250.000 euros máis en luces de Nadal en Vigo pola "desaceleración agravada pola situación sociopolítica" e novas obras

Xustificación da ampliación da iluminación de Nadal en Vigo © Praza Pública / Miguel Blanco Arango

O Goberno local aprobou aumentar un 8% un contrato que xa ascendía a 2,9 millóns a repartir entre as festas de 2018, 2019 e 2020 e xustifícao cun informe que recolle peticións de comerciantes e pouca ocupación dos locais comerciais

Tras varios anos de progresivos aumentos das cantidades que vén destinando á iluminación do Nadal, o pasado ano o Concello de Vigo decidiu convocar un concurso para que unha empresa se encargase dese dispositivo durante tres anos seguidos, ata o Nadal do próximo ano 2020. Adxudicou aquel contrato en agosto de 2018 por uns 2,9 millóns de euros, IVE incluído, o que suporía uns 960.000 euros ao ano (uns 800.000 se non se ten en conta o IVE). 

Porén, o pasado 31 de outubro o goberno local aprobou modificar aquel contrato e incrementalo noutros 250.000 euros, a repartir entre este Nadal, cuxa iluminación se acende este sábado 23 de novembro, e o do próximo ano. Fíxoo amparándose nun informe de técnicos municipais no que se xustifica o incremento, entre outras cuestións, porque “está desacelerándose a economía a nivel internacional, e en particular agravado en España debido a situación sociopolítica do Estado”.

Iluminación de Nadal en Vigo © Turismo de Vigo

A lei permite que os contratos xa adxudicados poidan ser modificados sen ter que convocar un novo concurso se o importe non supera o 20% -neste caso é o 8%- e se se cumpren determinadas condicións, en particular que concorran circunstancias non previstas inicialmente. Para xustificar esas novas circunstancias e poder ampliar o contrato, acordo tomado nunha xunta de goberno local do pasado 31 de outubro, o executivo que dirixe o socialista Abel Caballero amparouse en varios informes previos elaborados por técnicos municipais dos departamentos de Comercio, Servizos Xerais e Ingresos, segundo se reflicte na acta daquela reunión.

“Non cabe menor dúbida sobre a necesidade e conveniencia de atraer infraestrutura comercial nas rúas a ampliar", di o informe municipal para xustificar gastar máis en iluminación

En concreto, as luces de Nadal amplíanse pola apertura desde hai un ano, cando se adxudicou o contrato orixinal, de novas humanizacións así como pola realización de diversos eventos non previstos inicialmente como novos mercados de Nadal e diversas actividades de animación na rúa. Pero tamén se xustifica pola antedita desaceleración económica que segundo os informes municipais está a afectar ao comercio local, ao que propón reactivar e mesmo “impulsalo noutras [zonas] que carecen de tecido comercial” a través da instalación de luces. Segundo o documento, tras a adxudicación inicial do contrato para a iluminación hai un ano “foron pechando numerosos locais comerciais desta cidade, cunha incidencia máis singular nas zonas que se pretende ampliar”.

Nesa liña, o informe presenta a iluminación de Nadal como mecanismo para facilitar a implantación nesas rúas de novos comercios en locais que agora estean baleiros. “Non cabe menor dúbida sobre a necesidade e conveniencia de atraer infraestrutura comercial nas rúas a ampliar ou reforzo do proxecto inicial, na procura dunha maior eficiencia deste”, di o documento. Para xustificar a medida o informe mesmo engade “solicitudes recibidas de comerciantes” así como “diversas queixas e suxestións da cidadanía”.

Páxina da acta da xunta de goberno local que autorizou o aumento da iluminación de Nadal CC-BY-SA Praza Pública

"Parece máis que xustificado e conveniente reforzar e incrementar a iluminación decorativa e conseguir o obxectivo final de reactivar o comercio”

O Concello tamén xustifica en xeral que o gasto en iluminación de Nadal está a obter unha “notable incidencia nos locais comerciais, de restauración e de hostelería” cuns resultados “recoñecidos publicamente co outorgamento de diversos premios, tales como o do Ministeiro de Comercio e Industria, do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia, da Asociación de Hosteleiros de Vigo [...] e a ampla repercusión nos medios de comunicación locais e nacionais”. Por todo iso, conclúe, “parece máis que xustificado e conveniente reforzar e incrementar a iluminación decorativa nas rúas citadas no informe que antecede e conseguir o obxectivo final de reactivar o comercio”.

A Xunta vai organizar este ano un programa de actos de Nadal en Vigo paralelo ao do Concello

O incremento do gasto na iluminación de Nadal en Vigo, que non é o único nestas datas porque hai que sumar outros gastos nas actividades e mercados que impulsa tamén o Concello de xeito paralelo -así como na súa promoción, desta volta en 12 cidades de España e Portugal-, prodúcese ao tempo que Vigo segue a aumentar a súa presenza en medios de comunicación en boa parte grazas ás declaracións virais ao respecto do seu alcalde, que di non estar preocupado pola repercusión das súas propias palabras senón satisfeito polo aumento de visitantes á cidade grazas a ese investimento municipal, do que di que ten un retorno económico multiplicado por 25. Un tipo de actuación que agora vai ser replicada pola Xunta e que colleita críticas por parte de diversos colectivos que preferirían destinar eses recursos ao gasto social. 

Iluminación de Nadal en Vigo © Miguel Blanco Arango

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.