A II xornada Quéremonos Vivas, Libres e Iguais que impulsa a Deputación de Lugo no marco do 25N, o Día internacional da eliminación da violencia contra a muller, acollerá este mércores unha mesa redonda coa xornalista, investigadora, doutora e profesora na Universitat Oberta de Catalunya, Ana Bernal-Triviño, e unha representante da Comisaría da Policía Nacional de Lugo, ás 19.30 horas, no salón de actos do Pazo de San Marcos.
Ana Bernal-Triviño está especializada na información xornalística dirixida á mocidade, a transversalidade da perspectiva de xénero, os dereitos das mulleres e a violencia de xénero e durante a súa exposición fará un percorrido xeral “sobre como a desinformación acaba por afectar á opinión pública”. “Moitas veces falamos da linguaxe non sexista, que é fundamental, pero hai outro tipo de linguaxe simbólica que se reflicte en titulares, opinións ou en como conceptualizamos e identificamos ás vítimas, que caen moitas veces na revitimización”, avanza a xornalista.
A xornalista e investigadora especialista en violencia de xénero Ana Bernal Triviño participa este mércores na II xornada 'Quéremonos Vivas, Libres e Iguais' que impulsa a Deputación de Lugo no marco do 25N cunha conferencia sobre frear a desinformación sobre as violencias que sofren as mulleres
“Vou incidir nos bulos e en como a linguaxe que empregamos acaba articulando unha imaxe estereotipada do que é a vítima e tamén da agresión sufrida. E como isto acaba contaminando a todas as capas da sociedade e pon obstáculos para que a muller poida recuperarse”, salienta Ana Bernal-Triviño sobre o que centrará a súa intervención no coloquio aberto ao público que se celebra en Lugo polo 25N.
Chegamos a esta data nun momento “bastante delicado”, que non se pode separar da polémica que se está a alimentar arredor da lei de liberdade sexual. Ana Bernal-Triviño destaca sobre todo isto que “hai unha reacción machista moi potente á que os medios de comunicación deberiamos facer fronte”. “Os medios están para sensibilizar e previr e non para seren empregados politicamente no que é unha cuestión transversal, que afecta a todas as ideoloxías. Non hai vítimas de violencia de xénero dunha ideoloxía ou doutra, pode tocarlle a calquera”, defende.
"Vou incidir nos 'bulos' e en como a linguaxe que empregamos acaba articulando unha imaxe estereotipada do que é a vítima", sinala Ana Bernal Triviño
Na liña de frear a desinformación sobre as violencias que sofren as mulleres polo feito de seren mulleres Ana Bernal-Triviño considera fundamental que haxa un espazo no que as vítimas se poidan expresar. “O problema é que non se lles dá voz ás vítimas, custa moito darlles voz cando todos os días os xulgados de violencia contra a muller están cheos de denuncias. Poderiamos pór alí unha cámara e informar, pero non se fai. Tamén hai unha violación cada tres horas e todo iso parece que non sucede. Hai unhas 500 denuncias por violencia de xénero e non saen nos medios, porén, como haxa unha soa denuncia falsa ocupamos os faladoiros catro horas”, expón.
“Gustaríame que nos centrásemos no que ocorre cada día e non se lle dera tanta importancia ao que finalmente é minoritario. Esa descompensación tamén remata por desequilibrar o estado da opinión pública á respecto destes temas”, agrega a xornalista especializada en violencia contra a muller, que adoita facer fincapé na educación como piar básico para a prevención destas violencias.
"O que temos que facer é previr: a única solución é a educación", defende a xornalista especializada en violencia de xénero
“Cando se tratan estes temas como se fosen sucesos acabas illándoos e consideras que é unha persoa á que se lle cruzan os cables, pero non, isto ten un fondo social: o home non nace machista e a muller non nace feminista, todo se crea a través dunha educación e dunha estrutura que serve de sostén ao mantemento dese pensamento ao longo da vida. Por iso, insisto en que a lei de liberdade sexual aborda isto porque a pena chega sempre tarde, cando xa se cometeu o delito".
"O que temos que facer é previr: a única solución é a educación. E entendo que politicamente non resulte tan rendible porque leva moito máis tempo e non dá titulares, pero é a única vía”, asevera Ana Bernal-Triviño, que estes días está a participar en debates en diferentes cidades do país e advirte de que cada vez hai máis voces negacionistas da violencia de xénero nas conferencias, algo que non ocorría: “Isto é un reflexo do que está a pasar. O traballo que facemos as xornalistas que nos dedicamos a isto, se antes estaba cuestionado agora o está moito máis”.