Andrés Cortabitarte desvía responsabilidades ao maquinista, a empresa que instalou os sistemas de seguridade e o ministerio
Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, que se enfronta a catro anos de cadea acusado ao igual que o maquinista polo accidente de Angrois, desviou este xoves a responsabilidade de evitar o sinistro fundamentalmente ao condutor do tren Alvia, pero tamén indirectamente a departamentos por baixo ou por riba súa, á empresa que instalou os sistemas de seguridade na liña de alta velocidade Ourense-Santiago e ao Ministerio de Fomento que autorizou a súa posta en servizo. Algo que xa fixera durante a instrución.
Cortabitarte chegou ao xuízo acusado en concreto polo xuíz instrutor e polo fiscal de non avaliar o risco de erro humano previsible que había na curva de Angrois, como demostrou o despiste que sufriu o maquinista. E o fiscal preguntoulle este xoves expresamente se el non avaliou os riscos da liña dentro das competencias que tiña para validar o seu sistema de seguridade, como correspondía ao seu cargo. “Quen avalía é aquel que constrúe”, foi a súa resposta, en referencia ás empresas "Siemens e Dimetronic", que citou en varias ocasións como responsables de instalar os sistemas de seguridade. “Quéreme vostede dicir que a súa simplemente é unha actuación pasiva?”, foi a valoración escéptica que fixo o fiscal sobre as responsabilidades de quen validou o sistema de seguridade da liña ferroviaria do accidente.
Fronte ao maquinista que o pasado xoves só respondeu ás preguntas do seu avogado durante unha hora, Cortabitarte contestou durante unha hora e media ao fiscal antes de facelo unha hora e cuarto ao seu defensor. Comezou polo representante do ministerio público, Mario Piñeiro, quen lembrou que na súa primeira declaración ante o xuíz instrutor Cortabitarte dixo que el era “o máximo responsable de seguridade”, e preguntoulle se a liña se podía poñer en servizo sen o certificado de seguridade que el asinou.
O ex-director de Seguridade evitou durante toda a súa declaración dar respostas directas a preguntas directass. Estendeuse en explicacións -alternadas con longos silencios para pensar as respostas- como que a súa autorización dos sistemas de control, mando e sinalización da liña era só unha das varias validacións que debían emitir outros departamentos de Adif, como as correspondentes á vía ou á electrificación da liña.
“Non hai unha persoa que asine absolutamente a certificación”, dixo Cortabitarte, quen engadiu que as diversas autorizacións parciais de Adif son enviadas ao Ministerio de Fomento que é quen con todas permite finalmente a posta en servizo da liña.
O ex-director de Seguridade de Adif non desmentiu que sen a súa autorización parcial, pero preceptiva, a liña non podía entrar en servizo, polo que o fiscal preguntou se para asinala debía avaliar os riscos que deixaba sen cubrir ese sistema de seguridade que estaba a validar. “Nós non avaliamos eses riscos porque quen ten que avalialo é quen constrúe”, insistiu Cortabitarte, ante o que recibiu o escepticismo do fiscal pola “pasividade” que atribuíu ao seu cargo. “Vén dicir que todos os riscos, cando lles chegan a vostedes, xa son tolerables?”, cuestionou o fiscal, que preguntou se debía ser o propio maquinista quen controlase o risco do seu propio erro humano. “Sen lugar a dúbidas”, sentenciou Cortabitarte.
Cortabitarte restou importancia á autorización que el deu a Renfe para desconectar o sistema de seguridade a bordo dos Alvia e nada dixo de que volvese avaliar nese momento o que supuña esa decisión para a seguridade
O fiscal tamén preguntou pola autorización que Cortabitarte deu a Renfe para desconectar a bordo dos trens Alvia o sistema de control da velocidade ERTMS porque fallaba en provocaba demoras. O ex-cargo de Adif restoulle importancia e asegurou que Renfe non tiña nin que pedirlle permiso e podía desconectar ese sistema xa que estaba habilitada a circular tanto con el como co sistema convencional ASFA, que non puido evitar o accidente. Nada dixo Cortabitarte de que volvese avaliar no momento desa petición de desconexión o que supuña para a seguridade senón que se remitiu a que os dous sistemas xa estaban validados desde a autorización xeral da liña e do tren.
"A liña era segura?", preguntou o fiscal, ao que Cortabitarte respondeu que "cen por cen"
Tras hora e media de declaración, o fiscal rematou o seu interrogatorio cunha pregunta simple: “A liña era segura?”. “Cen por cen”, foi a resposta de Cortabitarte, ao que obtivo como comentario do fiscal que resultaba raro dicir algo así tras un accidente como o que ocorreu.
En contra do que no seu momento asegurou a Axencia Ferroviaria da UE, Cortabitarte negou que a normativa obrigase a unha "avaliación integral" dos riscos de toda a operación ferroviaria entre Ourense e Santiago
Tras o interrogatorio do Fiscal, as preguntas do avogado defensor, Ignacio Sánchez, que se estenderon durante unha hora e cuarto, estiveron orientadas a facer ver que Cortabitarte non tiña competencias nin a responsabilidade de prever ou paliar o erro humano dun maquinista. Segundo a súa declaración, o seu departamento só tiña que comprobar que un avaliador independente analizara correctamente o sistema de control, mando e sinalización deseñado e implantado pola empresa contratada por Adif. Pero esa análise que facía o avaliador independente se centraba, segundo dixo, en se os aparatos técnicos, (ordenadores, balizas e programas informáticos) funcionaban correctamente, mentres que el mesmo e o seu departamento de Adif nin sequera debía estudar iso, xa que non teñen capacidade de analizar os aparellos, senón que só debían comprobar que a análise independente se fixera seguindo un procedemento adecuado de normalización denominado Cenelec. “Nós non entendemos de ordenadores, non avaliamos ao avaliador”, dixo.
Cortabitarte, fronte ao que no seu momento asegurou a Axencia Ferroviaria da UE, tamén negou que a normativa obrigase a realizar unha “avaliación integral” dos riscos de toda a operación ferroviaria entre Ourense e Santiago.
Tras as declaracións do maquinista e o ex-cargo de Adif acusados, o xuízo continuará o martes 25 deste mes de outubro coa declaración dos policías que tras o accidente atenderon e detiveron o condutor do tren.