O nome oficial da estrela HD 149143, unha anana amarela semellante ao noso Sol situada a 240 anos luz na constelación de Ofiúco, é dende este martes 'Rosalíadecastro'. E o seu exoplaneta HD 149143 b levará o nome de 'Riosar'. Así o decidiu a Unión Astronómica Internacional, completando o proceso NameExoWorlds aberto hai uns meses, que permitiu que 110 países de todo o mundo lle poñan nome a unha estrela cun exoplaneta asociado.
A proposta galega foi a máis votada con 13.413 apoios, o 39% do total
No Estado español lanzouse unha convocatoria na que houbo unha vintena de propostas, que durante semanas foron votadas na rede, cun total de 34.179 participantes. A proposta galega, impulsada pola Agrupación Astronómica Ío co apoio da Fundación Rosalía de Castro e a e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, foi a máis votada con 13.413 apoios, o 39% do total. Por detrás de Rosalía e Río Sar ficaron Tirant e Carmesina, con algo máis 5.600 votos, e os nomes dos amantes de Teruel, Diego e Isabel, con máis de 4.500 apoios. En 2015 xa foi elixido con este mesmo método outra estrela que pasou a chamarse Cervantes, cos seus catro planetas: Quijote, Rocinante, Sancho e Dulcinea.
A estrela 'Rosalía de Castro' ten unha magnitude relativa de 7,89, o cal a converte nun obxecto visible con prismáticos en ceos escuros. En canto ao exoplaneta 'Río Sar', foi descuberto en 2005; trátase dun xigante gasoso un pouco maior que Xúpiter que orbita a oito millóns de quilómetros da súa estrela: tarda só 4,1 días en dar unha volta completa arredor dela. En caso de que se descubran máis exoplanetas neste astro, a proposta inclúe outros topónimos asociados á vida e obra de Rosalía: Laíño, Lestrobe, Bastavales, Conxo ou Iria.
A estrela 'Rosalía de Castro' ten unha magnitude relativa de 7,89, o cal a converte nun obxecto visible con prismáticos en ceos escuros
Máis de 780.000 persoas participaron en todo o mundo na iniciativa NameExoWorlds, lanzada pola Unión Astronómica Internacional para celebrar o centenario da institución. Dende hoxe 110 estrelas e outros tantos planetas teñen novas denominacións, votadas pola cidadanía dos distintos países que participaron na campaña. Así, canda a Rosalía, aparecen Franz (Austria), Macondo (Colombia), Lerna (Grecia), Tuiren (Irlanda), Petra (Xordania), Phoenicia (Líbano), Lusitânia (Portugal), Ceibo (Uruguai), Moriah (Palestina) ou Solaris (Polonia).
O Reino Unido escolleu Gloas, que en gaélico significa "brillar" e a maior parte dos países iberoamericanos escolleron denominacións en linguas dos pobos orixinarios do continente, como Koeia (Porto Rico), Tupã (Paraguai), Cocibolca (Nicaragua), Axólotl (México), Hunahpú (Honduras), Tojil (Guatemala), Pincoya (Chile), Tupi (Brasil) ou Nosaxa (Arxentina).
A Agrupación Ío, a Fundación Rosalía e a AC Alexandre Bóveda realizaron unha intensa campaña nas redes sociais (coa etiqueta #EstrelaRosalía) e tamén con actos públicos e paneis explicativos que pasaron por centros educativos e culturais de todo o país. Tamén repartiron dez mil folliñas informativas e 300 pósteres da campaña. Este martes convocaran a quen quixera achegarse a seguir en directo dende a Casa das Ciencias da Coruña o acto oficial de designación da UAI. E para festexar a designación, a AC Alexandre Bóveda organiza un encontro aberto este mércores ás 20 horas no seu local (rúa Olmos 16, 1º, na Coruña) ao que están convidadas "tódalas persoas amantes da astronomía e de Rosalía de Castro".
A Agrupación Ío, a Fundación Rosalía e a AC Alexandre Bóveda realizaron unha intensa campaña nas redes sociais (coa etiqueta #EstrelaRosalía) e tamén con actos públicos
Durante semanas convidaran a empregar a etiqueta #EstrelaRosalía e a compartir poemas da autora que inclúan referencias ao Sol, a Lúa, as estrelas e a noite. Así, léronse por exemplo "Cando maxino que es ida/ no mesmo sol te me amostras/ i eres a estrela que brila/ i eres o vento que zoa" ou "Colleume a noite, noite brillante, cunha luniña feita de xaspes, e fun con ela camiño adiante, cas estreliñas para guiarme, que aquel camiño solo elas saben", entre moitos outros versos.
"No tempo de Rosalía a contaminación luminosa non existía e en consecuencia todas as persoas convivían con naturalidade coa noite. O firmamento e os corpos celestes formaban parte do seu día a día e inevitabelmente están integrados na súa literatura", destaca Ío na súa web. A entidade realiza unha moi importante labor divulgadora sobre astronomía e tamén reivindica medidas para reducir a contaminación lumínica. A pasada semana a presidenta da Fundación Starlight denunciaba a posibilidade de que as Illas Cíes perdan a súa certificación como destino turístico provilexiado para a observación do ceo nocturno.