Tres datas a non perder no xuízo de Angrois segundo se queira información ou emotividade

Sala da Cidade da Cultura na que se celebra o xuízo de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

Tras a expectación que provocou a presenza dos dous acusados nesta primeira semana do xuízo, peritos xudiciais e expertos ferroviarios centrarán as seguintes sesións ata que as vítimas comecen a declarar en febreiro

Cando declara o maquinista? Cando declaran as vítimas? Esas eran as preguntas máis repetidas entre xornalistas e cámaras de boa parte das televisións que este mércores se concentraron ás portas do edificio da Cidade da Cultura no que comezou a celebración do xuízo de Angrois máis de nove anos despois do accidente. O feito de que o outro acusado ademais do maquinista polas 80 mortes e 144 persoas feridas, o ex-cargo de Adif, tentase ocultarse das cámaras na súa entrada ao xuízo e recibise á saída un intento de agresión por parte do pai dunha moza morta na curva de Angrois contribuíu a rodear aínda de máis expectativas e emotividade as primeiras sesións. 

Cámaras e vítimas arredor de Andrés Cortabitarte, o ex-cargo de Adif acusado polo accidente de Angrois, na primeira xornada do xuízo CC-BY-SA Praza Pública

Pero agora, superada a declaración do maquinista, Francisco José Garzón, e tras a declaración máis técnica que se espera do outro acusado, o ex-cargo de Adif Andrés Cortabitarte, adiada a este próximo xoves día 13, comeza unha longa xeira de comparecencias pouco propicias para a espectacularidade que algúns medios parecían buscar nestas primeiras xornadas. Será a quenda dos técnicos que, como testemuñas ou como peritos, irán prestando declaración ata comezos do próximo ano, con dúas datas que a priori se presentan como as máis significativas, o 1 de decembro e o 11 de xaneiro. E unha terceira cita, o 14 de febreiro, a partir da que comezarán a declarar as vítimas e se definirán as súas secuelas e indemnizacións, en sesións nas que se espera unha maior carga emotiva pero que xa non serán retransmitidas fóra da sala do xuízo.

Tras declarar os dous acusados, as seguintes comparecencias no xuízo correrán por conta dos policías que se encargaron inicialmente do caso e detiveron ao maquinista na habitación do hospital na que se recuperaba das súas feridas tras recoñecer el mesmo de xeito inmediato que se despistara e non freara a tempo antes da curva de Angrois. As súas declaracións non semellan relevantes en comparación coa sucesión de técnicos ferroviarios que irán pasando despois por diante da xuíza Elena Fernández Currás. 

Christopher Carr, xefe de Seguridade da Axencia Ferroviaria Europea, nunha comparecencia no Congreso dos Deputados CC-BY-SA Congreso dos Deputados

En decembro comparecerá o xefe de Seguridade da Axencia Ferroviaria Europea que desmontou a investigación oficial do ministerio e certificou que Adif incumprira a súa obriga de analizar e paliar o risco dun erro humano que había en Angrois

De entre todos eses peritos, expertos ou técnicos de Adif ou Renfe hai un cuxa comparecencia semella máis relevante que as doutros. Será o xoves 1 de decembro, se nada muda antes, cando testifique Christopher Carr, xefe do departamento de Seguridade da Axencia Ferroviaria Europea (ERA nas súas siglas en inglés) cuxos sucesivos informes e declaracións durante a instrución asentaron a acusación contra Cortabitarte. Un informe asinado por Carr foi o que en 2016, malia ás manobras do Ministerio de Fomento para mudalo ou frealo, desmontou a investigación técnica oficial que apuntara o maquinista como único responsable do sinistro, investigación inicial que á súa vez influíra noutras peritaxes da causa xudicial.

Ao longo das súas sucesivas achegas ao xuíz instrutor Carr desmentiu en varias ocasións diversas aseveracións de Adif de que todo se fixera correctamente en Angrois e certificou que a empresa estatal incumprira a súa obriga de analizar e paliar o risco dun erro humano que había naquela curva.

