Cinco mensaxes á mocidade que fomentan a violencia machista

Acción da Marcha Mundial das Mulleres contra a violencia machista CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

"Os consellos, modelos e experiencias vividas na familia" exercen, xunto ao "decisivo papel da escola", unha "grande influencia na aprendizaxe da violencia de xénero ou da súa antítese: a igualdade e o respecto mutuo". É unha das premisas nas que se apoia o estudo que, encargado pola Delegación do Goberno central para a Violencia de Xénero e elaborado dende a Unidade de Psicoloxía Preventiva da Universidade Complutense de Madrid, realizou hai poucos meses unha completa radiografía en todo o Estado sobre a percepción existente sobre o machismo e as agresións machistas entre a infancia e a adolescencia. Entre outros moitos aspectos o traballo identifica cando menos cinco mensaxes que, a xeito de supostos "consellos", alimentan a tolerancia, a xustificación ou o exercicio da violencia machista no futuro.

A "plasticidade" do ser humano é "máxima nas primeiras idades", polo que, ao xeito da aprendizaxe dos idiomas, "os modelos e expectativas sociais básicos, entre os que se atopa o sexismo e a súa antítese, a igualdade, unha vez aprendidos tenden a mantérense". Estas pautas de comportamento fan que nenos, nenas e adolescentes lle poidan "dar significado ao mundo social e emocional propio e alleo", xulgar "como axeitado ou inaxeitado o comportamento dos individuos" e tamén no que se "pensa, se sente e se fai". Así as cousas, a presenza habitual destas mensaxes que, querendo ou non, fomentan o machismo, é especialmente relevante e perigosa. O propio estudo acredita que estes "consellos" son escoitados nestas idades temperás cunha frecuencia nada desdeñable.

Mensaxes escoitadas a cotío ou moitas veces Homes Mulleres
"Se alguén che pega, pégalle ti" 36,71 20,87
Para ter unha boa relación de parella debes atopar a túa 'media laranxa' e así chegar a ser como unha soa persoa 54,14 54,48
Os ciumes son unha expresión de amor 36,82 35,77
Para ter unha boa relación de parella convén que o home sexa un chisco superior á muller en idade, nos cartos que gaña... 9,04 8,5
As mulleres deben evitar levarlle a contraria ao home ao que queren 5,7 4,02

Aínda que constatan certos avances a respecto da anterior edición do estudo, elaborada en 2010, os autores desta investigación advirten de que aínda é relevante a porcentaxe de rapaces, moito maior que entre as mozas, aos que se lles "aconsella" agredir cando reciben unha agresión física. Os expertos e expertas ligan estes consellos co feito de que constatasen que "a porcentaxe de mozos que xustifica a violencia como forma de solución de conflitos sexa o triple ou máis que o de mozas", unhas crenzas que "están estreitamente ligadas co estereotipo masculino tradicional", o cal "pode conducir a todo tipo de violencia, incluída a de xénero".

Case o 40% dos e das adolescentes escoitan na casa que os ciumes son unha "expresión de amor"

Deste estudo tamén se tira que nos consellos da contorna familiar dos e das adolescentes que se vinculan directamente ao amor tamén permanecen os estereotipos e actitudes machistas. "Aumenta lixeiramente a porcentaxe de adolescentes que escoitan con frecuencia a mensaxe "os ciumes son unha expresión de amor", algo que din escoitar máis do 36% dos mozos e máis do 35%, no caso das mozas. "O feito de que se incrementase este consello" en poucos anos "pode indicar un descenso na conciencia" de que os ciumes "forman parte do control abusivo", un control que, salientan, na actualidade non só se exerce presencialmente, senón tamén a través de instrumentos tecnolóxicos como as redes sociais ou o teléfono móbil.

As mensaxes que alimentan a igualdade

Fronte a estas mensaxes prexudiciais o estudo identifica outras que van na dirección xustamente contraria, a da igualdade. "Se alguén quere pelexar contigo convénceo de que hai outro xeito de resolver os problemas" ou "unha boa relación de parella debe establecerse de igual a igual" son consellos que tamén están presentes na vida da "maioría dos e das adolescentes", se ben, advirten, "a énfase familiar na igualdade e nas formas non violentas de resolución de conflitos diríxese máis ás mozas".

"A énfase familiar na igualdade e na non violencia diríxese máis ás mozas"

Así, mentres "os mozos escoitan con máis frecuencia ca elas os consellos que conducen a utilizar a violencia de forma reactiva", as mozas están estatisticamente "sobrerrepresentadas entre quen din escoitar que unha boa relación de parella debe establecerse de igual a igual". É tamén entre as mozas onde son máis crecuentes "os consellos de non violencia". Por todo isto, explican os expertos en psicoloxía preventiva que elaboraron este informe, cómpre facer énfase dende todos os ámbitos, tamén dende as institucións públicas, na "necesidade de sensibilizar as familias sobre as vantaxes que a igualdade e a non violencia representan tamén para a educación dos homes do século XXI".

Alumnado nun instituto galego © IES Rosais 2 (Vigo)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.