Adif non cumpriu coa súa obriga de analizar o risco da liña completa Ourense-Santiago, onde tivo lugar o tráxico accidente do tren Alvia en Angrois. Así o asegura o enxeñeiro de telecomunicacións César Mariñas, que no seu informe sobre remitido ao xulgado asegura que "se bota especialmente de menos" que a avaliación se realizase sobre o sistema "completo".
"De terse realizado unha análise integral da liña, o perigo concreto da curva de Angrois e o seu risco asociado tería resultado máis que evidente"
No documento que foi presentado este venres ante o xuíz que investiga a causa, e ao que tivo acceso este diario, o perito asegura que, "de terse realizado unha análise integral da liña, o perigo concreto da curva de Angrois e o seu risco asociado tería resultado máis que evidente". O informe pertence ao único perito insaculado e, xa que logo, o que é considerado o máis independente no caso.
"Respecto da pregunta de se era normativamente necesario a realización dunha análise de risco do sistema Liña de AV Ourense-Santiago, ou se se prefire, unha análise integral da mesma, quedou constatado ao longo dos meus informes, o meu convencemento de que así é", di nunha das súas conclusións o perito.
Logo de reabrir o caso o pasado maio, a Audiencia da Coruña pediu que se aclarase a obrigatoriedade ou non de analizar o risco da liña. Agora dependerá do xuíz instrutor, Andrés Lago Louro, valorar ese informe ou outros que eximen de responsabilidade á empresa pública.
O xuíz instrutor determinará agora se pide un posicionamento á Axencia Ferroviaria Europea
Lago Louro reclamou novos informes aos tres peritos xudiciais e púxolles de prazo até este pasado venres 27 de xaneiro tras superarse o fixado inicialmente. Tendo en conta os seus resultados, determinará se pide un posicionamento á Axencia Ferroviaria Europea, como así queren tanto a Fiscalía como o avogado do maquinistas e as asociacións de vítimas.
No seu informe, o enxeñeiro Mariñas expón as súas conclusións sobre os novos documentos remitidos ao xulgado polo Adif e destaca que un deles, a análise de riscos preliminar realizado pola UTE Lavos, "cínguese exclusivamente ao alcance do seu subiminsitro en relación aos sistemas de sinalización e ERTMS N1". "Só dunha parte ou subsistema" da liña, tal e como aclara.
Sobre este documento "de carácter xenérico", o perito destaca que "identifica de xeito claro e explícito unha situación de perigo dun tren que circula a velocidade excesiva, un escenario de accidente no que un tren circula a unha velocidade excesiva por unha zona con limitacións permanentes ou temporais".
Así, destaca que tanto este documento como o plan xeral de seguridade da liña son "do ámbito da UTE e non de Adif", polo que repara no feito de que se "cinguen exclusivamente ao alcance do subministro das empresas da UTE".
O perito aclara que as análises feitas non son suficientes para demostrar a seguridade do sistema completo
Mariñas di que queda demostrado que se cumpriron os requirimentos que se lle esixen "aos adxudicatarios do contrato", pero avisa de que non é suficiente "para demostrar a seguridade do sistema completo se non se realiza tamén a conseguinte análise a un nivel superior, onde por suposto se analicen as interaccións entre as súas partes e todos os interfaces internos e externos do sistema". "A seguridade require dunha visión holística", engade.
Ademais, indica que a posta en servizo dunha nova liña de alta velocidade "debe considerarse un cambio significativo do sistema ferroviario", polo que a mudanza do proxecto inicialmente adxudicado polo modificado finalmente executado "supuxo igualmente un cambio significativo". Por todo, indica que tería que terse realizado a análise de risco pertinente, ao non ter constancia de que fose realizada e documentada axeitadamente por Adif.
Para Mariñas, era "normativamente necesaria" a realización dunha análise de risco do sistema da liña, é dicir, "unha análise integral" dela, para o que fai alusiónn á normativa de seguridade ferroviaria europea 2004/49/CE.