Hai uns anos, como un ruxe-ruxe que ía medrando e facéndose máis tanxible mes a mes, comezou a falarse en España dos casos de bebés roubados no momento do parto e entregados a familias de adopción. Os casos correspondían ás décadas anteriores a 1980 e non eran un ou uns poucos, senón que houbo milleiros de denuncias, sobre todo a partir do momento en que os casos comezaron a ser publicados nos medios. Unha mostra de que máis que de casos illados, existía unha estrutura estable que realizaba estas prácticas de forma sistemática. Tamén en Galicia, onde a asociación SOS Bebés Robados ten rexistrados e confirmados máis de 200 casos. A súa presidenta, Estrella Vázquez, participa este venres nunha charla informativa na Facultade de Psicoloxía da USC, organizada pola Unidade de Atención Temperá da universidade compostelá.
"Cando as probas dan positivas, hai que preparar o reencontro, hai que falar coas dúas partes, porque é un momento duro para todos, e todos chegan con moito medo, medo a ser rexeitados, e moitas preguntas, sobre todo por parte dos fillos"
Na charla, que forma parte do ciclo Lluvia de Ideas, participará tamén Patricia Blanco, membro da mesma entidade, así coma o avogado Marcos Antonio Sanluis Castro e Carlos Temprano Méndez, policía xudicial, e será moderada pola directora da Unidade, María José Buceta. Entre todos afondarán nas distintas vertentes desta situación, tanto as estritamente legais e as sociais, coma tamén o forte impacto psicolóxico que o coñecemento desta situación ten para todas as partes implicadas.
"Hai historias terribles, póñenche os pelos de punta", destaca Estrella Vázquez, que destaca que son moitas as persoas que se poñen en contacto coas súa asociación, ás veces coa seguridade de teren sido vítimas dun destes casos, ás veces simplemente cunha sospeita. "Pedísmolles que busquen todos os documentos que poidan sobre o seu caso, e pasámosllos aos nosos avogados, que o revisan todo. E cando está todo preparado presentamos a denuncia. Este tipo de casos poden resolverse en días, se tes sorte, ou tardar meses ou mesmo anos. En calquera caso estes procesos resólvense finalmente cunha proba de ADN", explica. "Cando as probas dan positivas, hai que preparar o reencontro, hai que falar coas dúas partes, porque é un momento duro para todos, e todos chegan con moito medo, medo a ser rexeitados, e moitas preguntas, sobre todo por parte dos fillos". A asociación cumpre neses casos, tamén, unha función de apoio persoal: "ás veces tes que facer de psicólogo, tes que te converter nese ombro que necesitan nese momento", di.
"Hai casos que eran os propios familiares, ou algún amigo, que andaban neste mundo, neste negocio, os que se encargaban de roubar os nenos"
Estrella Vázquez debulla unha realidade difícil de describir para quen non a vivira. "Hai casos que eran os propios familiares, ou algún amigo, que andaban neste mundo, neste negocio, os que se encargaban de roubar os nenos", conta. De igual xeito detalla que, segundo os relatos das persoas que se achegan a falar coa súa asociación, "houbo moitos casos de nais solteiras que foron machacadas polas monxas, que as avergonzaban, que lles dicían que ían ser rexeitadas por todos por seren nais solteiras. Facíanlles un lavado de cerebro e dábanlles unha medicación que as deixaban durmidas durante un par de días. E as monxas quedaban cos cativos e dábanos en adopción". "Tamén che contan que non lles deixaban ver os cadáveres dos nenos, ou que non lles deixaban soterralos no cemiterios que os pais querían", engade.
A directora da Unidade de Atención Temperá da USC, María José Buceta, destaca que "é un tema moi delicado, que queremos tratar con moito coidado"
"É un xiro de 180 graos na vida destas persoas", conclúe Estrella Vázquez, e o mesmo pensa a directora da Unidade de Atención Temperá da USC, María José Buceta, que destaca que "é un tema moi delicado, que queremos tratar con moito coidado". Buceta critica o tratamento sensacionalista que se dá dos casos de bebés roubados nos medios de comunicación e destaca a diversidade de situacións, pois en moitas ocasións os pais aos que lles era entregado un bebé pensaban que todo era legal, mentres que noutros casos sucedía todo o contrario. "O impacto psicolóxico é brutal", destaca, e "posiblemente esa noticia de que o seu fillo ou filla foi roubada é dificilmente superable. Eu mesma coñezo casos de pais e nais que teñen marcada a data na que perderon un fillo duns poucos días, aínda que pasaran xa décadas do sucedido"
A asociación reclama que "esa nai ten dereito a saber que pasou no seu parto, que pasou cos seus fillos" e denuncia que "hai lugares que poñen moitos obstáculos á hora de darche un papel, e noutros dinche que se destruíron os rexistros anteriores a 1980, e curiosamente destruíronse no momento en que comezou a falarse deste tema dos nenos roubados".
"Algúns dos pais adoptivos sabían perfectamente de onde viñan os nenos que recibían, porque naqueles anos era un segredo a voces. Se queres un neno, nese hospital tal médico ou tal monxa conséguencho"
"Nas historias ves as coincidencias: os mesmos hospitais, os mesmos médicos", explica Estrella Vázquez, que sumando unhas e outras historias vai construíndo un mapa, unha estrutura organizada que neses anos estaba á vista de todos. "Algúns dos pais adoptivos sabían perfectamente de onde viñan os nenos que recibían, porque naqueles anos era un segredo a voces. Se queres un neno, nese hospital tal médico, ou tal monxa conséguencho. E nese momento había moita xente á que lle ofrecían estes nenos e se negaban a aceptalos". E que, ademais, constituía un negocio: "Hai xente que fixo moitos cartos con isto. Que non digan que non cobraban, porque cobraban. Xente que pasou toda a vida traballando no estranxeiro non ten as propiedades que acumularon estes".
Estrella Vázquez coñece a realidade en primeira persoa, pois houbo afectados na súa propia familia: "Os meus sogros están a buscar unha filla. E el, que sempre fora de toda a vida unha persoa cachondera, cantante, que lle gustan as festas, que lle gusta a familia xunta, pois cando soubo o que lle pasara, foi como cando non pagas o recibo da luz e quedas ás escuras: perdeu a luz. Agora vive coa cabeza baixa, sen gana de nada, chorando todos os días, preguntándose por que lle fixeron iso a el". Salienta que "moita xente non o entende, dinlle: “xa tes seis fillos, para que buscas?”. E el responde: “para que busco? Estou buscando o meu sangue”.