Movemento feminista e institucións galegas volven clamar na rúa contra as violencias machistas

Manifestación en Vigo polo 25N deste 2021 CC-BY-NC-SA BNG

As vilas e cidades galegas acolleron no Día internacional da eliminación da violencia contra a muller numerosas mobilizacións de rexeitamento das violencias machistas. A Marcha Mundial das Mulleres convocou máis de trinta manifestacións arredor do país baixo o lema Combater a xustiza patriarcal para acabar coa violencia machista. Unhas marchas nas que reivindicaron que "as institucións deben ser a ferramenta do cambio e non o instrumento do patriarcado para seguir espallando desigualdade e violencia contra as mulleres".

"Hai quen di que agora hai máis asasinatos que antes. Tamén hai máis divorcios que antes, con certeza. Talvez as mulleres son (somos) máis desobedientes que nunca"

"Hai quen di que agora hai máis asasinatos que antes. Tamén hai máis divorcios que antes, con certeza. Talvez as mulleres son (somos) máis desobedientes que nunca. Ou igual están resucitando, porfionas, nos nosos corpos as desobedientes de outras xeracións. As insubmisas. As bruxas do século XIV ou XVII, por exemplo. Se é asi, que asi sexa. Até que non sexa necesario rebater o negacionismo, até que non haxa violencias estruturais, un iceberg terrorífico do que apenas vemos un pico, uns poucos números de asasinadas, algunhas violacións, algúns insultos machistas", dixo a poeta Charo Lopes no acto institucional organizado pola Deputación da Coruña, no que participou xunto á poeta Lucía Aldao e a chelista Margarida Mariño.

O 25N celebrouse en todos os eidos. Desde o ensino, numerosos centros escolares abordaron desde as aulas as violencias machistas nesta semana. No IES Primeiro de Marzo de Baiona inauguraron unha aula de Igualdade para as rapazas e rapaces do centro. No CPI Antonio Orza Couto de Boqueixón concentráronse e corearon un dos lemas do Centro de Información á Muller (CIM) da vila: "As mans para loitar, non para ferir. A fala para acariñar, non para anular". 

"Mentres siga existindo esta dramática realidade, as universidades comprometémonos a que todos os días do ano sexan 25 de novembro", destaca o manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria, na que participan as tres universidades públicas galegas. 

Foron moitos os concellos que acolleron concentracións ao longo do día. É o caso da casa do concello de Frades, na que se gardou un minuto de silencio en memoria das 37 mulleres vítimas da violencia de machista e dos 4 nenos e nenas vítimas da violencia vicaria, segundo os datos da Delegación do Goberno. Ademais, a casa consistorial de Frades contaba cunha gran lona coa proposta Xuntos voaremos máis alto, deseñada por Bruno Pérez Meijide e Diana Rivadas Porteiro, alumnos de 1º da ESO do IES de Ponte Carreira.

O Concello de Santiago foi pioneiro coa campaña En Negro Contra as Violencias, que nesta ocasión encheu a cidade de icebergs para pór enriba da mesa a mesa a necesidade de destapar e visibilizar, en palabras da deseñadora Uqui Permui, "as violencias cotiás, as normalizadas, esas que nos costa ver e cando as vemos xa é moi tarde". Coas palabras "feminicidio" e "asesinato" na punta do iceberg, xorden as que están ocultas como "desvaloración", "desprezo", "culpabilizar", "micromachismo" ou "anulación".

A Deputación de Lugo celebrou a quinta andaina reivindicativa pola cidade de Lugo, que partiu do Centro de Formación Audiovisual e rematou na praza de San Marcos cun encontro interxeracional entre residentes do Centro de Atención a Maiores da Deputación na Fonsagrada e nenos e nenas do CEIP de Xermade. Unha acción da campaña 'En camiño contra as violencias', sobre a que o presidente do ente provincial, José Tomé, manifestou que "oxalá non tiveramos que estar hoxe aquí, un ano máis, continuando con esta loita".

Na Deputación de Pontevedra organizaron un novo ciclo de #ViolenciaZero coa acción Asta en cueva de Alba Soto na cidade de Pontevedra. "Por elas, por nós, polas crianzas, por todas: BASTA XA", salientouse na performance. Pola súa banda, a Deputación de Ourense organizou un acto na praza de Santa Eufemia de Ourense no que se deu lectura aos nomes das mulleres vítimas de feminicidios con música en directo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.