Lugo empregará Tik Tok para concienciar a mocidade sobre o machismo e a violencia de xénero

Tik Tok é a rede social que máis medra entre a mocidade ©

Tik Tok é, dende hai un par de anos, a rede social máis utilizada pola mocidade, rivalizando con Instagram, con máis de 800 millóns de usuarios e usuarias, o 69% por debaixo de 24 anos e máis mulleres que homes. O seu funcionamento baséase en vídeos de curta duración, de menos dun minuto e, sobre todo, duns poucos segundos. É, polo tanto, o lugar no que está a xente nova, a coñecida como Xeración Z (ou post-millenial), nacida a partir de mediados da década dos 90.

A campaña busca a publicación de vídeos que poñan enriba da mesa "as diferentes desigualdades que aínda existen a día de hoxe entre a mocidade e aqueles roles estereotipados que se continúan a perpertuar polos sesgos de xénero"

O Concello de Lugo vén de anunciar a posta en marcha dunha campaña campaña de igualdade en Tik Tok, a través da publicación de vídeos que poñan enriba da mesa "as diferentes desigualdades que aínda existen a día de hoxe entre a mocidade e aqueles roles estereotipados que se continúan a perpertuar polos sesgos de xénero".

A iniciativa empregará persoas con perfís activos en Tik Tok para que sexan protagonistas dos vídeos e poidan promover as mensaxes no perfil creado para este fin pola concellería de Xuventude lucense. Realizaranse un máximo de 10 vídeos con 5 tiktokers e 5 liñas temáticas que buscan ilustrar os roles de xénero, a desigualdade e a violencia contra as mulleres. Dentro de cada área temática (oficios, coidados, entretemento, estereotipos e celos) realizaranse dous vídeos.

Ana González Abelleira, concelleira de Xuventude © Concello de Lugo

Realizaranse un máximo de 10 vídeos con 5 tiktokers e 5 liñas temáticas que buscan ilustrar os roles de xénero, a desigualdade e a violencia contra as mulleres

A concelleira Ana González Abelleira destaca que dende o Concello "consideramos moi importante" tratar a realidade da igualdade no nivel dos e das adolescentes, coas súas preocupacións e coa súa linguaxe "e por iso empregamos como vehículo a rede social Tik Tok". 

“O obxecto da convocatoria céntrase na reflexión e a capacidade creativa dos adolescentes en canto a igualdade de xénero e as relacións afectivas entre mulleres e homes, así como o rexeitamento e a prevención da violencia de xénero”, destaca González Abelleira. Os mozos e mozas que se animen a participan terán liberdade creativa para seguir todos e cada un dos challenges, destacan dende o concello.

O Concello de Lugo considera "moi importante" tratar a realidade da igualdade no nivel dos e das adolescentes, coas súas preocupacións e coa súa linguaxe "

Non é a primeira vez que unha campaña de igualdade fai uso de Tik Tok para achegarse á mocidade nos espazos que esta utiliza maioritariamente. Nos últimos meses distintas administracións puxeron en marcha iniciativas semellantes, buscando promover "a igualdade de xénero, as relacións afectivas sas entre mulleres e homes, e o rexeitamento e a prevención da violencia de xénero", como neste caso a Subdelegación do Goberno en Almería.

@elee.ly

El significado de la canción es preciosa. IGUALDAD💜 ##tiktokersporlaigualdad

♬ sonido original - elee.ly

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.