Na actualidade, Galicia conta unicamente con dous xulgados específicos de violencia contra a muller, situados en Vigo e na Coruña
Galicia conta unicamente con dous xulgados específicos de violencia contra a muller, situados en Vigo e na Coruña. No resto do país, este tipo de asuntos deben ser tratados en tribunais non especializados, o que pode ter consecuencias negativas para as mulleres que denuncian, como destacaba a xuíza Paz Filgueira nesta entrevista: "Se hai carencias nas grandes cidades, onde máis ou menos se cumpren uns mínimos, podemos imaxinar o que pasa no resto de Galicia, onde o trato ás vítimas é moito peor".
Galicia é a segunda comunidade autónoma con menos xulgados especializados neste campo. Tan só Castela-A Mancha, cun só xulgado de Violencia para a Muller para os seus dous millóns de habitantes, conta cun ratio máis negativo. O noso país, con máis poboación que Canarias, País Vasco, Baleares e Murcia, dispón de menos xulgados específicos. E a diferenza con territorios como a Comunidade Valenciana (16 xulgados especializados), Andalucía (18), Cataluña (19) ou Madrid (23) é abismal.
Os xulgados contra a violencia de xénero de Lugo e Ourense, "con carácter exclusivo pero non excluínte", poderían compatibilizar os asuntos de violencia sobre a muller con outros
Isto podería cambiar nos vindeiros meses. A Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) acordou este xoves propor a especialización de 33 xulgados do penal para o enxuizamiento e execución de asuntos de violencia sobre a muller e a creación, así mesmo, de sete novos órganos xudiciais para este fin. Entre eles, aparece a proposta de que Lugo e Ourense pasen a contar con cadanseu xulgado contra a violencia de xénero "con carácter exclusivo pero non excluínte", o que significa que "poderían compatibilizar os asuntos de violencia sobre a muller con outros".
O CGPJ destaca que nestes momentos hai en todo o Estado 31 capitais de provincia que non contan con xuzgado especializado e sinala que a súa proposta permitiría que case todas as provincias contasen polo mínimo cun tribunal deste tipo. Coa proposta do Poder Xudiciais, Galicia contaría con catro tribunais especializados, un número que seguiría estando moi por debaixo das cifras doutros territorios.
Os xulgados propostos para Lugo e Ourense non acadarían a especialización coa que si contan os xulgados específicos da Coruña e Vigo, pero serían un paso adiante. No ano 2018 presentáronse en toda Galicia 6.537 denuncias por violencia de xénero, unha cifra que leva medrando dende o 2012. Ademais, o número de casos activos de violencia de xénero en Galicia aumentou un 15% nos últimos dous anos.
Dende o ano 2012, as denuncias están a crecer moito nas cidades: Ourense (+117%), Pontevedra (77%), Compostela (+56%), A Coruña (+55%) e Lugo (+41%). Pola contra, en 11 partidos xudiciais non urbano o número de denuncias por violencia de xénero mesmo descendeu nos últimos seis anos, o que podería revelar a existencia de dificultades neses lugar á hora de presentar denuncias, renunciando as vítimas a facelo ou optando no mellor dos casos por acudir aos xulgados dalgunha cidade próxima.
Satisfacción no BNG
“Vemos este anuncio como un paso adiante de cara a conseguir un xulgado específico, máis debemos seguir traballando para que isto se materialice canto antes”, di o BNG de Lugo
A concelleira do BNG en Lugo, Maite Ferreiro, valorou positivamente o anuncio e lembrou que “esta foi unha das demandas nas que o BNG desenvolveu nos últimos anos unha forte campaña de mobilización social e actividade institucional, con centos de sinaturas recollidas, e que tivo unha gran acollida por parte da sociedade”.
“Vemos este anuncio como un paso adiante de cara a conseguir un xulgado específico, máis debemos seguir traballando para que isto se materialice canto antes”, declarou Ferreiro. O BNG aposta pola comarcalización do servizo e que, esta dependencia xudicial acollese todos os casos que se produzan en Lugo, permitindo que a atención se poida realizar nunha instalación próxima ás vítimas para reducir a perturbación que o proceso xudicial implica.