O 25 de setembro do ano 2015 o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha declaración institucional "en defensa do ceo nocturno". O texto subliñaba que "é imprescindible o control da contaminación luminosa en todo o territorio galego dado o impacto que xera sobre moitas especies, hábitats, ecosistemas e paisaxes" e chamaba a "promoverse e esixirse o uso racional da iluminación artificial para minimizar o resplandor que provoca no ceo e evitar a nociva intrusión de luz sobre os seres humanos e o medio natural". "Os lugares que presenten condicións excepcionais para a contemplación do ceo, e en particular aqueles máis aptos para a observación con fins científicos, serán obxecto dunha protección especial", engadía.
O Parlamento galego comprometeuse a "promover e esixir o uso racional da iluminación artificial para minimizar o resplandor que provoca no ceo e evitar a nociva intrusión de luz sobre os seres humanos e o medio natural"
A defensa do ceo nocturno, a loita contra a contaminación lumínica, o fomento dun alumeado intelixente, a divulgación da astronomía e a promoción dun "turismo de estrelas" son os obxectivos primordiais da Fundación Starlight, con sede nas Illas Canarias. A entidade realiza ademais certificacións dos denominados destinos Starlight, lugares con condicións favorables para a observación do ceo estrelado, que cada vez atraen máis visitantes. En Galicia dous espazos teñen esa condición: Trevinca e as Illas Cíes; e un máis -o Concello de Muras- iniciou o proceso para acadar tamén esa distinción.
Porén, a Fundación Starlight advertiu nos últimos meses de que as Cíes corrían un serio risco de perder a súa distinción, debido á contaminación lumínica procedente da cidade de Vigo, especialmente agravada pola crecente iluminación de nadal instalada nos últimos anos polo Concello. A certificación será revisada durante o vindeiro mes de xaneiro. Dende que hai tres anos as Illas Cíes se converteron nun destino Starlight, máis de de 71.000 visitantes participaron nalgunha das actividades que buscan difundir alí o coñecemento das estrelas, accións organizadas por entidades como a Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía e o propio Parque.
Máis aló da situación concreta das Illas Cíes e da cidade de Vigo, Starlight vén denunciando a contaminación lumínica xerada nos espazos urbanos. A entidade lembra os prexuízos que a falta de escuridade causa nos ecosistemas, e sobre todo en determinadas especies como insectos e aves. Tamén sobre os seres humanos, que vén dificultado o seu descanso e que, ademais, se ven privados da contemplación do ceo nocturno e das estrelas. Entidades como a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío traballan tamén nesa dirección. Falamos con Antonia Varela Pérez, astrofísica e directora da Fundación Starlight.
A Fundación Starlight alerta de que as Illas Cíes corren o risco de perder a súa certificación como destino de observación do ceo nocturno. A razón é a contaminación lumínica procedente de Vigo
Cal é a función do voso traballo na Fundación Starlight? En que centrades a vosa actividade?
A Fundación Starlight creouse a partir da iniciativa do Instituto de Astrofísica de Canarias. O principal obxectivo é a defensa do ceo estrelado, a difusión da astronomía e a protección do ceo nocturno a través de proxectos de alumeado intelixente. Búscase ademais utilizar o ceo estrelado nocturno protexido como un motor de economía sustentable. A fundación parte da denominada Lei do Ceo, aprobada en Canarias no ano 1988, unha norma pioneira que supón unha defensa integral contra a contaminación lumínica e outras contaminacións. E tamén da declaración Starlight, redactada no ano 2003 e aprobada en 2007, en defensa do ceo escuro como un patrimonio inmaterial da humanidade e do dereito á luz das estrelas.
Levades a cabo certificacións de espazos nos que aínda é posible gozar dese ceo estrelado. En que consiste?
Si, creamos un sistema internacional de certificación territorial daqueles lugares que teñen un compromiso firme en defensa do ceo escuro, con dous grandes conceptos: as reservas e os destinos turísticos Starlight. Unha reserva é unha área natural que mantén case intactas as condicións do ceo, mentres que os destinos son aqueles lugares visitables para poder gozar dese ceo, nos que se promove un turismo de estrelas.
Son lugares con ceo escuro aos que non se lles esixe a mesma excelencia que ás reservas, pero si un compromiso por limitar a luz emitida e por cambiar o alumeado por outro máis respectuoso co medio. Búscase que ese turismo de estrelas sirva para promover o desenvolvemento local neses lugares, que pertencen sempre a espazos rurais. É un tipo de turismo que obriga a pernoctar alí, polo que deixa bastantes recursos. En Galicia contamos con dous destinos turísticos Starlight: as Illas Cíes e Trevinca.
"Estamos perdendo un patrimonio da humanidade. Pero é que ademais a ausencia de escuridade nocturna supón a alteración de ecosistemas e especies, que se están vendo alteradas pola contaminación lumínica"
Dá a impresión de que hai unha preocupación crecente pola contaminación do aire ou da auga, pero que a contaminación lumínica é a grande ignorada a pesar de que provoca efectos negativos no medio ambiente, máis aló dos prexuízos sobre a paisaxe ou sobre as persoas. Non é unha prioridade?
O certo é que estamos perdendo un patrimonio da humanidade. Dende sempre o ser humano observou o ceo e as estrelas, que foron as referencias dos nosos navegantes e dos nosos historiadores, todas as civilizacións se inspiraron no ceo nocturno. Pero é que ademais dese patrimonio da humanidade en extinción, a ausencia de escuridade nocturna supón a alteración dos hábitats, ecosistemas e especies, que se están vendo alteradas pola contaminación lumínica.
