No ano 2007 púxose en marcha o Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (VioGén) co obxectivo de levar a cabo un labor preventivo, realizando predicións de risco e emitindo avisos, alertas e alarmas cando se detecte algunha incidencia que poida poñer en perigo a integridade das vítimas (mulleres maltratadas e os seu fillos e fillas). Neste momento están activos en Galicia 3.532 casos e en máis da metade (2.078) a Policía detectou algún tipo de "risco", polo que procede a realizar algunha modalidade de vixilancia da situación e da actividade do agresor.
Neste momento están activos en Galicia 3.532 casos e en máis da metade (2.078) a Policía detectou algún tipo de "risco"
Hai, ademais, outros 1.454 casos nos que non se aprecia risco; para as mulleres nesta situación establécense unhas determinadas "medidas de seguimento", revisándose cada tres meses o nivel de risco.
O número de casos activos non deixou de aumentar en Galicia nos últimos anos, pasando dos 2.934 de 2015 ata os 3.532 do 2018, un incremento de case o 15% en tres anos, segundo os últimos datos do anuario do Ministerio do Interior, feito público nos últimos días. No último ano medrou sobre todo a cantidade de casos nos que a Policía aprecia algún tipo de risco (de 1.665 a 2.078), un aumento do 25% en tan só un ano. No 2013 estes casos de risco eran tan só 895, menos da metade que os actuais. Na súa maioría o nivel de risco asignado é o inferior ("baixo"), pero hai 395 situacións de risco "medio" e 12 de risco "alto".
Nos últimos once anos houbo en Galicia outros 26.240 casos de homes que tamén foron postos en vixilancia tras formalizarse unha denuncia por violencia de xénero pero que neste momento se atopan "inactivos", e polo tanto non se realiza ningún tipo de vixilancia.
Esta semana o Concello de Ourense anunciou en primeira instancia a súa intención de retirarse do sistema de protección ás vítimas da violencia machista, xustificando esta actuación por carecer de "recursos suficientes para atender este servizo con dignidade". Porén, apenas unhas horas máis tarde o alcalde Gonzalo Pérez Jácome abriu a porta a recuar e a reconsiderar esta medida e culpou a xefa da Policía Local da decisión que el mesmo anunciara.
O anuario do Ministerio do Interior recolle tamén información sobre o número de delitos contra a liberdade sexual cometidos en Galicia ao longo do ano 2018, que creceron un 17% no último ano e que acumulan o seu quinto ano de ascenso. Foron 536, fronte aos 459 de 2017, e moi por riba dos 340 do ano 2013.
Os delitos contra a liberdade sexual cometidos en Galicia ao longo do ano 2018 creceron un 17% e acumulan o seu quinto ano de ascenso
Os delitos contra a liberdade sexual inclúen non só as violacións, agresións sexuais e abusos sexuais, cometidos de forma maioritaria por homes e sufridos de forma maioritaria por mulleres, senón tamén outro tipo de comportamentos delitivos, como corrupción de menores ou pornografía de menores, aínda que o número total de casos nestes apartados é reducido. En 2017, no conxunto de delitos, o 96% dos agresores foron homes, fronte a un 4% de mulleres. O 84% das vítimas son mulleres, fronte a un 16% de varóns (o 70% das vítimas masculinas eran menores de idade).
Por concellos, as cidades nas que se produciron máis agresións sexuais con penetración foron Vigo (cun aumento de 4 a 9), A Coruña (de 2 a 5), Pontevedra (de 0 a 4), Ourense (de 3 a 4), Compostela (a cifra mantívose en 4), Lugo (de 1 a 3) e Carballo (de 0 a 3). A estatística amosa polo tanto un incremento xeneralizado das violacións na Galicia urbana, cando menos daqueles feitos que foron postos en coñecemento da Policía.