Andrés Cortabitarte asegura que a liña Ourense-Santiago era “cen por cen segura” e ninguén tiña que paliar o risco dun erro do maquinista máis que o maquinista
Houbo 80 persoas mortas e 144 feridas, pero a liña de alta velocidade Ourense-Santiago era “cen por cen segura”. Así respondeu este xoves o ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, ao fiscal na súa declaración no xuízo como acusado polo accidente de Angrois.
Foi unha comparecencia na que fixo ver que o único elemento inseguro da liña fora o despiste do maquinista do Alvia, pero que nada na normativa obrigaba ao seu departamento a prever ou paliar semellante erro humano xa que as responsabilidades están moi fragmentadas entre Adif e as diversas empresas que participan na construción e validación dunha liña ferroviaria. Era o propio maquinista o único responsable de evitar o seu propio erro, veu dicir.
A declaración este xoves de Cortabitarte, igual que a do maquinista o pasado xoves, non se apartou da prevista auto-exculpación habitual en calquera acusado dun delito, nos seus casos de homicidios por imprudencias profesionais graves. A vía que seguiu Cortabitarte para facelo foi a de declarar que el non tiña nin as competencias nin a responsabilidade de avaliar e paliar o risco previsible que había na curva de Angrois dun exceso de velocidade por erro humano.
Cortabitarte deu a entender que a súa era unha supervisión formal e non de contido das análises de riscos que facían as empresas de avaliación independente, que no caso da liña Ourense-Santiago non incluíra a curva de Angrois
Ese risco debía ser previsto e paliado pola empresa que deseñou e instalou o sistema de seguridade da liña Ourense-Santiago, Dimetronic-Siemens, dixo, e detectado ou corrixido por un avaliador ou consultora independente encargada de supervisar o traballo da primeira empresa, Ineco. Porén, durante a instrución da causa a consultora independente, Ineco, xa aclarou que só avaliara o treito de nova construción da liña de alta velocidade, que remataba xusto antes da curva de Angrois, porque iso fora o que lle encargara Adif.
Que xusto a continuación a liña de alta velocidade empalmase cunha liña convencional cunha curva que obrigaba a frear a 80 quilómetros por hora era algo que quedara fóra do contrato da consultora independente. Segundo Cortabitarte, tamén fóra da responsabilidade que o seu departamento tiña de validar a liña de alta velocidade.
Pero por outra banda Cortabitarte veu dicir que o seu departamento, a Dirección de Seguridade na Circulación, non atendía nese eido a cuestións de seguridade senón que só comprobaba que o procedemento de supervisión por parte da consultora independente se adecuara á normativa europea de normalización de procedementos denominada Cenelec.
A validación de Cortabitarte do sistema de seguridade (subsistema de control, mando e sinalización) era un control formal e non de contido, segundo deu a entender, porque "non entendemos de ordenadores". E non entraba en como ese subsistema de control, mando e sinalización podía relacionarse cos outros subsistemas da liña, o da electrificación e o da vía, aínda que ese último tivese influencia na seguridade porque o propio deseño da liña implica unhas velocidades máximas a respectar.
Ademais, engadiu Cortabitarte, por riba del a súa autorización e a do resto de subsistemas emitidas por outros departamentos de Adif debían ser integradas polo Ministerio de Fomento que era o que finalmente autorizaba a posta en servizo da liña. Non había obriga, dixo, de realizar unha avaliación global ou integral da seguridade de toda a operación ferroviaria, como no seu momento asegurou durante a instrución a Axencia Ferroviaria Europea.
Describiu así este xoves Cortabitarte un panorama de varios subsistemas, departamentos, empresas, treitos de liñas de alta velocidade ou convencional que amosan unha fragmentación da responsabilidade que durante a instrución da causa dificultou identificar en que punto do proceso fallara a detección ou actuación contra un erro humano previsible como o que ocorreu.
Cortabitarte dixo que "sen lugar a dúbidas" debía ser o maquinista quen controlase o risco dun erro humano como que sufriu, ao que o fiscal respondeu que “se iso fose efectivo non estariamos aquí"
Aínda así xuíz instrutor, Audiencia da Coruña e Axencia Ferroviaria Europea coincidiron en que finalmente esa era unha competencia da Dirección de Seguridade na Circulación, con Cortabitarte á fronte, polo que este xoves máis alá de amosar a fragmentación das responsabilidades en materia de seguridade o acusado esforzouse en deitar a culpa final no maquinista.
Cortabitarte foi preguntado polo fiscal de xeito directo se debía ser o propio maquinista quen controlase un risco de exceso de velocidade por erro humano, ao que o ex-cargo de Adif respondeu que “sen lugar a dúbidas”. Isto é, que a persoa que cometa un erro humano debe ser a responsable de prever o seu propio erro, o que levou o fiscal a valorar que “se iso fose efectivo non estariamos aquí e non teriamos este accidente”.