O Concello de Ourense disponse a retirar a súa Policía Local do Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (VioGén), o protocolo que dende a pasada década comezou a aglutinar as diferentes institucións con competencias na prevención da violencia machista e a protección das mulleres que a sofren. Así o confirmou o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, no marco da Xunta Local de Seguridade, o órgano de coordinación coa Subdelegación do Goberno central e a Xunta nesta materia.
En declaracións aos medios que recolle COPE Ourense, Jácome ratificou que viña de anunciar que o goberno bipartito de Democracia Ourensana e PP prevé retirar a Policía Local do Viogén a partir do vindeiro 22 de marzo. Faino, xustifica, porque "o Concello non ten recursos suficientes para atender este servizo con dignidade" porque "só hai unha persoa dedicada a este cometido". Como "Policía Nacional e Policía Autonómica [en referencia á Unidade de Policía Adscrita á Xunta] teñen moitos máis recursos, serán quen as atendan".
Jácome justifica a decisión do bipartito ourensán por falta de "recursos suficientes para atender este servizo con dignidade"
Segundo Pérez Jácome só resta por "estudar" se "o Concello vai colaborar ou ter un protocolo" para, "no caso de certas urxencias", que as mulleres que padezan agresións machistas na cidade teñan "asistencia inmediata nunha casa de acollida ou provisionalmente nun hotel" ou "axudalas coa manutención nos casos máis urxentes". O rexedor ourensán anunciou ademais, na mesma xuntanza, o peche da oficina de denuncias da propia Policía Local. Paralelamente, o Concello Ourensán afirmaba nunha mensaxe nas redes sociais que a xuntanza servira para "fortalecer a cooperación institucional en materia de seguridade e, moi especialmente, en materia de violencia de xénero".
O Concello ourensán xa abandonara Viogén durante case un ano, entre 2017 e 2018, tamén aludindo falta de persoal
O bipartito ourensán torna así en definitiva unha decisión que no anterior mandato, aínda co goberno só do PP que presidía Jesús Vázquez, durou uns meses. Tamén aludindo falta de persoal, en xuño de 2017 o Concello ourensán anunciaba o abandono do programa Viogén.
No entanto, menos dun ano despois, en abril de 2018, o goberno municipal comunicaba á Xunta Local de Seguridade que volvía asumir as competencias. Daquela a decisión atinxía á protección de en torno a unha vintena de mulleres.
A retirada do Viogén anunciada por Pérez Jácome convertiría Ourense na única cidade galega que deixa este sistema de protección e seguimento das vítimas
A decisión agora anunciada por Pérez Jácome deixará Ourense como única cidade allea ao sistema Viogén xunto con Lugo toda vez que os demais gobernos das cidades galegas que aínda non estaban adheridos a el foron aprobando a súa integración no último ano, caso por exemplo da Coruña e Santiago. Sería, non obstante, a primeira en abandonalo. Como pano de fondo da incorporación de novos municipios a este sistema estivo o Real Decreto que no verán de 2018 comezou a aplicar o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e que, entre outras medidas, daba prioridade aos concellos integrados no sistema Viogén para accederen aos fondos estatais de loita contra a violencia machista.
Agora, coa retirada do Concello de Ourense, a Policía Nacional e a unidade adscrita á Xunta terán que se facer cargo dos casos de protección ás vítimas que asumise a Policía Local. O subdelegado do Goberno central na provincia, Emilio González, ratificou que esa asunción terá lugar en canto se retire o Concello, decisión que declinou valorar.