As Tanxugueiras están de moda. A formación musical que leva este nome leva meses acadando un enorme éxito coas cancións que vai publicando e nas súas actuacións e neste momento atópase na carreira para representar (en lingua galega) o Estado español no Festival de Eurovisión do ano 2022. O seu tema "Terra" suma 850.000 visualizacións e 300.000 escoitas en Spotify en menos de 6 días.
Pero, ademais, 'tanxugueiras' vén de ser escollida a palabra galega do ano, no marco da votación que todos os nadais poñen en marcha a Real Academia Galega e a Fundación Barrié a través do Portal das Palabras. ‘Resiliencia, ‘vacinódromo’ e 'gromo' foron as seguintes palabras máis votadas nun ano marcado de novo pola pandemia, impoñéndose a 'coada', outra palabra marcada pola actualidade dende o mes de setembro debido á erupción volcánica da illa da Palma, nas Canarias.
Tanxugueira non aparece no dicionario. Trátase do plural dun microtopónimo existente en varios lugares de Galicia
Tanxugueira, en realidade, non aparece no dicionario. Trátase do plural dun microtopónimo existente en varios lugares de Galicia. Entre eles, a parroquia de Fumaces, no concello ourensán de Riós, de onde Aida Tarrío e as irmás Olaia e Sabela Maneiro tomaron o nome para a súa banda. Porén, o topónimo aparece tamén en Catoira, Dodro e Viana do Bolo, como podemos comprobar no portal colaborativo de microtoponimia Galicia Nomeada.
Tanxugueiras é unha alteración da forma etimolóxica Teixugueira, "un zootopónimo común no país que sinala os sitios onde hai presenza ou abundancia de teixugos ou porco teixos"
Como explica a Real Academia Galega, o vocábulo tanxugueiras é unha alteración da forma etimolóxica Teixugueira, "un zootopónimo común no país que sinala os sitios onde hai presenza ou abundancia de teixugos ou porco teixos, un tipo de mamífero de vida nocturna que se alimenta de bichocas, landras e plantas coma a do millo, polo que nalgúns lugares de Galicia se tocaba o corno polas noites para espantalo". Esta voz popular remite probablemente ao latín taxo, taxonis, o nome latino que recibía o 'teixugo', aínda que podería vir tamén dunha suposta forma xermánica *thahsus ou do gótico *thahsuks.
‘Resiliencia, ‘vacinódromo’ e 'gromo' foron as seguintes palabras máis votadas nun ano marcado de novo pola pandemia
A música impúxose á pandemia, polo tanto, como se pode ver en boa parte das restantes palabras finalistas, que fan referencia a distintos fenómenos ou espazos que están a ser fundamentais na nosa vida cotiá nos últimos meses. É o caso de resiliencia, na acepción da capacidade dos seres humanos para se adaptaren positivamente ás situacións adversas, segunda verba máis votada. Tamén de vacinódromo, un neoloxismo que aínda non recolle o dicionario, e que se refire ao lugar onde se efectúa a vacinación masiva da poboación. E, igualmente, de gromo, que coa pandemia de coronavirus incorporou na súa entrada no Dicionario da Real Academia Galega o significado de “aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar, así como o de primeira manifestación ou aparición de algo”.
A Real Academia Galega e a Fundación Barrié promoven dende 2014 a elección da Palabra do Ano a través do Portal das Palabras. Nas edicións anteriores foron elixidas Palabra do Ano nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016), refuxiado/a (2015) e corrupción (2014).