A maxistrada desbota todo tipo de queixas que demorarían unha vista cuxa primeira xornada comezou co maquinista exposto ás cámaras e rematou co ex-cargo de Adif protexido das vítimas pola policía
“Se quere póñolle a sentenza. Non pode pretender que faga xa unha relación de feitos probados”. Esa foi a resposta que deu este mércores a xuíza do accidente de Angrois, Elena Fernández Currás, ao intento do avogado do ex-cargo de Adif acusado xunto co maquinista de que quedasen fóra do xuízo diversas cuestións relacionadas coa seguridade do tren e a liña. Esas pretensións de baleirar de contido a vista oral na súa primeira sesión, secundadas polo avogado do Estado, foron rexeitadas pola xuíza, que tamén desbotou boa parte do resto de cuestións previas formuladas polas partes persoadas na causa e que demorarían aínda máis un xuízo que xa se prevé que dure ata o próximo verán.
Foi nunha primeira xornada do xuízo, máis de nove anos despois do accidente con 80 mortos e 144 feridos, que deixou a imaxe do maquinista do Alvia accedendo á sala de vistas como o resto de asistentes, pola única entrada disposta e polo tanto á vista das cámaras e xornalistas alí presentes. Pola contra, o outro acusado, o ex-cargo de Adif, evitou ser retratado na súa chegada ao poder acceder por unha porta traseira vixiada como o resto de accesos do edificio por axentes do Corpo Nacional de Policía. Numerosos presentes amosaron o seu malestar pola disparidade de trato e xa non pasou o mesmo á saída, cando empregou a mesma porta xeral pero protexido pola policía das vítimas, unha das cales foi identificada por un intento de agresión.
Entre a disparidade de cuestións previas formuladas polas partes persoadas no xuízo, a máis relevante polo alcance que podería chegar a ter foi formulada polo avogado defensor do ex-director de Seguridade de Adif acusado, Andrés Cortabitarte, á que se adheriu o avogado do Estado que participa en defensa da propia Adif.
O letrado reclamou que no xuízo só se pescude na pertinencia ou en como se realizou a análise de riscos da liña, pero non outras cuestións como que o sistema de seguridade da alta velocidade non estivese instalado na curva de Angrois, que fose desconectado a bordo dos trens Alvia ou que non houbese sinalización lateral de velocidades. Segundo tentou argumentar, autos previos da Audiencia da Coruña durante a instrución orientaran a investigación cara á análise de riscos e descartaran seguir investigando as outras cuestións, polo que ao seu ver esas cuestións xa non poden chegar a xuízo e, de facelo, poderían supoñer a súa nulidade.
Porén, o fiscal, Mario Piñeiro, secundado por outras partes, argumentou que iso deixaría “sen contido o xuízo” e lembrou que “non hai ningún auto de sobresemento” da Audiencia da Coruña sobre ningún feito. “Os autos non exclúen feitos”, dixo, en contra dunha petición que suporía xulgar as análises de riscos pero sen ter en conta que estas se realizan sobre situacións efectivamente existentes na liña como a desconexión do sistema de seguridade ou a sinalización que alí había ou non. O que veu dicir a xuíza foi que na vista oral analizarase todo e será ela quen xulgue a pertinencia ou relevancia do que se diga. “Todo está intimamente ligado”, concluíu a maxistrada.
"A min tamén me gustaría ter un xuíz de apoio", dixo maxistrada ante as queixas dalgunhas partes polas limitacións organizativas dunha causa tan grande
A xuíza tamén rexeitou outro tipo de cuestións sobre o número de avogados que poden participar por cada parte ou diversa documentación que algunhas partes non consideraron pertinente que figure na causa. A súa resposta para boa parte desas cuestións foi que as partes xa tiveran tempo antes de presentar as súas obxeccións noutros momentos procesuais e non o fixeran, polo que agora ao seu ver non poden aceptarse para non demorar indebidamente o xuízo. “A min tamén me gustaría ter un xuíz de apoio”, chegou a dicir como exemplo da complexidade do caso ao que se enfrontan todas as partes.
Os acusados poderán ausentarse do resto de sesións do xuízo unha vez declaren, en principio este xoves o maquinista e a continuación, probablemente o venres, o ex-cargo de Adif
A xuíza si admitiu a petición do avogado do maquinista de que dous peritos propostos por el sexan os últimos en declarar como expertos, para que teñan a oportunidade de tentar rebater o que digan outros antes. Igualmente, aceptou a súa petición de que os dous acusados non teñan que asistir a todas as xornadas do xuízo e poidan ausentarse unha vez que declaren, en principio este mesmo xoves o maquinista Garzón e cando el remate, probablemente o venres, Cortabitarte, o ex-cargo de Adif.
Entradas distintas para os acusados e catro horas de sesión
A primeira sesión do xuízo destinada a estas cuestións durou algo máis de catro horas. Nas portas do edificio da Cidade da Cultura que vén de converterse nun xulgado congregáronse numerosos medios de comunicación e vítimas do sinistro, que puideron ver como o maquinista, como o resto de avogados, público ou xornalistas, entrou e saíu pola única porta habilitada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Porén, Cortabitarte puido acceder por outra entrada traseira vixiada pola policía. O feito foi moi comentado entre os presentes e a saída xa a realizou o acusado pola porta principal, escoltado, ao igual que o maquinista, por axentes uniformados.
A policía identificou o pai dunha moza morta en Angrois por un intento de agresión a Cortabitarte á saída da sesión
Malia esa protección, Cortabitarte, que recibiu improperios das vítimas alí presentes, recibiu un empurrón, golpe ou intento de agresión, dunha intensidade que este medio non puido contrastar. Nun primeiro momento o acusado xirouse con actitude desafiante, pero a continuación fixo ver que estaba a sufrir un desmaio e foi axudado polos axentes e os seus avogados a chegar ata un vehículo. A policía identificou por ese feito o pai dunha moza morta na curva de Angrois, mentres o presidente da plataforma de vítimas condenou calquera violencia e transmitiu as desculpas do implicado.