Os axentes limitáronse a solicitar a Adif e Renfe información para que a remitisen ao xuíz instrutor, pero o secretario do atestado policial admite que descoñecían o funcionamento do sistema ferroviario
Axudaron ás vítimas nos primeiros minutos, organizaron o caos existente na curva de Angrois e iniciaron as investigacións preliminares derivadas da propia declaración do maquinista de que se despistara e non freara a tempo antes da curva de Angrois. Pero non foron máis alá na pescuda de se había algunha eiva de seguridade na liña ou no tren porque esa fase xa quedou en mans do xuíz instrutor.
Nesa liña pronunciáronse varios axentes do Corpo Nacional de Policía que declararon este martes no xuízo polo accidente. Fundamentalmente, o secretario instrutor do atestado, que admitiu que descoñecía o funcionamento do sistema ferroviario e se limitou a solicitar a Adif e Renfe diversa información para que esas empresas públicas a remitisen ao xuíz instrutor.
Un comisario da policía xudicial que aquel 24 de xullo de 2013 estaba á fronte do dispositivo de seguridade das Festas do Apóstolo en Santiago e que foi o primeiro mando policial en chegar á curva de Angrois relatou como un axente axudou o maquinista a saír do tren e o trasladou á súa presenza. Naquel momento, dixo o comisario, a súa preocupación era ter unha idea xeral do que pasara por se o descarrilamento puidera ser froito dalgún artefacto explosivo na vía. Por iso preguntou ao maquinista “que pasou” e a súa resposta “espontánea” e reiterada, engadiu, foi “la he jodido”, explicando a continuación que se despistara e non freara a tempo.
O maquinista, dixo un axente, “culpabilizábase a si mesmo e tamén á falta de seguridade ou sinalización da vía”
Posteriormente, segundo o relato dos dous axentes que trasladaron o maquinista ao hospital, este díxolles que se despistara e que non había ningún sinal nin ningunha referencia exacta para comezar a frear senón que cada condutor tiña a súa e el non fora consciente dela. E queixábase de que alguén “de seguridade” o sabía, pero sen identificalo. “Culpabilizábase a si mesmo e tamén á falta de seguridade ou sinalización da vía”, dixo un axente.
Pola súa banda, o axente secretario instrutor do atestado admitiu que unha vez que foron coñecedores de que a causa directa do accidente fora un exceso de velocidade centraron as súas pescudas nesa liña de investigación e pediron diversa información a Adif e Renfe para que estas empresas públicas a remitisen ao xuíz instrutor. Pero a policía non foi coñecedora desa información nin do resultado das pescudas posteriores que foron máis alá do exceso de velocidade e que puxeron en evidencia as eivas de seguridade da liña.
O seu traballo, dixo o secretario instrutor do atestado, foi “determinar se [o sucedido] é criminal ou accidental, e unha vez que se determina que é accidental facilitámosllo ao xuíz, non somos xulgadores”. “Éramos legos” en materia ferroviaria, dixo. O fiscal chegou a preguntarlle se “fan constar no atestado que ou solicitan ou reciben información, pero non indagan que sexa así”, ao que o axente contestou que “efectivamente”.
Segundo a policía, o interventor do tren mentiu e ocultou a súa chamada ao maquinista segundos antes do accidente
O secretario instrutor do atestado tamén lembrou que pescudaron se o accidente se debera a unha distracción, cuestión que, máis alá do declarado polo maquinista desde o primeiro momento, quedou determinada “ao cabo de cinco días”, cando se certificou que o condutor recibira unha chamada telefónica do interventor do tren. O axente tamén lembrou que antes de obter os rexistros das chamadas telefónicas xa lle preguntaran ao interventor do tren “dúas veces” se falara co maquinista, pero que aquel o negara. Isto é, o interventor non só ocultou que chamara por teléfono ao maquinista senón que mentiu cando a policía lle preguntou expresamente, e só o admitiu varios días máis tarde, cando lle presentaron o rexistro de chamadas que certificaba que falara co condutor cen segundos xusto antes do descarrilamento.
O mesmo policía tamén foi preguntado pola incorporación á investigación dunha captura do Facebook do maquinista que varios meses antes noutra liña salientaba a velocidade á que ía outro tren conducido por outra persoa no que el ía como acompañante. “Nós non valoramos a relevancia inicialmente”, dixo o axente sobre incorporar a captura do Facebook, cuxa valoración deixou en mans do xuíz instrutor.