SOS Bebés Roubados pide "medios" para investigar os 300 casos denunciados en Galicia

SOS Bebés Robados Galicia ten máis de 200 casos rexistrados de substracións © RTVE

Ata 300 nenos puideron ser roubados entre as décadas dos cincuenta e dos oitenta en Galicia. É a cifra que calcula a asociación SOS Bebés Roubados, que volveu neste martes reivindicar máis medios para investigar todos os casos denunciados e para evitar que esta busca da verdade e das persoas das que descoñecen o seu paradoiro non se eternice.

SOS Bebés Roubados calcula que ata 300 nenos puideron ser substraídos entre os 50 e os 80 en Galicia

O colectivo reclama á Administración central que facilite o seu traballo e achegue medios para resolver casos que levantan serias dúbidas. Ocorre así, por exemplo, con María Jesús Loureda, que deu a luz unha nena o 5 de setembro de 1977 na Coruña. Tanto ela como o seu marido, Francisco Bermedo, está convencidos de que lle roubaron a cativa en canto naceu para entregarlla a outra familia. Mesmo lembran como o pai, estrañado pola cor morada que presentaba o bebé, preguntou aos sanitarios por unha circunstancia que lle dixeron ser irrelevante. Agora sospeitan que aquel era o neno falecido que ensinaban aos proxenitores aos que quitaban os naipelos.

O matrimonio vén de presentar unha denuncia contra o xinecólogo que atendeu a muller e contra outra persoa que cren que actuou como intermediaria no presunto roubo. Ademais, aseguran que non hai notificación ningunha do pasamento da pequena no rexistro de defuncións da Coruña.

A xustiza fixa para xaneiro a exhumación do cadáver dun bebé na Coruña e a declaración dun presunto fillo roubado a unha muller en Ferrol

Así, o xulgado de instrución número 5 da Coruña fixou para o 9 de xaneiro a exhumación do cadáver do bebé, que foi presuntamente soterrado no cemiterio municipal de Santo Amaro para posteriormente facer as probas de ADN. Por outra banda, o 13 do mesmo mes, o xulgado de instrución número 2 de Ferrol citou a declarar ao presunto e posible fillo dunha muller que tamén denunciou hai tempo o roubo do seu proxenitor.

Mari Carmen Báez, que así se chama a denunciante, conseguiu que un xulgado lle tome declaración ao que cre que é seu fillo e que lle dixeron que morrera pouco despois de que ela dera a luz nun hospital ferrolán nos anos 70. Ela vén de conseguir que un xulgado de Ferrol lle vaia tomar declaración ao que cre que é o seu fillo e que lle dixeron que estaba morto cando dera a luz nun hospital de Ferrol nos anos setenta.

En todos os casos, a asociación SOS Bebés Roubados segue a reclamar medios para que a xustiza poida resolver con maior celeridade as súas investigacións, que adoitan dilatarse no tempo. O colectivo xa tiña rexistrados e confirmados máis de 200 casos en Galicia, como destacara nunha entrevista concedida a Praza a súa presidenta Estrella Vázquez. A previsión agora é que poidan chegar incluso a 300.

Naquela entrevista, Vázquez debullaba unha realidade difícil de describir para quen non a vivira: "Hai casos nos que eran os propios familiares, ou algún amigo, que andaban neste mundo, neste negocio, os que se encargaban de roubar os nenos", contaba. De igual xeito detallaba que, segundo os relatos das persoas que se achegan a falar coa súa asociación, "houbo moitos casos de nais solteiras que foron machacadas polas monxas, que as avergonzaban, que lles dicían que ían ser rexeitadas por todos por seren nais solteiras. Facíanlles un lavado de cerebro e dábanlles unha medicación que as deixaban durmidas durante un par de días. E as monxas quedaban cos cativos e dábanos en adopción". "Tamén che contan que non lles deixaban ver os cadáveres dos nenos, ou que non lles deixaban soterralos no cemiterios que os pais querían", engade.

"Hai casos que eran os propios familiares, ou algún amigo os que se encargaban de roubar os nenos"

Na web da asociación pódense consultar moitas destas denuncias, con detalles sobre as datas e o lugar na que os bebés foron supostamente roubados, imaxes dos pais e nais que buscan fillos e fillas e viceversa, ademais de comentarios sobre a forma en que os pequenos e pequenas foron substraídas e outros detalles que revelan a forma en que funcionaba esta maquinaria.

Nos rexistros atopamos casos dende a década dos 50, incluídos algúns nos que dúas irmás xemelgas foron separadas ao nacer, como sucedeu o 31 de xullo de 1959 no Hospital de Lugo ou o 6 de agosto de 1959 no Hospital provincial de Santiago de Compostela. Xa nos sesenta, pódense consultar as denuncias dunha muller roubada en 1962 na Residencia Almirante Vierna de Vigo, un varón desaparecido no mesmo ano no Hospital Provincial de Ourense, unha muller roubada en 1965 no Hogar Santo Ángel de la Guarda de Lugo, un varón desaparecido do Hospital Materno Infantil da Coruña en 1965, e varios casos máis da Coruña, Vigo e Ferrol. Varios corresponden ao Hospital Labaca da Coruña, onde se denuncia, por exemplo, que unha nena foi entregada a uns pais adoptivos por unha Hija de la Caridad, descoñecéndose a súa filiación biolóxica.

A meirande parte dos casos denunciados corresponden á década dos setenta, con varias denuncias de desaparicións no Hospital Nóvoa Santos da Coruña, na Cruz Vermella de Vigo, na Residencia Almirante Vierna de Vigo, no Juan Canalejo da Coruña, na residencia Nuestra Señora del Belén da Coruña, no Hospital de Caridad de Ferrol, na Casa Cuna da Coruña, ou no devandito Hospital Labaca da Coruña. A partir dos anos oitenta, sobre todo a partir de 1982, a frecuencia dos casos redúcese. Pero hai aínda algunhas denuncias despois desa data, por exemplo unha dun bebé nacido en 1987 no Hospital de Marina Naval de Ferrol, unhas xemelgas nacidas en 1989 no Materno Infantil da Coruña, ou un varón nacido en 1986 no Hospital Nicolás Peña de Vigo, nun parto atendido polas Siervas de la Pasión da Casa Cuna Santa Isabel.

SOS Bebés Robados Galicia ten máis de 200 casos rexistrados de substracións © RTVE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.