'Nós', elixida palabra galega do ano 2020 nun chamamento á "implicación colectiva"

'Nós' foi a palabra gañadora na votación promovida pola RAG e a Fundación Barrié © RAG

Nós é a palabra galega do 2020, no ano do centenario da xeración Nós pero tamén no ano da pandemia de Covid-19, a xeito de chamamento a prol da "implicación colectiva" necesaria para superar a actual crise sanitaria e social. O termo foi o máis votado na escolla promovida polo Portal das Palabras da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, na que se impuxo a seteiro e tamén a un grupo de vocábulos directamente relacionados co coronavirus: gromo, pandemia, máscara e vacina.

A Academia destaca que "a voz gañadora é moito máis ca un pronome" pois "designa a xeración que modernizou hai un século a cultura galega"

A Academia destaca que "a voz gañadora é moito máis ca un pronome" pois "designa a xeración que modernizou hai un século a cultura galega", salientando deste xeito "algo bo dun ano ben complicado: a celebración do centenario da xeración Nós". Así mesmo, a elección "olla cara ao futuro con optimismo porque nos lembra tamén que saírmos da crise global provocada polo SARS-CoV-2 depende da primeira persoa do plural máis absoluta", subliñando que "superar a pandemia require da implicación colectiva".

Portadas da revista Nós © Cidade da Cultura

A elección "olla cara ao futuro con optimismo porque nos lembra tamén que saírmos da crise global provocada polo SARS-CoV-2 depende da primeira persoa do plural máis absoluta", di a RAG

Nós  obtivo ao redor do 30% dos votos, superando a Seteiro, a segunda palabra máis votada. Este termo fai referencia ao grupo de estrelas denominado tamén arqueiro (Sagittarius na forma latina). O pasado mes de novembro o Seminario de Terminoloxía da Real Academia Galega aprobou a listaxe normalizada dos nomes galegos das constelacións, entre os que se inclúe esta voz. Para a RAG, "a escolla pode verse como un xeito de reivindicar o coñecemento, e a valoración, do ceo e dos seus nomes; mais tamén ten algo, outra vez, de evasión colectiva". O resto dos vocábulos finalistas, de feito, facían referencia á Covid-19, comezando por gromo, a terceira palabra máis votada, co 17% dos apoios

Seteiro, a segunda palabra máis votada, fai referencia ao grupo de estrelas denominado tamén arqueiro (Sagittarius na forma latina)

Nas edicións anteriores da votación, as palabras escollidas foron sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016), refuxiado/a (2015) e corrupción (2014).

 

"Vosoutros non sodes nosoutros"

A RAG lembra que o Dicionario tamén recolle nosoutros, -as, variante rexistrada no galego mindoniense e no do oriente da provincia de Lugo, fronteirizo con Asturias e León, que consiste nunha evolución da expresión nos + alteros e que comezou a empregarse no latín popular para marcar plurais excluíntes. De feito, aínda que na actualidade os usos dunha e outra forma non presenten distincións, había unha diferenza tradicional importante entre elas, que aínda se conserva nalgunhas zonas. Mentres que nosoutros delimita un grupo concreto e deixa fóra todas as persoas que non pertencen a el, nós non marca tal fronteira.

Seteiro dá nome a unha das constelacións © Agrupación Astronómica Ío

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.