O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, saíu o pasado martes da reunión da Xunta Local de Seguridade, órgano interinstitucional de coordinación nesta materia, anunciando que o goberno bipartito de Democracia Ourensana e PP, que el mesmo preside, se dispuña a retirar a Policía Local deste Concello do sistema VioGén de protección ás vítimas de violencia machista. Íao facer, asegurou, por "falta de recursos" para "atender este servizo con dignidade", virando o foco cara o que oposición municipal e colectivos feministas observan como un devalo continuado da área de Igualdade no Concello.
Horas despois de anunciar a retirada de Ourense do sistema VioGén, Jácome culpou a xefa da Policía Local da decisión que el mesmo anunciara e abriu a porta a recuar
O balbordo apenas se fixo agardar. Tanto é así que poucas horas despois, na mañá deste mércores, Democracia Ourensana e o propio Jácome procuraban desligarse da decisión. O rexedor, afirmaron, non fixo máis ca seguir unha "recomendación" da xefa da Policía Local, María Barrera, "que se supón a maior experta no tema" e constatou que "estamos dando mal servizo" ás vítimas e por iso é máis adecuado retirar o Concello do sistema e que a protección fique só nas mans da Polícía Nacional e mais da súa unidade adscrita á Xunta.
Se a oposición ten "algo que recriminar, que sexa á xefa da Policía Local", recomendou Jácome. Non obstante, dende DO matizan agora que "unha vez que se estude a situación, máis alá de fiarse dunha técnica", cabe a posibilidade de "replantear" a recomendación. Malia o que semella ser un primeiro amago de rectificación, o anuncio inicial do alcalde ourensán avivou as críticas por esta e outras decisións controvertidas neste eido.
A Marcha Mundial das Mulleres, que anuncia mobilizacións, ve no anuncio de Jácome unha continuación do "desmantelamento da igualdade" no Concello de Ourense iniciado na etapa do PP en minoría, advirten
Dende a Marcha Mundial das Mulleres, que xa convocou unha primeira mobilización de rexeitamento a esta decisión para o venres (19:00, Praza Maior), o anuncio de Jácome supón "continuar o desmantelamento da igualdade en Ourense", iniciado para a plataforma xa na etapa de Jesús Vázquez na alcaldía, cando o propio Concello xa se retirou durante un ano do sistema Viogén. Agora, afirman nunha primeira reacción, "DO súmase a través dun alcalde irresponsábel e covarde", que "fala de recuar culpando á xefa da Policía" cando el mesmo "é a máxima autoridade municipal".
"Daremos resposta nas rúas e tamén nos dirixiremos ás Administracións para frear a decisión -avanza a Marcha Mundial nun comunicado feito público a través das súas redes sociais-, mais non só". A mobilización, avanzan, procurará evidenciar que "levamos anos de desleixo na participación do Concello no protocolo VioGén" que agora prevé abandonar, "sen efectivos e sen recursos para levar adiante as tarefas necesarias" e a protección "das mulleres que poñen as súas vidas nas mans deste servizo".
Críticas de PSdeG e BNG
Tamén dende os grupos da oposición municipal se advirte de que esta non é a primeira medida de deterioro da área de Igualdade do Concello que, subliña o PSdeG local, ficou diluída na Concellería de Política Social dende a constitución do goberno bipartito de DO e PP. "Despois de catro anos dun goberno en minoría do PP que xa desmantelou o Centro de Información á Muller", di a concelleira socialista Natalia González, "o cogoberno PP-DO vaino deixar todo moito peor", toda vez que a renuncia a VioGén "leva consigo que se perdan uns fondos indispensables, 35.000 euros, vinculados ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero".
O PSdeG subliña que o Concello estaba a destinar un único axente "a cubrir 30 casos" de violencia machista e Gonzalo Caballero insta a Feijóo a frear a decisión do bipartito ourensán
Neste sentido, o voceiro municipal do PSdeG, Rafael Villarino, solicitou xa a convocatoria dun pleno extraordinario e advirte de que o Concello ourensán viña destinando un único axente da Policía local "a cubrir 30 casos" de vítimas de violencia machista. Renunciar ao sistema de protección das vítimas é para Villarino "unha decisión política, despreocuparse deste asunto" na que Jácome "non pode escudarse en técnicos municipais".
Tamén dende o PSdeG, pero pola banda da súa dirección nacional, o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, sinala directamente a Alberto Núñez Feijóo. O presidente da Xunta e do PPdeG "non pode consentir o debilitamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero" e correspóndelle "dar orde aos concelleiros do PP que sustentan a Jácome de reverter esta situación. Porque, advirte, "o mesmo que propón Vox en tantos sitios, propono Jácome en Ourense coa connivencia de Feijóo".
O BNG de Ourense ve constatado que "ningún dos socios do goberno considera a loita contra a violencia machista como prioridade"
Pola banda do BNG instouse xa tamén formalmente a través dunha moción a reverter esta decisión e, ao tempo, "ampliar os efectivos policiais e crear unha unidade específica" de atención ás vítimas da violencia machista. O anuncio de Jácome é para o voceiro do Bloque, Luís Seara, "unha mostra máis" de que ao goberno local "lle preocupa pouco ou nada" a área de igualdade e de que "ningún dos socios que conforman o goberno consideran que a loita contra a violencia machista sexa unha prioridade" mentres, por exemplo, si atopan recursos "para o incremento de orzamento das luces do Nadal".