A aposta de Vigo polas luces prende no resto de Galicia: cidades e vilas elevan notablemente o seu gasto este nadal

Luces de Nadal en Vigo © Miguel Blanco Arango

Tense falado moito nos últimos anos sobre o espectacular aumento do gasto do Concello de Vigo na iluminación e na decoración de nadal. A cidade olívica pasou de destinar 400.000 euros no ano 2016 a roldar o pasado ano o millón de euros (ao redor de 960.000), unha cifra que neste 2019 aínda se viu incrementada en 250.000 euros, un ascenso xustificado na "desaceleración" económica. Antes desta suba, Vigo xa duplicaba o gasto en luces por habitante das restantes cidades galegas.

O gasto de luces en Vigo medra aínda máis este ano, un ascenso xustificado na "desaceleración" económica

Para ben ou para mal Vigo foi protagonista nos medios de comunicación de todo o Estado. Entre as declaracións entusiastas de Abel Caballero ("Que saiban os alcaldes de Londres, Tokio, Nova York, París e Berlín que imos ser o non vai máis. Que se preparen"), efectiva carne de meme, e os invocados beneficios para o comercio e a hostalería local, sempre difíciles de acreditar. Pero tamén entre as críticas dos movementos sociais da cidade, que denuncian que ese investimento non se dedique a axuda social ou a outras prioridades na cidade, alertando de que "hai unha acción consciente pola que se tapan coas luces outras cuestións máis escuras".

En calquera caso, semella que a política impulsada polo Concello de Vigo ten callado en boa parte das restantes cidades e vilas galegas, que neste 2019 incrementaron notablemente o gasto na iluminación e decoración de nadal. 

Vigo, con 1.085.000 euros, segue liderando esta listaxe, tanto en termos absolutos coma en función da poboación de cada localidade, pero cidades como Compostela, Ourense e Ferrol, e vilas como Narón, Ribeira, A Estrada, Ribadeo ou O Barco apostaron tamén este ano por aumentar de forma moi importante o desembolso en iluminación, ata duplicalo nalgúns casos.

Despois de Vigo (1.085.000 euros) aparece A Coruña, cun gasto moi inferior, a pesar de contar só con 50.000 habitantes menos. Na cidade herculina mantense o mesmo contrato dos dous últimos anos, cun gasto anual aproximado de 335.000 euros. O contrato remata agora e o vindeiro ano o Goberno municipal deberá decidir o tipo de investimento que quere facer nestas datas. Cómpre salientar que o derradeiro nadal organizado por Carlos Negreira como alcalde o gasto en luces foi de 560.000 euros.

Santiago de Compostela, Ourense e Ferrol son as cidades que máis aumentan o seu gasto este ano

A terceira cidade con máis gasto é Santiago de Compostela, que duplica a factura do exercicio anterior (pasa de 101.000 a 215.000). En 2016 o gasto na capital de Galicia era de apenas 45.375 euros. Aparece a seguir a cidade de Ourense, tamén cun importante incremento (de 98.000 a 174.000, un 78%).

Lugo e Pontevedra son as únicas cidades nas que o gasto en luces se reduce lixeiramente este ano, ficando en 120.000 e 107.000 euros, respectivamente, cifras que tamén se incrementan dende os pouco máis de 40.000 euros que gastaban no ano 2016. No medio das dúas, aparece Ferrol, que tamén aumenta o seu investimento de maneira notable (de 77.000 a 101.000 un 44%). Entre as sete cidades o gasto rolda este ano os 2,2 millóns de euros, máis do dobre do gasto que sumaban no nadal de 2016

Ribeira, A Estrada, O Barco ou Narón incrementaron notablemente o seu gasto en luces este nadal

Porén, non son unicamente as sete cidades quen decidiron este ano priorizar o gasto na iluminación de nadal sobre outras partidas. Grandes e pequenas vilas tamén aumentaron de forma xeral as súas achegas. Narón (82.400 euros) e Vilagarcía (ao redor de 70.000, nun contrato de 95.000 euros que inclúe as luces das festas de Santa Rita e San Roque) sitúanse preto dos gastos das grandes cidades, con incrementos no último ano do 27% e do 17%, respectivamente.

Máis rechamante aínda foi o aumento decidido polo Concello de Ribeira, que pasa este ano de 68.000 a 90.000 euros (+32%). Outras localidades tamén elevaron a partida dedicada a luces. É o caso de Culleredo (49.000 euros, cun aumento do 10%), da Estrada (pasa de menos de 30.000 a case 40.000, un aumento do 33%), do Barco de Valdeorras (pasa de 10.000 a 18.000 euros, un incremento do 80%) ou de Ribadeo (pasa de 13.500 a 23.900). Carballo (57.523 euros), Cambre (37.000), Porto do Son (30.000), Arteixo (24.000) ou Verín (22.000) suman igualmente importantes cantidades, que en xeral medran con respecto ao ano anterior.

 

O caso de Oleiros

Oleiros dedica 0 euros á iluminación de nadal. “O concello non vai malgastar os cartos nun sitio e deixar os demais sen iluminación. Aquí todos os núcleos son importantes", di o alcalde

No outro extremo está Oleiros. O concello da contorna coruñesa, con máis de 35.000 habitantes, non dedica un só euro á iluminación de nadal, unha decisión que o Goberno municipal mantén dende hai anos. O alcalde, Ángel García Seoane, Gelo, ten defendido en numerosas ocasións esta decisión, mesmo criticando aos gobernos locais que optan por un gasto importante. “Eu non estou por tirar os cartos como fixo o alcalde de Vigo", di o rexedor, que explica que Oleiros consta de moitos núcleos de poboación e conclúe que “o concello non vai malgastar os cartos nun sitio e deixar os demais sen iluminación". “Que é máis importante? Mera? Santa Cruz? Rialta? Os Regos? Aquí todos os núcleos son importantes", engade.

En Oleiros as luces de nadal son contratadas ou realizadas de forma directa por asociacións de veciños ou de comerciantes, deixando posteriormente o Concello que se conecten á toma municipal de electricidade. O gasto público, polo tanto, limítase ao maior consumo de enerxía das decoracións. 

Inauguración do alumeado de nadal en Vigo © Concello de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.