Que mellor nome que Rosalía para unha estrela?

Imaxe da campaña #EstrelaRosalía © Ío

Hemeroteca

A estrela HD 149143 é unha anana amarela, semellante ao noso Sol, situada a 240 anos luz, na constelación de Ofiúco. A súa magnitude relativa é 7,89, o cal a converte nun obxecto visíbel con prismáticos en ceos escuros. Para celebrar o centenario da Unión Astronómica Internacional, a entidade puxo en marcha a iniciativa mundial NameExoWorlds, que permite que cada país do mundo lle poña nome a unha estrela cun exoplaneta asociado. 

Hai uns días a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío iniciou unha campaña para que a poeta galega lle dea nome ao astro HD 149143.

Hai uns días a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío iniciou unha campaña para que Rosalía sexa o nome elixido para nomear a estrela correspondente España, e e o de Río Sar para o seu exoplaneta HD 149143 b. Foi descuberto en 2005. É un xigante gasoso un pouco maior que Xúpiter que orbita a oito millóns de quilómetros da súa estrela: tarda só 4,1 días en dar unha volta completa arredor dela. En caso de que se descubran máis exoplanetas neste astro, a proposta da entidade inclúe outros topónimos asociados á vida e obra de Rosalía: Laíño, Lestrobe, Bastavales, Conxo ou Iria.

A votación pode realizarse a través desta ligazón. Os votos recolleranse ata o día 12 de novembro. Os resultados finais serán dados a coñecer nun anuncio oficial da Unión Astronómica Internacional a partir de mediados de decembro, conxuntamente cos outros nomes das estrelas e planetas asignadas a cada país. Curiosamente, Rosalía non é a única proposta galega para nomear a estrela HD 149143. Na votación tamén figura Breogán como opción (e Ith  para dar nome ao exoplaneta), proposto polo Observatorio da Universidade Autónoma de Madrid. Así mesmo, entre as propostas que se poden votar están Girasol, Culebra, Cuélebre, Isabel, Tirant, Luz, Elcano, Iberia, Zamenis ou Tajo

A proposta, que conta co apoio da Fundación Rosalía de Castro, compite con outras 11 opcións, pódese votara ata o 12 de novembro

A Agrupación Astronómica Ío difundiu a súa proposta a través das redes sociais, convidando a empregar a etiqueta #EstrelaRosalía e a compartir poemas da autora que inclúan referencias ao Sol, a Lúa, as estrelas e a noite. Así, dende esta fin de semana estamos lendo "Cando maxino que es ida/ no mesmo sol te me amostras/ i eres a estrela que brila/ i eres o vento que zoa" ou "Colleume a noite, noite brillante, cunha luniña feita de xaspes, e fun con ela camiño adiante, cas estreliñas para guiarme, que aquel camiño solo elas saben", entre moitos outros versos. "No tempo de Rosalía a contaminación luminosa non existía e en consecuencia todas as persoas convivían con naturalidade coa noite. O firmamento e os corpos celestes formaban parte do seu día a día e inevitabelmente están integrados na súa literatura", destaca Ío na seúa web.

Ademais, este luns a entidade coruñesa e a Fundación Rosalía de Castro realizaron un acto público conxunto na Casa das Ciencias para difundir a candidatura para nomear a estrela. Presentaron a iniciativa o seu coordinador, Martin Pawley, ademais de membro da xunta directiva da Agrupación Ío, e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira. A campaña conta tamén cos apoios da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e de Edicións Xerais.

Localización da estrela HD 149143 © Ío

Rosalía xa está en Venus

Rosalía de Castro dálle nome a un dos cráteres de Venus dende 1994. Nos anos setenta a Unión Astronómica Internacional tomou a decisión de bautizar os accidentes xeográficos (cráteres, montes, coroas...) do segundo planeta máis próximo ao Sol con nomes de muller. Respondendo á convocatoria da UAI, o Taller de Astronomía do Instituto Fernando Esquío de Neda, dirixido por Enrique Pujales, presentou a proposta de darlle o nome de Rosalía de Castro a un dos cráteres, iniciativa que acompañaron cunha breve biografía da poeta, como destacou hai uns anos Vieiros nesta información. A Unión Astronómica Internacional aceptou a proposta.

Rosalía de Castro dálle nome a un dos cráteres de Venus dende 1994

Níngún outro galego ou galega dálle nome a algún accidente xeográfico presente nos planetas do Sistema Solar (máis aló das discusións sobre a galeguidade de Colón ou Cervantes, que nomean cráteres na Lúa e en Mercurio, respectivamente). Cómpre salientar, iso si, o caso de Alfonso X O Sabio, que escribiu en galego pero naceu en Toledo e finou en Sevilla. Ademais da poesía, o xadrez e a tradución, o monarca fomentou a astronomía, e no seu honor foi bautizado como Alphonsus un complexo de cráteres na Lúa de gran tamaño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.