A plataforma di que “sen obviar” o despiste do maquinista “en cuestión de segundos” hai “moita maior responsabilidade en quen dispón de tempo suficiente e dun equipo de centos de persoas”
Será “no momento procesual oportuno”, cando as partes persoadas no caso eleven a definitivas as súas conclusións e pidan as penas ou absolucións que consideren, cando a plataforma de vítimas do accidente de Angrois pedirá ao seu avogado que teña en conta a súa opinión de que é moito máis responsable do sinistro o ex-cargo de Adif acusado, Andrés Cortabitarte, que o maquinista do tren, Francisco José Garzón.
Segundo fixo público a plataforma este xoves, o mesmo día da declaración de Cortabitarte no xuízo, a súa última asemblea concluíu que o técnico de renfe, cos seus actos e omisións, tivo máis responsabilidade que o maquinista. “Sen obviar o despiste e erro humano do maquinista, o cal se produce en cuestión de segundos, entendemos que hai moita maior responsabilidade en quen dispón de tempo suficiente e dun equipo de centos de persoas en Adif, e sen embargo coa súa deixación de funcións e incumprimento reiterado da normativa, causa o tráxico accidente”.
Esa reflexión acadada pola asemblea da plataforma foi xa trasladada pola súa xunta directiva ao avogado que os representa, ao que pediron que “en base ao desenvolvemento das sesións do xuízo oral, a teña en conta no momento procesual oportuno á hora de elevar as conclusións a definitivas e determinar as penas que finalmente se soliciten a cada un dos acusados”.
Tanto Cortabitarte como Garzón enfróntase a unha similar petición por parte do fiscal de catro anos de cadea e inhabilitación para cada un, petición idéntica á que de momento realizara de xeito provisional no seu escrito de acusación o avogado da plataforma de vítimas.