Miren o ceo! A vindeira semana choverán Perseidas

Chuvia de meteoros en Fornelos de Montes CC-BY-SA Contando estrelas

As Perseidas, tamén coñecidas coma “Bágoas de San Lourenzo”, son unha chuvia de meteoritos de intensidade alta que ten lugar todos os anos no mes de agosto. Non son a máis importante, pero si unha das máis populares no hemisferio norte, ao coincidir en periodo vacacional e, normalmente, con ceos despexados. Este ano, ademais, as condicións de observacións serán óptimas, ao coincidir o seu pico de actividade, na noite do 12 ao 13, cunha lúa nova que non ocultará co seu brillo a imaxe destas estrelas fugaces.

Este ano as condicións de observacións serán óptimas, ao coincidir o seu pico deactividade, na noite do 12 ao 13, cunha lúa nova que non ocultará co seu brillo a imaxe destas estrelas fugaces

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío destaca que "calquera noite é posíbel ver estrelas fugaces", que se producen cando partículas interplanetarias finísimas, do tamaño dun gran de area, atravesan a atmosfera terrestre; polo feito de viaxaren a enorme velocidade ao rozar co aire quéntanse e deixan tras delas un trazo luminoso. As partículas máis grandes chegan a provocar un fío de luz rechamante que se mantén varios segundos: son os chamados “bólidos”, explican dende a entidade.

En certos momentos do ano a cantidade de estrelas fugaces que vemos é máis alta do habitual e neses casos falamos de “chuvias de estrelas”. "Prodúcense porque a Terra no seu movemento anual de translación encóntrase non con partículas illadas senón con “nubes” delas formadas polos restos que van deixando tras de si os cometas, que a medida que se achegan ao Sol perden material ao vaporizarse", sinalan dende a entidade coruñesa. Por cuestións de perspectiva, os meteoros dunha chuvia de estrelas parecen provir dun punto concreto do ceo, o “radiante”, que se corresponde coa zona na que vemos unha determinada constelación. Son esas constelacións as que dan nome ás chuvias de estrelas, e así falamos das Leónidas de novembro ou das Xemínidas de decembro, por citar dúas das máis valoradas entre os afeccionados.

"En condicións ideais poderíamos chegar a ver até 80 meteoros por hora; a contaminación lumínica reduce drasticamente o número de estrelas fugaces para a inmensa maioría dos observadores, mais a pesar diso o espectáculo segue a ser moi emocionante"

As Perseidas de agosto -con radiante, entón, na constelación de Perseo- están provocadas por material deixado polo cometa Swift-Tuttle, que pasou preto da Terra por última vez en 1992 e non volverá a visitarnos até 2126, informan dende Ío. "En condicións ideais poderíamos chegar a ver até 80 meteoros por hora; a contaminación lumínica reduce drasticamente o número de estrelas fugaces para a inmensa maioría dos observadores, mais a pesar diso o espectáculo segue a ser moi emocionante" -din- "E ademais non se limita unicamente á noite do máximo, calquera madrugada da semana que vén é boa para gozar das Perseidas".

"O único que precisamos é ter ceos despexados e escuros, canto menos afectados pola luz artificial das cidades, mellor; poñérmonos cómodos, levar algo de abrigo -malia ser verán a esas horas refresca- e non ter présa, pois as marabillas da noite esixen de nós un pouco de paciencia", recomendan.

Chuvia de meteoros en Fornelos de Montes CC-BY-SA Contando estrelas
Actividade de observación na Coruña © Agrupación Astronómica Coruñesa Ío

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.