O Congreso aproba a iniciativa do PP para "conxelar" as peaxes das autoestradas AP-9 e AP-53 para 2023, o ano no que remataría a concesión a Audasa na vía de conexión atlántica se Aznar non a tivera prolongado. A Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana acolleu a proposición non de lei presentada polos populares galegos, que será trasladada ao Goberno do Estado.
"É posible limitar as subidas das peaxes tanto chegando a acordos coas concesionarias, como asumindo as arcas públicas este incremento das tarifas, ou actuando desde o campo impositivo reducindo a carga fiscal das concesionarias e incluso rebaixando o IVE das peaxes", apunta o vicevoceiro de Infraestruturas do PP no Congreso, o deputado galego Celso Delgado [na imaxe], quen calcula que esta medida suporá "entre 13 e 15 millóns de euros".