En xaneiro declararán os enxeñeiros que o xulgado designou como peritos independentes, pero un deles, imposto pola Xunta, discrepa doutro elixido por sorteo sobre se Adif cumpriu ou non as súas obrigas

Unha maior independencia aínda que ao experto da axencia europea se lles debera presupoñer aos tres peritos xudiciais de camiños, industrial e de telecomunicacións que declararán os días 11, 12 e 17 de xaneiro. Fronte aos peritos que propuxo cada parte, estes tres designados directamente polo xuíz instrutor deberan ser unha garantía de independencia. Pero a orixe da selección de dous deles fai que só o terceiro chegue ao xuízo sen pegas de parcialidade por parte dalgún avogado.

O primeiro xuíz instrutor do accidente de Angrois, Luis Aláez, pediu pouco despois do sinistro aos colexios profesionais de enxeñeiros de Industriais, Camiños e Telecomunicacións que cada un deles lle facilitase unha terna dos seus mellores profesionais para, mediante sorteo, elixir un de cada especialidade para axudalo a analizar o accidente. Cando así o fixo, os profesionais elixidos inicialmente como peritos de Camiños e Industriais presentaron orzamentos para realizar os seus traballos de máis de 800.000 e 500.000 euros respectivamente, honorarios que tería que abonar a Xunta como administración competente na xestión da xustiza a nivel autonómico.

Peritos xudiciais inspeccionando as vías en Angrois Dominio Público Sumario xudicial

Foi nese momento cando o Goberno galego rexeitou eses nomeamentos xa realizados polo xuíz e esgrimiu unha norma previa que obriga a buscar primeiro expertos dentro da propia administración antes de contratalos fóra. A Xunta ofreceulle a cambio ao xuíz dous funcionarios con esas mesmas titulacións de enxeñeiros de Camiños e Industriais, pero sen experiencia previa en materia de ferrocarrís: Juan Carlos Carballeira e José Manuel Lamela. Pola contra, o terceiro perito nomeado polo xuíz por sorteo de entre os profesionais ofrecidos polos colexios, o enxeñeiro de Telecomunicacións, César Mariñas, cuxo orzamento non superaba os 50.000 euros, mantivo e mantén hoxe o seu nomeamento como perito xudicial porque a Xunta dixo que non atopaba ningún funcionario que puidese facer ese traballo.

O perito xudicial imposto pola Xunta admitiu que plaxiara nun dos seus informes partes da investigación oficial do ministerio criticada pola UE e mudou as súas consideracións sobre se Adif debía ou non analizar o risco da liña ferroviaria

As peritaxes que realizaron os dous funcionarios da Xunta durante a instrución foron controvertidas, pero se ben a de Lamela, centrada no tren, xa non parece ter maior transcendencia, a de Carballeira, centrada na liña, chega a conclusións contrapostas ás que acadou o terceiro perito, o experto en telecomunicacións, Mariñas, que analizou os sistemas de seguridade. Mariñas, como o experto europeo Christopher Carr, concluíu que a seguridade era insuficiente e que Adif non analizara os riscos da liña. Pola contra, Carballeira, que chegou a admitir que plaxiara parágrafos da investigación oficial do ministerio e que puxo por escrito que non era precisa unha avaliación integral do risco da liña ferroviaria, concluíu finalmente durante a instrución que Adif si realizou como debía esa análise de riscos “completa”, como a cualificou tras asegurar que a “integral”, como se vén denominando durante a instrución, “non existe”.

Un exemplo dos varios plaxios contidos na peritaxe do enxeñeiro de Camiños facilitado pola Xunta ao xuíz instrutor CC-BY-SA Praza Pública

Será pois en xaneiro o momento no que, sometidos ás preguntas de todas as partes, Carballeira e Mariñas deban deixar claras as súas conclusións, as que en teoría deberan ter maior credibilidade para a xuíza pola súa suposta independencia.

Tras as declaración deses tres peritos xudiciais supostamente independentes, serán os peritos de parte, rematando polos do maquinista, os que poñan fin ás pescudas sobre as causas do accidente, para a continuación comezar, o 14 de febreiro e en principio ata xuño, coas declaracións das vítimas de cara a dilucidar as súas secuelas e as indemnizacións a que teñen dereito. O debate xa non será sobre o sistema ferroviario senón sobre persoas. Sobre danos e dor e sobre como os cuantifica o sistema xudicial, en principio nunha cifra que roldará os 57 millóns de euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.