O pasado martes o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anunciaba a súa intención de retirar o Concello do sistema VioGén de protección ás vítimas da violencia machista por, dixo, carencia de "recursos" para poder prestar o servizo con "dignidade". O mércores Jácome culpou da medida á xefa da Policía Local, que nunha entrevista no xornal La Región advertía este xoves de que limitou a poñer por escrito a "precariedade" da atención ás mulleres que sofren violencia machista, se ben optar por paliala coa retirada do VioGén é unha "decisión política".
Con este pano de fondo o rexedor ourensán comparecía este mesmo xoves ante a prensa tras a reunión da Xunta de Goberno do gabinete bipartito de Democracia Ourensa e PP para confirmar que, aínda que con matices, se dispón a recuar. O único membro da Policía Local que prestaba servizo no marco do sistema VioGén asistindo a "unhas 32 vítimas de violencia de xénero" seguirá facéndoo, pero "integrado no cadrante da Policía Nacional" que, subliña o rexedor, ten na cidade "sete ou oito" axentes para prestar o servizo a 150 mulleres.
O único axente da Policía Local encargado do sistema VioGén integrarase agora no dispositivo da Policía Nacional que presta este servizo, di Jácome, que admite que a solución foi "idea" da xefa da Policía Local
Esta "gran solución", afirmou Jácome en rolda de prensa, "non é unha idea da alcaldía", senón da propia xefa da Policía Local, María Barrera, a quen "hai que botarlle flores cando corresponde". A intendente policial "di que isto así non pode estar" e "ten razón", admite, toda vez que o único axente dedicado a VioGén estábao "365 días ao ano" ao ser o único dedicado a estas funcións. Con esta solución, remata, cumpriranse "as condicións laborais" do axente e "vaise mellorar a ratio, porque en vez de ter un Policía para trinta" mulleres atendidas, habera "un policía para 19", contando o axente da Local e os da Nacional.
Mobilización da Marcha Mundial das Mulleres
A rectificación do alcalde de Ourense prodúcese nun contexto no que o movemento feminista organizado na cidade a través da Marcha Mundial das Mulleres mantén a súa mobilización prevista para este venres (19:00, Praza Maior". Para a coordinadora local da Marcha, o feito de que esta controversia amosase que un único axente se viña ocupando do programa VioGén é a mellor mostra do "desleixo" e "deficiencias nos servizos do Concello destinados ás mulleres que non son algo novo, senón que xa veñen do mandato anterior, co goberno en solitario do PP".
A Marcha Mundial das Mulleres, que mantén a mobilización prevista para o venres, cre que o sucedido é a mellor mostra do "desleixo" das "deficiencias nos servizos do Concello destinados ás mulleres"
"O problema -afirman- vese agora porque a institución está nas mans dun alcalde misóxino e irresponsábel", se ben Jácome esta "executando" unha "demolición" que se remonta á etapa de Jesús Vázquez. A Marcha rexeitaba a retirada do programa VioGén, pero "o problema non se resolve só dando marcha atrás a este anuncio". Neste sentido, subliñan que o informe da Policía Local esgrimido por Jácome non "recomenda o abandono do programa", senón que "reclama máis recursos para a atención das mulleres que sofren violencia machista".
A "imposiblidade de levar adiante as medidas de protección" pola ausencia de recuross "provocan que se derive fóra do Concello de Ourense a atención a estas mulleres", que como vítimas de violencia de xénero "son as usuarias máis habituais dos servizos sociais" municipais. Por iso, advirten, cómpren máis recursos tanto para o programa VioGén como para o Centro de Información á Muller.
"Non serven as rectificacións na prensa do mesmo que provocou a alarma social, queremos unha posición clara do goberno da cidade en relación á continuidade do programa VioGén e do aumento dos recursos destinados a este", conclúen, nun contexto no que consideran que a decisión adoptada agora "desvincula" aínda máis o Concello da protección das vítimas.