Os farois que poden apagar o ceo na Costa da Morte

Imaxe do ceo tirada o pasado mes de marzo na Veiga por Alba Albiña, da Agrupación Ío © Agrupación Astronómica Coruñesa Ío

Hai tempo que nas cidades non se poden ver estrelas. A contaminación lumínica provocada polos farois das rúas e outros elementos dificulta moito a posibilidade de gozar da imaxe dun ceo estrelado. Iso é así en case todo o litoral, como se pode comprobar por exemplo nas imaxes tiradas pola Estación Espacial Internacional e tamén nos estudos de investigadores como Dominic Royé, que analizou a radiancia nas distintas costas da Península Ibérica. Royé concluíu que a Costa da Morte era a zona de litoral con menor contaminación lumínica.

"Para que necesitan 15 farolas máis a carón do mar? Non debemos permitir está salvaxada", di Suso Lista

En efecto, semella que a Costa da Morte é un lugar privilexiado para observar o ceo nocturno, como se pode comprobar nas imaxes publicadas decote por afeccionados e afeccionadas á fotografía. É por iso que hai algúns días o coñecido percebeiro e escritor Suso Lista denunciou nas redes sociais o proxecto para instalar 15 farois de 5 metros de altura preto da Praia do Osmo, en Corme (dependente do Concello de Ponteceso), un lugar que é empregado habitualmente para tirar fotografía tan espectaculares como esta, na que se apreza perfectamente a Vía Láctea.

"Para que necesitan 15 farolas máis a carón do mar? Non debemos permitir está salvaxada", dicía Suso Lista, nunha protesta que recibiu inmediatamente numerosos apoios, entre eles o da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, que traballa dende hai anos na concienciación sobre a importancia da contaminación lumínica.

Está previsto que os farois se instalen neste lugar de Corme © Google Maps

As voces contrarias á instalación destas luces de gran tamaño, cuxas obras xa comezaron, lembran que no ano 2015 o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha declaración institucional "en defensa do ceo nocturno". O texto seguía a Declaración sobre a defensa do ceo nocturno e o dereito á luz das estrelas (Declaración de La Palma, 2007) e comezaba sinalando que "o dereito a un ceo nocturno non contaminado que permita gozar da contemplación do firmamento debe considerarse un dereito inalienable da Humanidade, equiparable ao resto dos dereitos ambientais, sociais e culturais".

No 2015 o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha declaración "en defensa do ceo nocturno"

E subliñaba que "é imprescindible o control da contaminación luminosa en todo o territorio galego dado o impacto que xera sobre moitas especies, hábitats, ecosistemas e paisaxes", engadindo que "deberá promoverse e exixirse o uso racional da iluminación artificial para minimizar o resplandor que provoca no ceo e evitar a nociva intrusión de luz sobre os seres humanos e o medio natural". Ademais, recomendaba que "os lugares que presenten condicións excepcionais para a contemplación do ceo, e en particular aqueles máis aptos para a observación con fins científicos, serán obxecto dunha protección especial".

Precisamente a semana pasada a Agrupación Ío presentou por primeira vez en Galicia o documental  Saving the Dark  (Salvar a escuridade), proxectado na Domus da Coruña co gallo do Día Internacional da Luz, que desde 2018 promove cada 16 de maio a UNESCO. Hai tres anos Salva Bará (USC) e Martin Pawley (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío) encargáronse da tradución ao galego do vídeo Losing the Dark (A perda da escuridade), que contou coa locución de Belén Regueira. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.