contaban. A calidade do documental levou o equipo a participar en varios festivais cinematográficos, obtendo o primeiro premio no Festival de Ponferrada na sección de Escolas Audiovisuais.
Actos do 25N
A estrea do documental, este xoves, engádese aos actos organizados pola Deputación de Lugo para conmemorar o 25N e nos que destaca este mércores a celebración da II xornada Quéremonos Vivas, Libres e Iguais para visibilizar a lacra da violencia machista, un coloquio aberto á cidadanía no que participa a xornalista e investigadora Ana Bernal-Triviño e unha representante da Comisaría Policía Nacional de Lugo.
Este mércores celebrouse a II xornada Quéremonos Vivas, Libres e Iguais para visibilizar a violencia machista, un coloquio aberto á cidadanía no que participa a xornalista e investigadora Ana Bernal-Triviño e unha representante da Comisaría Policía Nacional de Lugo
Ademais da proxección do documentanl, este xoves, o programa complétase o venres 25 de novembro coa celebración da sexta edición da andaina reivindicativa En Camiño contra as Violencias, que sairá ás 12 horas na Praza de San Marcos (onde se lerá un manifesto en repulsa á violencia machista) e rematará no Centro de Formación Audiovisual da Deputación. A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, animou á veciñanza de Lugo a participar nesta marcha "para reivindicar a igualdade e clamar contra a violencia machista" Non podemos consentir que haxa mulleres, veciñas nosas, privadas dos seus dereitos e liberdades”, dixo.
María Loureiro destacou que “a loita en favor da igualdade real entre homes e mulleres é unha política transversal na acción deste Goberno, porque cremos que aínda queda moito traballo por facer” e engadiu que “temos a obriga de redobrar os nosos esforzos na loita para erradicar a violencia machista en toda as súas formas”.