A reconstrución policial inexacta, o interventor que telefonou e o maquinista que alertou do que pasaría: o que vén no xuízo de Angrois

Recreación do accidente de Angrois realizada pola Policía Científica © Policía Científica

Tras a declaración dos dous acusados, a vista retómase con dez policías e co compañeiro que chamou ao maquinista, que primeiro ocultou a chamada e despois presentouse como prexudicado

Tras as declaracións dos dous acusados, o maquinista Francisco José Garzón e o ex-director de Seguridade na Circulación de Adif Andrés Cortabitarte, o xuízo polo accidente de Angrois retómase este martes coa comparecencia de dez axentes da policía, entre eles os que elaboraron o atestado policial levantado tras o sinistro. 

O mércores está citado o interventor do Alvia que realizou a chamada telefónica que despistou o maquinista, Antonio Martín Marugán, que tras ocultar primeiro a existencia desa chamada pasou un ano despois do accidente a persoarse na causa como prexudicado como o resto de vítimas. 

E o xoves comparecerá José Ramón Iglesias Mazaira, o maquinista xefe formador doutros condutores que un ano e medio antes alertara de que na curva de Angrois podía ocorrer un accidente por despiste como o que sucedeu.

Martes: a policía

As declaracións retómanse este martes coa comparecencia de dez axentes da policía, entre eles o instrutor e o secretario do atestado policial que se abriu tras o sinistro do 24 de xullo de 2013. Máis adiante, o 15 de novembro e o 15 de decembro, aínda declararán outros catro policías, entre eles o xefe da Policía Científica.

Foi nos primeiros meses tras o accidente, antes de que a instrución xudicial comezase a afondar nas eivas de seguridade máis alá da responsabilidade do maquinista, cando a policía realizou as súas principais actuacións no caso: primeiro custodiaron e despois detiveron o maquinista tras as súas declaracións inmediatas de que se despistara, tomaron as primeiras declaracións a varios implicados ou pescudaron nas chamadas intercambiadas entre eles. 

Meses máis tarde, en xaneiro de 2014, a Policía Científica da Comisaría Xeral enviou ao xulgado instrutor un DVD cunha “reconstrución infográfica” do accidente, un vídeo no que se amosan imaxes da saída do tren da estación de Ourense e que tenta reproducir os dous últimos minutos da viaxe, desde que o maquinista recibiu a chamada telefónica do interventor. 

A reconstrución policial, revelada daquela por El País, é inexacta, realizada de xeito aproximado, con algunhas imaxes demoradas que non coinciden temporalmente cos sons e actividades rexistrados pola caixa negra do tren. A reconstrución policial tamén xustapón imaxes sobre unha mesma escena, como a aproximación do Alvia á curva de Angrois, que orixinalmente foron captadas por varias cámaras de forma simultánea.

Mércores: o interventor que ocultou a súa chamada


O interventor que telefonou ao maquinista dixo non sentirse culpable, pero tamén que nin el nin o maquinista tiñan limitadas esas comunicacións

O mércores a sesión iniciarase coa declaración de Antonio Martín Marugán, o interventor do tren que chamou ao maquinista para preguntarlle en que vía pararía na estación de Pontedeume, á que non ían chegar ata unha hora e media máis tarde e tras parar noutras cinco estacións intermedias nas que poderían falar en persoa. A conversa estendeuse durante cen segundos e ao cortarse a chamada o maquinista xa non deu freado a tempo e descarrilou na curva de Angrois.

Na súa primeira declaración xudicial, dous días despois do sinistro, Marugán ocultou a existencia da chamada, e mesmo negou expresamente a El País que existise. Foi coñecida ao desvelarse o contido da caixa negra do tren, cando o maquinista argumentou que tampouco el dixera nada para non implicar o seu compañeiro nun despiste que consideraba da súa exclusiva responsabilidade. 

Antonio Martín Marugán, interventor do Alvia autor da chamada telefónica que despistou o maquinista co teléfono co que que a realizou, no Congreso Dominio Público Congreso dos Deputados

Chamado novamente a declarar, Marugán argumentou que non lembraba en que momento da viaxe se producira a chamada e que cando o tren descarrilou, apenas uns segundos despois de rematada esta, xa tiña o teléfono no peto. Nos días seguintes o interventor repetiría en varios medios de comunicación que en ningún momento se considerara culpable.

Primeiro de baixa laboral e despois prexubilado a comezos de 2014, en setembro dese ano o seu avogado pediu a súa personación na causa xudicial “como prexudicado e actor civil”, e tras a apertura do xuízo oral renunciou á acción penal pero reservouse a civil. Cando declarou na comisión de investigación política no Congreso en xullo de 2018, Marugán dixo que nin el nin o maquinista tiñan limitación para realizar chamadas entre eles e que el era "o primeiro interesado en que non ocorrese o que ocorreu, porque ía dentro" do tren.

Xunto co interventor, o mércores tamén declararán un vixiante de seguridade que ía a bordo do tren; o maquinista que conducira o Alvia ata Ourense, onde foi relevado por Garzón para pasar el a ser un pasaxeiro máis; e un mecánico de Renfe que viaxaba como pasaxeiro.

Xoves: o maquinista que alertou dun accidente como o que pasou

A alerta que lanzou o maquinista xefe chegou a dez técnicos ou cargos de Renfe e algún nin a leu

A sesión do xoves comezará coa declaración de dous veciños de Angrois que atenderon o maquinista xusto tras o accidente, seguida da do xefe de circulación da estación de Santiago. Pero será a última declaración do día e da semana a que resulte de máis interese. Será a de José Ramón Iglesias Mazaira, maquinista xefe formador doutros maquinistas que en decembro de 2011, ao abrirse a liña de alta velocidade e ano e medio antes do accidente, alertou de que podía pasar un accidente por despiste como o que ocorreu. 

Advertencia a Renfe do risco dun accidente en Angrois como o que acabou sucedendo realizada por un maquinista xefe un ano e medio antes do sinistro CC-BY-SA Praza Pública

Iglesias Mazaira chegou a poñer por escrito que os trens debían reducir bruscamente a súa velocidade xusto antes da curva de Angrois sen que houbese ningún sistema automático que o fixese no caso de despiste. O único sinal, só visual e non automático, que existía estaba situado ao inicio da propia curva “pero de pouco vale posto que de non reducir previamente a velocidade nada se poderá facer xa”.

A advertencia por escrito de Mazaira chegou a polo menos dez técnicos intermedios de Renfe, algún dos cales nin a leu, segundo constatou posteriormente documentación interna de Renfe. Cando a comezos de 2014 varios daqueles técnicos de Renfe pasaron a declarar polo xulgado, ofreceron versións contraditorias e nunca quedou claro de ata onde chegou o aviso dentro da estrutura xerárquica da operadora ferroviaria, máis alá de que se concluíra entre eles que a normativa permitía esa situación de risco. 

O resultado final foi que Renfe non avisou a Adif, que era a responsable de mellorar a sinalización da vía, e un ano e medio despois acabou ocorrendo o accidente que predixera Mazaira. Ademais, o maquinista xefe asegurou que se reforzara a formación sobre o risco desa curva aos maquinistas que dependían del, os que tiñan base en Ourense, pero o condutor do Alvia tiña base na Coruña e nunca recibiu esas alertas

José Ramón Iglesias Mazaira, maquinista xefe que alertou do risco de Angrois, durante a súa comparecencia no Congreso Dominio Público Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.