"Ai, dos que levan na frente unha estrela! Ai, dos que levan no bico un cantar!", escribiu Manuel Curros Enríquez no poema que lle dedicou a Rosalía de Castro que dende hai uns meses lle dá nome á estrela anteriormente coñecida como HD 149143, situada a 240 anos luz na constelación de Serpentario-Ofiúco. A lingua galega empregouse dende sempre para nomear os corpos celestes, pero ata agora non contabamos cunha relación normalizada de nomes para as 88 constelacións recoñecidas pola Unión Astronómica Internacional.
A Real Academia Galega presentou este xoves a listaxe de 88 nomes coas súas correspondencias en latín (o empregado a nivel internacional pola comunidade científica) e a súa abreviatura, dende Andrómeda a Raposiña
A Real Academia Galega presentou este xoves a listaxe de 88 nomes coas súas correspondencias en latín (o empregado a nivel internacional pola comunidade científica) e a súa abreviatura, dende Andrómeda a Raposiña. O traballo é froito da colaboración entre o Seminario de Terminoloxía e o equipo composto por Salvador Bará, profesor da área de Óptica da Universidade de Santiago de Compostela; Martin Pawley, da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío; e o físico Dosi Veiga, impulsor de Ceos Galegos.
Na presentación, que tivo lugar na Casa das Ciencias da Coruña, participaron o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, o coordinador do Seminario de Terminoloxía, o académico Manuel González; e o director de Cultura do Concello da Coruña, Rómulo Sanjurjo.
A delimitación definitiva das 88 constelacións foi aprobada pola Unión Astronómica Internacional en 1930
A delimitación definitiva das 88 constelacións foi realizada fundamentalmente polo belga Eugène Joseph Delporte e aprobada pola Unión Astronómica Internacional en 1930. Porén, xa moito antes a humanidade púxolles nomes ás agrupacións de estrelas que vía no ceo nocturno. Ptolomeo describiu no século II a. C. un total de 48, entre as que se inclúen as doce zodiacais (Augadeiro, Carneiro, Cangrexo, Capricornio, Xemelgos, León, Balanza, Peixes, Arqueiro ou Seteiro, Escorpión, Touro e Virxe) e moitas que designan a seres mitolóxicos (Perseo, Andrómeda, Hércules, Orión, Dragón ou Boieiro) e a outros animais (Lobo, Lebre, Serpe...).
Máis recentemente incorporáronse outras, en moitas ocasións nomeadas por navegantes. No século XVIII o astrónomo francés Nicolas Louis de Lacaille albiscou as 14 últimas constelacións, para as que escolleu nomes de instrumentos científicos como Escuadro, Telescopio, Microscopio, Octante ou Retículo.
Na presentación desta listaxe de nomes, Víctor Freixanes destacou o labor que a RAG vén realizando a prol da incorporación da lingua galega ao ámbito científico. De igual xeito, Manuel González salientou tamén o valor normalizador deste traballo, indicando que "para o galego existían, desde hai certo tempo, distintas propostas, pero careciamos dunha normalizada e oficial. E iso é o que ofrecemos agora, despois dun traballo rigoroso de todas as partes".
Martin Pawley incidiu no valor normalizador de traballos coma este: "É fundamental a normalización do uso do galego na comunicación e na divulgación da ciencia"
Tamén Martin Pawley incidiu no valor normalizador de traballos coma este: "É fundamental a normalización do uso do galego na comunicación e na divulgación da ciencia", engadindo que a listaxe buscou "consolidar unha listaxe de nomes para as constelacións claramente asociados tanto á súa orixe etimolóxica como ao debuxo que definen no ceo".
O léxico das constelacións súmase á revisión das entradas do dicionario en liña da RAG relacionadas coa astronomía realizada en 2017 contando tamén coa colaboración de Salvador Bará e Martin Pawley; e a outras actualizacións como a do vocabulario matemático ou dos nomes dos elementos químicos, desenvolvidas igualmente con expertos nestes eidos científicos.