Está modificando migracións, as relacións entre predadores e presas, morfoloxía e fisioloxía de moitos animais e plantas e está provocando mortalidade. Ademais, a contaminación lumínica está a asociada a emisións de CO2 moi importantes para producir a enerxía necesaria para as iluminacións e tamén para fabricar os materiais dos que se compón o alumeado.
"O máis positivo é que é un tipo de contaminación que se pode erradicar moi rapidamente, simplemente optando por alumear de forma intelixente"
Como se combate esa contaminación lumínica?
O máis positivo é que é un tipo de contaminación que se pode erradicar moi rapidamente, simplemente optando por alumear de forma intelixente. Sempre dicimos que non se trata de apagar as nosas localidades, senón de iluminalas doutro xeito.
Pero neste momento aínda non hai ese compromiso e ese convencemento en moitos lugares. A contaminación lumínica é a que máis dano está facendo ás especies nos parques naturais, onde se cadra a calidade de aire é boa, pero onde temos contaminación lumínica das poboacións próxima. É o que pode estar pasando nas Illas Cíes co alumeado desorbitado e inexplicable do nadal.
Hai un risco real de que as Illas Cíes perdan a súa certificación Starlight?
O risco é real, claro que é real. O alumeado é equivalente a sete estadios de fútbol de primeira división e está facendo dano a unha fauna que non pode agardar a que pase o nadal.
"Están poñendo en perigo a certificación e sería moi inxusto para as Illas Cíes e para o Parque Nacional"
Houbo contactos nos últimos meses para tentar reverter a situación?
Falamos co director do Parque Nacional das Illas Atlánticas e tamén con expertos galegos das universidades de Santiago e de Vigo. A realidade é que o Parque Nacional fixo os seus deberes e foi un dos territorios Starlight que mellor traballou neste senso, tanto protexéndose contra a contaminación lumínica como divulgando o turismo de estrelas.
Nós certificamos as Illas Cíes no seu momento, despois de reunirnos con representantes da Concellería de Medio Ambiente e contando cunha adhesión asinada por todos os concellos próximos. De forma excepcional, tamén o pleno do Parlamento de Galicia aprobou unha declaración en defensa do ceo nocturno, aínda que non o esixíramos. É dicir, había un compromiso de alumar de forma sustentable, favorecendo así o desenvolvemento de zonas rurais. E isto pode estar sendo infrinxido. Evidentemente isto non era un contrato, senón un pacto, un compromiso, o que para min é máis sagrado que un contrato, e este pacto debe cumprirse. Están poñendo en perigo a certificación e sería moi inxusto para as Illas Cíes e para o Parque Nacional.
"Habería que ter unha regulación: imos alumear no nadal, pero o nadal é decembro, non novembro. Imos alumear no nadal, pero a medianoite imos apagar as luces, porque xa non hai xente na rúa"
Máis aló do que está a pasar en Vigo, cal é o efecto do incremento sobre o ceo da iluminación de nadal en moitas cidades?
Hai cousas que non teñen valor económico. E ti podes argumentar: é que o alumeado de nadal xera máis ingresos que o que custa a súa instalación. Pero quen recibe eses ingresos? Están chegando ás zonas rurais? Ten prezo a perda dos ecosistemas? A min dóeme moito cando escoito a frivolidade coa que se fala deste tema, poñendo por riba de todo unhas cifras económicas de beneficios comerciais que son consecuencia dun alumeado moi pouco intelixente. As cidades teñen que ser solidarias coas zonas rurais.
Evidentemente a todos nos gusta o nadal. A Rede Española contra a Contaminación Lumínica e outras entidades están promovendo o uso de LEDs máis eficientes, non os LEDs que se utilizan na actualidade. Pero habería que ter tamén unha regulación: imos alumear no nadal, pero o nadal é decembro, non novembro. Imos alumear no nadal, pero a medianoite imos apagar as luces, porque xa non hai xente na rúa. Para que ese desbalde?
"Paréceme moi negativo o efecto cadea que se está producindo no tema das luces"
Este ano, ademais, varias cidades seguiron o exemplo de Vigo e incrementaron o seu gasto en luces...
Paréceme moi negativo o efecto cadea que se está producindo no tema das luces, un efecto que se produce cando alguén fai algo que é interpretado como exitoso. E agora esa política estase contaxiando a outras cidades. Habería que crear un cerco sanitario ao redor para evitar que isto se estenda, para evitar que outras localidades fagan o mesmo.
Sabemos que son unhas datas nas que os excesos son case inevitables, pero competir entre unhas cidades e outras por ver cal ten máis luz paréceme un retroceso nos obxectivos marcados en todo o planeta para reducir a contaminación e as emisións. Nós nas Canarias estamos traballando para que a nova Lei de loita contra o cambio climático inclúa a contaminación lumínica, e hai expertos noutros lugares tentando que alí tamén se recolla.
"Está en proceso a certificación do Concello de Muras, que tamén se vai converter nun destino turístico Starlight"
Independentemente de que as Cíes manteñan ou perdan a súa certificación, algún outro espazo de Galicia pode recibir esta distinción?
Está en proceso a certificación do Concello de Muras, que tamén se vai converter nun destino turístico Starlight. Ademais, hai algúns aloxamentos rurais que tamén certificamos polo seu compromiso coa protección do ceo e coa divulgación dos obxectivos da Fundación e do turismo de estrelas. Trátase de Casa Pedreira, en Cuntis (Pontevedra), e da Aira da Petada, na Veiga (Ourense).